fbpx
Eira das Mouras, no monte Neme / Íñigo Mouzo

Queren recuperar o monte que garda un cromlech, cultos precristiáns e oscuras minas

Tempo de lectura: 8 min.

Íñigo Mouzo, licenciado en Historia da Arte

O Monte Neme é un dos lugares máis descoñecidos para os galegos, pero sen embargo un dos máis profusos no tocante á súa historia, misterio, lendas, así coma ás pegadas do actividade do home ó longo de todas as épocas. Semella ser un lugar sagrado ou telúrico, un lugar que por algún motivo destaca como berce de tradicións e de supersticións populares que tiveron a súa cabida máis profunda no imaxinario da cultura tradicional. O Monte Neme é un punto excepcional. Un deses montes sagrados, dalgún xeito tocados pola historia, cargado de intervencións, acontecementos, de supersticións e de segredos.

O monte, que se ergue a 386 m directamente sobre o nivel do mar, ó norte da Costa da Morte e ó oeste da comarca de Bergantiños, é xa xeolóxicamente un lugar excepcional. No Monte Neme predominan as rochas metamórficas, como é habitual no noso territorio, pero aquí, a diferenza de todo o occidente galego, non predomina o granito senón os gneis. Os gneis son minerais procedentes do metamorfismo da propia rocha e que conteñen na súa estrutura os seus mesmos compoñentes, seixo, feldespato e máis mica moscovita. Pero do froito desta metamorfización aparecen xunto ós gneis outros elementos non moi correntes no territorio peninsular e europeo, coma a casiterita, a wolframita ou a scheelita, dos que é posible extraer materiais coma o estaño ou o wolframio. Estes minerais condicionaron por completo a historia do monte e fixeron de el branco de miradas ó longo de todas as épocas e dende xeografías diferentes.

De feito, apúntase a que a as orixes da actividade mineira no lugar poden estar vencelladas a épocas romanas, gregas ou fenicias, nas que o estaño era moi codiciado por todos estes pobos que circunnavegaron o occidente na busca de valiosos metais. É posible que o Monte Neme estivera xa nas rutas romanas pola costa atlántica europea, seguramente sobre o trazado da tradición marítima da Idade dos Metais, así coma da procura das míticas illas Casitérides. E é posible que as orixes da explotación mineira de este lugar estean xa nos albores da Idade Antiga ou do último Neolítico.

Pero a filia do ser humano con respecto a este lugar se remonta a épocas moito máis perdidas no tempo, xa que é de época paleolítica o principal referente monumental do monte, a Eira das Meigas, o que o insire máis profundamente nunha historia chea de misterio e de ficción popular. A Eira das Meigas ou Circo dos Xogos é un conxunto lítico conformado a xeito de círculo de pedras ou crómlech, un dos escasos exemplos que posuímos en Galicia de estas estruturas. O conxunto foi un monumento mítico descrito por autores como Murguía ou Monteagudo, e era un crómlech de tamaño máis ben reducido localizado na ladeira sueste do monte, orientado o nacente. Os crómlech, coetáneos dos menhires ou das mámoas, son monumentos formados por grandes lousas verticais que terían relación con prácticas funerarias e con cultos astronómicos das culturas do Paleolítico Superior e Mesolítico, orientados normalmente ós equinocios ou solsticios. Por desgraza a Eira das Meigas se atopa practicamente destruída por mor da apertura de pistas para a actividade mineira na década de 1960. Era un dos escasos exemplos de círculo lítico situado no alto dun monte illado á beira do mar, un dos curiosos exemplos que lle confiren a un monte un carácter sagrado e que ata vai pouco tempo conservaba o Neme e con el as comarcas de Bergantiños e Costa da Morte.

Eira dos Mouros, no monte Neme / Asociación Cultural San Campio de Cances

Eira dos Mouros, no monte Neme / Asociación Cultural San Campio de Cances

Mais o misterio do monte non remata aquí senón que tamén debeu de posuír dalgún xeito vinculacións con poboadores neolíticos, se cadra co asentamento nas súas ladeiras de poboados da Idade dos Metais. E posible que neste lugar se asentara un castro, probablemente tamén perdido polas obras de minería, ou, se cadra, localizado nos seus arredores. Pois é deste lugar do que procede a famosa Arracada de Cances. Esta arracada é un pequeno adorno de ouro puro típico da época castrexa a xeito de pendente, de feitura habitual nesta época da nosa historia. A xoia, que se atopou en 1950 no chamado rego de Bandeira durante os traballos na mina, é un dos exemplos importantes da ourivería castrexa, e na actualidade consérvase na colección do Museo de Pontevedra.

Co decorrer da historia, do mesmo xeito que ocorreu ó longo de toda Galicia, a forte presenza de cultos precristiáns no lugar tivo a súa contestación na cristianización e santificación destes lugares. Fíxose, como é habitual a través de unha hermida, nesta ocasión construída na advocación de Santa Cristina. O lugar, que por outra banda, segundo apuntan as fontes, parece que tería por nome o da divindade precristián Nemet, presente en toda a topografía galega, sufriría unha vez máis a perda deste conxunto pola actividade fabril. Sen embargo, non sería o único monumento, xa que nos propios arredores de todo o monte aparecen múltiples fontes e capelas ás que a tradición oral outorga unha significación purificadora respecto do propio monte.

Isto é reflexo da importancia que a cultura popular lle confire o sitio. Todos estes feitos, e sobre todo a enigmática presenza do círculo lítico tiveron unha importante influencia sobre o imaxinario da zona. De feito a tradición oral asignoulle o propio monte significados especialmente vencellados a un carácter pagán e demoníaco, cando menos no tocante as tradicións ligadas á mística do círculo de pedra. O nome de Eira das Meigas ou Circo dos Xogos, fai referencia á asociación do lugar con aquelarres e celebracións escuras, asociadas á noite de San Xoán ou ó solsticio. Nesta noite as meigas reuniríanse no lugar sentándose nas grandes butacas de pedra para discutir qué facer cos vivos e para renderlle contas dos seus feitos ó demo. Antes de subir cara o monte se lavaban na Fonte das Meigas, no lugar de Tordoia, ou noutras como a de San Paio da Devesa ou na cascada de entrecruces. Mentres igrexas como as de Santa María de Ardaña protexerían ós veciños fronte a intervención dos seus males.

Actividades mineiras no monte Neme / Íñigo Mouzo

Actividades mineiras no monte Neme / Íñigo Mouzo

O MONTE E A MINERÍA

Máis alá da lenda e do mito, a historia recente do monte ten episodios turbulentos na súa relación coa extracción dos importantes minerais, especialmente o caolín e wolframio. Segundo apuntan os documentos, a primeira concesión da mina, respecto a estes dous materiais dataría de 1923, aínda que segundo semella, a orixe sería polo menos anterior á primeira gran guerra, prorrogándose en sucesivas ocasións ata o ano 2012, ano no que a mina se abandona. Serían case cen anos de extracción de wolframio, xa que este material foi de especial importancia a comezos do século XX polo seu uso como condutor da electricidade, pero sobre todo polo seu uso na industria militar como material indispensable para o endurecemento do aceiro.

Así, sería no entorno da Primeira Guerra Mundial cando se comezaría a explotar o xacemento, retomando a súa importancia na Guerra Civil, e chegando se cadra ó seu maior apoxeo, cando menos en importancia, durante a segunda gran guerra. Segundo conta a historia os aliados tiñan grandes reservas deste material mais non así o exército de Hitler, que ó longo de toda a guerra estivo nunha continua carreira para conseguilo, xerándose por este motivo importantes episodios de espionaxe e contraespionaxe entre británicos e alemáns polo férreo control por parte de estes últimos deste prezado material. Unha das fontes de abastecemento do Führer foi a Península Ibérica, xa que Franco debía pagar a intervención de Hitler na Guerra Civil española en wolframio. En Galicia varios foron os xacementos, pero o Monte Neme destaca entre eles pois foi un dos maiores enclaves peninsulares para a súa produción.

Tras o final da gran guerra a demanda do material decae mais a industria do Neme continúa producindo. Na década de 1950 a produción recupérase xa que a guerra de Corea interrompe os suministros do Pacífico. Mais tamén o caolín foi nesta época un material de produción importante con centros de produción de cerámica en lugares como a vila de Laxe. Finalmente, na década de 1980, a extracción de ambos materiais decae por completo quedando a produción da canteira nunha dimensión case anecdótica. Pese a todo a industria mantense funcionando e nesa década faise cargo da factoría a sociedade Leitosa. En 2006 entrará na empresa unha compañía valenciana que se converterá no accionista maioritario e que acabará por quebrar no ano 2012 deixando o lugar en completo abandono.

Na actualidade toda a zona mineira ocupa unha superficie total duns 70.000 metros cadrados, e, sen dúbida, o grande problema derivado do seu abandono, máis alá das destrucións incuantificables do patrimonio que deixou a súa actividade, é o impacto visual da explotación, visible dende toda a metade occidental da comarca de Bergantiños e norte da Costa da Morte. Ó Monte Neme é posible acceder dende a AC-418 en Tremoa, na parroquia de Buño, no concello de Malpica, e a pesares da imaxe visual que ofrece á contorna, o seu interior atópase na actualidade cargado de exotismo. O lugar posúe unha beleza oculta no seu carácter abandonado. No cume deste outeiro apréciase un ambiente de mística, realidade, lenda, cultura popular, abandono e paisaxes industriais en decadencia.

A XUNTA PROMETE RECUPERAR O MONTE NEME

O pasado 29 de setembro, Ángel Bernardo Tahoces, director xeral de Industria, Enxeñería e Minas da Xunta de Galicia, anunciaba, durante unha visita á comarca de Bergantiños, a súa intención de recuperar o Monte Neme. O obxectivo é restablecer o aspecto natural dun espazo emblemático do norte da Costa da Morte e que tivo unha profusa e complexa historia ó longo de todas as épocas, algunhas de elas escuras e outras cargadas de fabulación e misterio. Tratarase de borrar as pegadas máis profundas da súa historia recente, sobre todo no tocante á actividade mineira, e devolverlle, no posible, un carácter natural que esta actividade lle arrebatou por moito tempo.

Situación na que se atopa parte do Monte Neme polas actividades mineiras / Íñigo Mouzo

Situación na que se atopa parte do Monte Neme polas actividades mineiras / Íñigo Mouzo

A actuación, que implicaría a intervención dos concellos limítrofes de Carballo e Malpica, e que desenvolvería a empresa Tragsa, consiste en retirar e demoler os restos das antigas instalacións mineiras que estiveron en activo dende a Primeira Guerra Mundial ata practicamente o ano 2012, así como asentar e asegurar o terreo. Esta actividade que por moito tempo modificou profundamente o perfil do monte, creou un forte impacto visual en todo o oeste da comarca de Bergantiños, norte da Costa da Morte, e danou gravemente o patrimonio cultural e natural do lugar, ata a práctica total desaparición deste primeiro. O obxectivo principal será minimizar este impacto, así como ademais asentar e asegurar o terreo de xeito que se eviten accidentes como as riadas do ano 2014.

Será por isto que os traballos consistirán na demolición e desmontaxe das estruturas fabrís da antiga canteira, tanto construídas como a escasa maquinaria conservada da actividade de extracción. Levarase a cabo o derrube de muros de formigón, de forte impacto visual no lugar, mentres que o material industrial que persiste, escaso despois de numerosos saqueos, será levado a poxa para chatarra. A intervención contempla ademais a limpeza do monte no tocante a residuos de vertedura, como restos de electrodomésticos e escombro, verteduras feitas de xeito ilegal polos veciños da zona que se producen dende que os traballos na mina se paralizaron.

A intervención terá ademais unha vertente encamiñada a consolidar as balsas ou pozos da canteira, anegados pola auga, abandonados e sen control dende que a actividade mineira cesou. Este feito chegou a causar importantes problemas como as riadas de 2014, que anegaron de lama e materiais de escombro parte das ladeiras do outeiro polo seu desbordamento, chegando ata o propio areal de Razo. O suceso xerou unha denuncia interposta no xulgado de Carballo pola Asociación de Protección Ambiente e Minería, con sede en Cabana, esixíndolle á Xunta e a aseguradora da empresa mineira os gastos producidos polos danos e a reposición do estado anterior do lugar.

A intervención, por tanto, terá una vertente encamiñada a garantir a seguridade do lugar, estabilizando os socalcos e construíndo canalizacións e aliviadoiros que permitan a desviación de escorrentías. Ángel Bernardo prometía que as obras comezarían de inmediato, sendo o obxectivo rematalas antes de final de ano, co fin de encarar xa o inverno con seguridade.

Despois do feche da fábrica en 2012 e das riadas de 2014, a intervención da Xunta suporá para o lugar un novo punto de partida. Quedará por ver, se a intervención finalmente se leva a cabo, se serve para promover os valores e a importancia histórica do lugar ou simplemente serve para borrar as pegadas da canteira e abandonar de novo o complexo. Se cadra a oportunidade serva para entender e reinterpretar un lugar marcado polas pegadas da historia, da decadencia e da superposición de diferentes momentos así como da necesidade de distintas etapas culturais de enfrontarse ó descoñecido e de relanzar coa minería as súas necesidades económicas.

Pode que che interese...