fbpx
Capra pyrenaica lusitánica, tamén coñecida como cabra montesa galaica / vialehtes.es

A cabra montesa galaica, a triste historia dunha extinción

Tempo de lectura: 3 min.
Alexander de los Ríos Conde, historiador

Houbo un tempo na que a cabra era a dona e señora das grandes montañas galegas. E non era unha cabra calquera, era a cabra montesa galaica, a capra pyrenaica lusitánica, unha subespecie do bóvido cáprido que tamén moraba nas zonas montañosas do norte de Portugal, Asturias, León e Cantabria. Pero os seus días remataron coa chegada da modernización e a extensión da caza. O último exemplar foi visto en 1892.

A cabra montesa galaida arecíase bastante en cor e tamaño ao resto de subespecies (victoriae, hispánica e pyrenaica ou bucardo); o que a distinguía era que tanto a súa cornamenta como as zonas de cor negra na súa pelame eran máis reducidas. Os cornos do macho non alcanzaban o medio metro, eran aproximadamente a metade de grandes que os do bucardo (capra pyrenaica pyrenaica), tamén extinto, e estendíanse pouco cara a fóra. A femia non tiña crin e carecía de bandas negras no dorso e os costados.

A mediados do século XIX, José Vicente Barbosa du Bocage publicou estudos baseados na análise de cinco exemplares do museo de Lisboa e outros dous do de Coimbra, a súa Memoria sobre a cabra-montez dá serra do Gerez e Memoria sobre uma espécie nova do xero Capra L., a Cabra-Montez da Serra do Gerez, em Portugal.

Última instantánea dunha cabra montesa galaica, tomada en 1890 a quilómetro e medio de Portela do Home, no Xurés / vialehtes.es

A fin dunha especie

A finais do devandito século, en 1886, unicamente quedaba un rabaño na península, reducido ás serras do Xurés-Gerês. O 20 de setembro de 1890 captúrase ao único exemplar fotografado, unha femia, no Val de Albergaría, a un quilómetro e medio de Portela do Home. Atrapárona tres gardas forestais cando entrou nun viveiro que estaban a cavar e, posteriormente, trasladárona ao Zoolóxico de Lisboa onde morreu poucos días despois. Outras dúas femias atopáronse mortas na Serra do Xurés, o mesmo ano, debido a unha avalancha de neve.

Os últimos testemuños que se conservan, todos procedentes da parte portuguesa, o Gerês, datan de 1892, cando morreu unha femia vella e avistáronse outros dous exemplares. Considérase este, por tanto, o ano da súa extinción; aínda que é posible que sobrevivise durante máis tempo algún exemplar illado.

Falouse dos depredadores (lobos e aguias reais), o contaxio de enfermidades doutros bóvidos ou alteracións no seu hábitat como factores desencadenamentos da súa desaparición, pero esta atribúese, ante todo, á súa caza indiscriminada. Era unha presa apreciada pola súa carne, ademais utilizábase para elaborar antídotos, a súa pel servía para cubrirse e os cornos como obxectos decorativos (e como instrumentos para comunicarse, pois ao sopralos o seu son chegaba bastante lonxe). Isto pode explicar por que os últimos exemplares eran femias xa que a súa cornamenta era moito máis pequena e non era atractiva para os cazadores.

A carencia de protección no seu momento propiciou a súa extinción. Esta ausencia tentouse reparar un século máis tarde coa introdución no Xurés da cabra pyrenaica victoriae, por parte da Xunta de Galicia. A repoboación deu comezo en 1993 con exemplares da Serra de Gredos e a súa evolución está a ser positiva, tanto que a Administración galega autoriza a súa caza, aínda que con restricións, desde 2014. Esta política foi imitada por Asturias e está en estudo en Cantabria, aínda que neste caso é máis por motivos cinexéticos e turísticos que polo interese medioambiental.

Fontes:

Ilustração Portugueza, nº 131, Lisboa, 24/8/1908

CABRERA E LATORRE, Anxo: Fauna Ibérica. Mamíferos, Madrid, 1914

http://faunaourense.blogspot.com.es/2010/12/cabra-montes-lusitana-cronica-dunha.html

Nova publicada no blogue vialethes.es

Pode que che interese...