fbpx
Mapa ao asedio de Salvaterra de Miño durante a Guerra de Restauración Portuguesa na que tivo un papel destacado os distintos fortes a unha e outra beira do Miño, tamén no lado de Monção

Novos achados permiten reconstruir o asedio a Salvaterra e Monção na guerra de Restauración Portuguesa

Tempo de lectura: 3 min.

Óscar Pazos Rodríguez, xeólogo – Autor de A invención da Gallaecia e a minaría do ouro

A aparición de novas evidencias de construcións defensivas no xacemento Fillaboa-Lodeiro, en Salvaterra do Miño, acaba de abrir novas hipóteses de traballo sobre o que foi un dos focos bélicos da coñecida como Guerra de Restauración Portuguesa, no século XVII.

A resolución dos relevos mineiros da explotación galaico-romana de ouro de Fillaboa-Lodeiro puxo fin a moitas malinterpretacións. Tamén a limpeza dunhas parcelas de monte aclarou a estrutura dun triple entrincheiramento no lugar de Vasco de Puga, así como a consulta das fotos do voo americano de 1956 que permitiron seguir a traza daquel entrincheiramento.

Por outra banda, a revisión das crónicas e sucesos da guerra da Restauración de Portugal; a pista dada pola arqueóloga municipal de Monção, Odete Barro, sobre a orixe de tres pequenos fortes desa guerra coñecidos ao oeste da vila; as ortoimaxes de 2006 de Google Earth que amosan o que puido ser un cuarto forte xusto ás portas da vila; e máis unhas camiñadas por todos estes lugares de Salvaterra e Monção, permitiron reconstruir o mapa de operacións de asedio e conquista das prazas de Monção e Salvaterra, tomadas en 1659 por un exército duns dez mil homes comandados por Rodrigo Pimenetal, Marqués de Viana do Bolo, na altura Capitan Xeneral do Reino de Galicia.

Desfeita dun dos fortes das guerras do século XVII contra Portugal en Salvaterra do Minho / Óscar Pazo

A complexa operación iniciouse en outubro de 1658, cando tras dunha importante victoria contra as forzas portugueses en Vila Nova de Cerveira e tomar a Torre de Lapela o 30 de setembro, o de Viana dirixiu o exército contra Monção, que na altura estaba apenas fortificado. Após dous meses de penosos combates e moitas baixas duns e outros a dicir das crónicas, o 7 de xaneiro de 1659 o exército tomou a praza para o rei Felipe IV, e completamente rodeado polo norte e sur, o forte de Salvaterra foi finalmente rendido polos portugueses o 17 de febreiro.

Complexo fortificado

O que revelan os achados é un longo entrincheramento que, partindo do forte de Aitona, ao norte de Salvaterra, rodearía -a boa distancia- a praza forte de Salvaterra de Miño até Fillaboa para continuar ao sur do río nunha sucesión de catro pequenas fortificacións chantadas no terreo, para dar protección ao exército asaltante en treitos duns poucos centos metros. Do cuarto deses fortes queda apenas un foxo e un baluarte, e o terceiro está completamente arrasado. No lado galego o entrincheiramento sufriu tamén graves desfeitas nas últimas décadas, tallado pola estrada de Salceda a Salvaterra e case totalmente destruído polo polígono industrial de Chan da Ponte e outras urbanizacións.

Triple entrincheiramento en Vasco da Puga, Salvaterra do Miño, no contexto das guerras con Portugal do século XVII / Óscar Pazos

Os achados non só revelan a estratexia de combate e asedio deste importante episodio na longa guerra de Restauración, que mantivo o Baixo Miño en guerra por un cuarto de século, tamén alumean sucesos concretos xa esquecidos na memoria local. Así, as crónicas relatan que ao comezo da operación o exército do Marqués de Viana tivo de cruzar o Tea pola ponte medieval que alí -mal que ben- mantense en pé, establecendo unha posición na beira este do río en feroz combate cos portugueses. E precisamente a carón do triple entrincheiramento de Vasco de Puga unhas poucas fincas conservan o topónimo de ‘Queimados’, disque recordando algunha refrega no lugar. E o historiador José Manuel Moreira Docampo, que documentou cinco xeracións da familia fidalga dos Puga no Condado, conta dun Capitán Vasco de Puga e Araujo, natural de Salvaterra, e doutro Capitán Vasco de Puga e Quiñones, con casa en Ponteareas xa en 1636, vivos ámbolos dous en 1670, e dun Gregorio López de Puga morto polos portugueses en Salvaterra.

Arestora os restos do entrincheramento esperan a visita dos técnicos de Patrimonio da Xunta para avaliar os achados e, se cadra, incluílos no catálogo de Bens Culturais de Galicia, unha visita que tamén ficou pendente dunha comunicación documental no lado portugués.

Pode que che interese...