fbpx
Obras no porto exterior da Coruña que destrozaron un dos castros máis antigos de Galicia, situado enriba do Castro de Punta Langosteira / elconfidencial.com

A historia dun dos castros máis antigos e enigmáticos de Galicia que rematou debaixo das escavadoras

Tempo de lectura: 8 min.

Coas obras do Porto Exterior da Coruña perdeuse un castro que podería ser un dos nosos sinais de identidade patrimonial. Trátase dun dos máis antigos de Galicia, datado no século IX a.C., e probablemente un dos menos coñecidos. E, aínda que o que se atopou no seu xacemento deixou abraiado ó equipo arqueolóxico que o estudou o certo é que do xacemento so se conservan algúns restos esquecidos nun almacén.

Este impresionante sitio arqueolóxico estaba na Punta dos Muros, un pequeno saínte dentro da Punta Langosteira. Pertencía á parroquia de Suevos, no concello de Arteixo, e o seu propio nome xa indicaba que alí se atopaba un xacemento arqueolóxico. Nunha localización singular, semellante á doutros castros situados en promontorios sobre o mar, como o noiés Baroña, a cidade neolítica permaneceu no seu lugar dende a I Idade do Ferro ata o século XXI.

Mais, principiado este, comezou o fin da súa historia, e isto ocorreu pola construción dunha grande infraestrutura porto exterior da Coruña, que tería que ocupar, segundo parece, irresolublemente o lugar. A desaparición do xacemento deixaría moitas incógnitas sobre o seu pasado, excerpcional no contexto dos castros galegos, así como pendente un proxecto divulgativo que, a pesares das continuas promesas da Autoridade Portuaria da Coruña, acabou no máis puro esquecemento.

A prevaleza do Interese Xeral, o porto

E é que en 2004 o inicio das obras do Porto Exterior poñía en perigo un xacemento catalogado. Entre xaneiro e xullo de 2005, tivo que ser escavado de urxencia, sendo o director das obras Juan A. Cano Pan. Na declaración de impacto ambiental do Porto, do ano 2001, xa se facía constancia a presenza da fortificación, mais o interese xeral prevalecía sobre o xacemento, xa que, entre outras cousas o da Coruña é un Porto de Interese Xeral do Estado.

É por isto que, a pesares de que o goberno central non fora responsable nin da iniciativa nin se fixo cargo dos custes das novas dársenas, tanto a declaración de impacto ambiental como as resolucións de Patrimonio tiveron que pasar por forza por organismos estatais. O 7 de xullo de 2005, só 7 meses despois do inicio dos traballos, as máquinas comezaron o proceso de desmonte necesario para o porto facendo desaparecer todo canto puidera ter quedado no lugar.

Escavacións no castro de Punta Langosteira, un dos máis antigos de Galicia, antes de ser destrozado polas obras do porto exterior da Coruña / manuelgago.org/blog

Un dos máis antigos de Galicia

Segundo os arqueólogos, o castro sería o máis antigo da Provincia da Coruña, xa que dataría da I Idade do Ferro e podería estar habitado dende o século IX a.C. Así o demostraron as datacións de Carbono-14, pois a maioría dos castros galegos so se atoparan habitados dende o século II ou III a. C.

Sería este un dos primeiros misterios que o xacemento gardaba baixo a súa terra, a súa moi excepcional cronoloxía. Ademais, a escavación do poboado tería unha singularidade procedimental, xa que foi, e polo de agora aínda o é, a primeira vez que se escava un poboado da Idade do Ferro na súa integridade en Galicia, uns 5.500 m2, e empregando a mesma metodoloxía e técnicas en todo o xacemento.

O enigma do seu urbanismo

Se o poboado neolítico xa era unha excepción pola súa cronoloxía remota e destacaba pola súa situación ó pé do Atlántico, érao tamén polo seu urbanismo, aspecto que, xa a simple vista, chamaba poderosamente a atención. Pois todas as edificacións presentaban unha forma rectangular e moi alongada, compostas de varias estancias.

Todas elas localizábanse de xeito paralelo entre si, con rúas intermedias e co que semellaba ser pequenas prazas ou espazos entre os corredores. Ademais todas elas presentaban unha insólita orientación NE-SO e no seu interior todas as cabanas aparecían con pequenos fornos. As estruturas de 3 metros ancho chegarían ós 12 ou 20 metros de longo. Todas estarían aliñadas e con lares nos extremos, así como cubetas escavadas na rocha para usos metalúrxicos.

A gran factoría galaica

Sen embargo a grande singularidade do poboado non estaría tanto no descuberto como no que non apareceu. Pois alén de restos cerámicos e metalúrxicos destacaba a grande ausencia de instrumentos agrícolas ou outro tipo de apeiros para traballar a terra ou o mar, do que se ten necesariamente que concluír que os habitantes habían dedicarse a algunha actividade especializada.

Así, pola estrutura das edificacións, a presenza de fornos e os achados do lugar, o estudo parece indicar que este era unha factoría fortificada especializada na metalurxia do bronce. Un enclave especializado na aleación de metais con distintos procedementos, tanto de obxectos de uso cotián como obxectos ornamentais, segundo afirmaba Cano Pan.

Isto explicaría a estrutura das cabanas a súa aliñación fronte os ventos, que estaría pensada para disipar o fume. Tamén a situación do castro ó pé do mar, e especialmente preto do abrigo ártabro como da Fisterra. Se cadra este aspecto podería explicar a súa singular localización, facendo del un enclave estratéxico.

O centro dun comercio atlántico?

O máis probable é que esta singular localización estivera relacionada co comercio por vía marítima. Para o xornalista cultural e director de culturagalega.gal Manuel Gago, segundo recolle no seu blog Capítulo Cero, naquel momento o poboado sería “algo equiparable a unha factoría fenicia no Mediterráneo”. Pois tería “un elevado desenvolvemento do que nese momento histórico se coñecía como civilización”.

“Pero no lugar non se atoparon achados de orixe mediterránea que falaran do intercambio comercial, senón que semella un proceso endóxeno, propio dunha sociedade atlántica”, afirma. “Este sitio arqueolóxico transformaría de xeito radical o xeito de entender a nosa prehistoria e crearía moitísimos interrogantes sobre unha sociedade da que, de súpeto, amosábase cun considerable grado de complexidade”.

E é que esta interpretación encaixa en boa medida coa gran excepcionalidade do xacemento. A distribución, con espazos colectivos e estruturas que non son comúns nesa época farían o poboado algo excepcional. “Nunca vin nada parecido” afirmaba Xurxo Ayán do CSIC nunha entrevista para El País.

Liberar o lugar para o porto

Ó estar no recinto da Autoridade Portuaria da Coruña, e polo tanto ó estar dentro da xurisdición dun porto de interese nacional quen se ocupou da descuberta foi a Dirección Xeneral de Belas Artes do Ministerio de Cultura. Esta deu o visto e prace á decisión de destruír ou liberar, segundo a terminoloxía administrativa, o xacemento para continuar coas obras do porto.

Non tivo máis oposición que a da Plataforma de Afectados polas Obras do Porto Exterior, en xeral veciños da parroquia de Suevos. Naqueles anos, segundo recolle Gago, a Autoridade Portuaria organizaba visitas ás obras do porto, pero nunca se fixeron durante a escavación do castro. “Tomouse a decisión de facer desaparecer o xacemento e de costas ós cidadáns”.

Tal e como afirma o xornalista “escavouse con rapidez e non se comunicou nada a comunidade local, nin científica, nin os medios de comunicación sobre o que alí se atopou. Mantívose todo en silencio, malia coñecerse perfectamente a relevancia do evento” afirmaba  no seu blog.

 

Imaxe aérea do castro de Punta Langosteira, agora, inexistente / www.fomento.gob.es/

Onde están os restos do castro?

Fronte a Gago, nun artigo de La Voz de Galicia de novembro de 2010 defendíase implicitamente o papel do Porto da Coruña afirmándose que o traslado dos restos “fíxose seguindo as indicacións das autoridades competentes“, e que “mensualmente se remite ó Ministerio de Cultura un informe arqueolóxico da evolución dos traballos”.

“A Autoridade Portuaria pola súa parte rexeita que houbera ocultación dos traballos e destaca que os restos non se destruíron nin fulminaron, senón que para difundir os traballos  se construirá o centro de interpretación”, afirmábase dende o medio de comunicación de dereitas. Porén, a pesares da desaparición física do lugar, o Porto da Coruña si conservou parte do atopado no castro, ata unhas 23.000 pezas, das que ata 9.687 foron inventariadas.

Mais a localización das pezas nunca se fixo pública. O obxectivo sería, segundo o Plan Especial do Porto, facer un centro de interpretación do desaparecido xacemento nun lugar non moi alonxado para expor de xeito ordenado os materiais atopados e facer unha reconstrución en escala 1:1 de parte das estruturas do xacemento.

Un centro de interpretación deseñado por Irisarri e Piñera

A solución, a pesares de que tras anunciarse non convencía a parte da cidadanía, si foi unha medida axeitada para a Dirección Xeral de Belas Artes, así como para as diferentes administracións involucradas. A solución foi declarada apta e no ano 2010 convocouse un concurso de ideas para o proxecto.

O concurso foi gañado polo estudio Irisarri e Piñera Arquitectos e o deseño do proxecto foi finalizado en 2012. Foi orzamentado cun custe máximo de 2,1 millóns de euros, que xa estarían incluídos na partida do Porto de 2013. Prevíase que a obra se executara na súa totalidade no ano 2013 e que abrira as súas portas non moito despois.

O inmoble sería un complexo que trata de evocar lonxanamente á croa dun castro. Tería espazos exteriores pensados para dar cabida ós restos desmontados do antigo xacemento e unha sucesión de sás de exposición que se adaptarían á topografía do novo lugar creando unha especie de muralla expositiva artificial que rodearía a reconstrución a escala 1:1 na que se localizarían os restos atopados.

No seu interior non só se exporían os obxectos atopados senón que tamén se explicaría a cultura dos castros. Tamén no proxecto orixinal un camiño sairía do museo e percorrería a costa ata o punto máis próximo a súa localización orixinaria. Contaría ademais cun miradoiro, así como un restaurante sobre o porto que habería de gozar dunhas vistas privilexiadas sobre a costa e as novas dársenas do porto exterior.

Un museo en Suevos ou no Monticaño?

O edificio debíase localizar ó pé do propio porto, na parroquia de Suevos, preto do propio desmonte. Mais diversos aspectos administrativos do proxecto fixeron que finalmente non se desenrolara nin se aprobara ata a data actual.

O primeiro problema que se atopou foi o rexeitamento dos veciños de Suevos que descartaron a idea por, segundo se recolle na prensa, non dar ningún servizo á propia veciñanza. Isto, unido seguramente os custes do terreo para este proxecto, faría que a localización óptima para o museo se considerara o Monticaño, un parque público de Arteixo.

Trátase dunhas antigas instalacións militares cedidas ó concello arteixán a finais dos noventa, e no que se construíu un pequeno parque similar ó de San Pedro na Coruña. Porén a nova localización implicaba un novo Plan Especial que á súa vez tiña que ser aprobada tanto polo Concello como pola propia Xunta.

Dende o goberno arteixán afirmábase en 2013 que se trataba dunha modificación que, en principio, non tería moita complicación, xa que as parcelas do Monticaño xa son públicas. Ademais ó ser unha zona verde non sería complexo instalar novas dotacións, mais a día de hoxe aínda nada se sabe do proxecto.

 

Recreación do centro de interpretación do castro de Punta Langosteira / creusecarrasco.blogspot.com

Á espera do museo

Como recolle La opinión de A Coruña, en agosto de 2016 no encontro entre o alcalde Carlos Calvelo e o director da Autoridade Portuaria, Enrique Losada, aínda non se consensuara unha data para a construción. Naquel momento agardábase polo visto e prace da Xunta.

Afirmábase que o Plan Especial que desenrola ó Porto era especialmente complexo e que implica a diferentes administracións como Defensa e, polo tanto, require do seu tempo. Mais cando o plan estea rematado, afirmábase, haberían de reunirse de novo as dúas administracións. Trátase da mesma promesa que se leva escoitando dende vai preto dunha década, cando comezaron as escavacións?

Os últimos en mover ficha sobre o desaparecido castro e o seu ansiado centro de interpretación foron os deputados de En Marea, cando o pasado 2 de xaneiro deste 2017 rexistraron na cámara baixa unha proposición non de lei que insta ó Goberno a aprobar o proxecto.

Así o Centro de Interpretación do Castro de Cociñadoiro en Arteixo, un Centro comprometido polo Goberno central, pola Autoridade Portuaria e o Ministerio de Cultura segue a agarda. 12 anos despois de plantexarse non ten indicios de que sexa inminente a súa construción e deixa un dos xacementos, probablemente máis importantes da península desaparecido e esquecido para a historia.


Para saber máis: La Voz de Galicia 25 de outubro de 2005; La Voz de Galicia, 5 de novembro de 2010; La Opinión de A Coruña, 31 de agosto de 2016; La opinión de A Corupa 8 de enero de 2017; El País, 4 de novembro de 2010; El Ideal Gallego,  9 de febreiro de 2013; Galicia Confidencial 4 de novembro de 2010; Capítulo Cero, 3 de novembro de 2010; congreso.enmarea.gal 2 de xaneiro de 2017; creuscarrasco.blogspot.com 21 de xullo de 2011; Memoria de Sostenibilidad 2010, puertocoruna.com; BOE 23 de febrero de 2001; “El yacimiento de Punta de Muros: un poblado de producción metalúrgica en el NO de la Península Ibérica”, Juan A. Cano Pan y Fernán Gómez Filgueiras de Brage en Anuario Brigantino 2010 n.33.


 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...