Agresión petróglifos de Pé da Mula, en Sabaxáns, Mondariz / Xabier Moure

Novo atentado contra un dos conxuntos rupestres máis importantes de Galicia

Agresións petróglifos Pé das Mulas, en Sabaxáns, Mondariz / Xabier Moure

Os petróglifos do Pé da Mula sitúanse nos montes do Costal, parroquia de Sabaxáns (Mondariz). Trátase dunha das superficies graníticas con arte rupestre máis importantes de Galicia, unha superficie de 200 metros cadrados onde se poden ver zoomorfos, círculos concéntricos, unha posible esvástica, coviñas, cruces e outros motivos, e salientan no conxunto dous labirintos, un deles de 1,70 metros de diámetro o que o convirte, ata o momento, no máis grande de Galicia de todos os que están documentados.

Lamentablemente, a pesar de gozar da máxima protección legal (BIC), o día 15 de abril de 2017, cando nos achegamos ata o sitio, comprobamos que os milenarios petróglifos sufriran unha brutal agresión. Recentemente, uns desaprensivos resaltaron os erosionados motivos, non xa con xiz (que tampouco se pode facer) senón cunha pedra, o que lles ocasionou serios danos.

Motivos danados da estación rupestre de Pé das Mulas, en Sabaxáns, Mondariz / Xabier Moure

Durante máis de dez anos, os gravados sufriron bastante desgaste xa que sobre as pedras pasaba maquinaria agrícola e gando dunha granxa contigua que ao menos ata o 2012 carecía de licencia. Nese mesmo ano procedeuse ao seu cercado para protexer as gravuras pero a día de hoxe a cerca atópase comida pola maleza o que fai difícil o acceso ao interior. Sobre o panel, mesturado coas gravuras, tamén se insculpiron inscricións modernas.

A única sinalización existente é de hai varios anos, e non foi nin o Concello nin a Xunta de Galicia quen a colocou senón a asociación cultural Nova Xesta tal como figura nos paneis.

O vindeiro luns presentarase no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia senllos escritos, un dirixido ao Servizo do Patrimonio Cultural en Pontevedra e outro ao Concello de Mondariz para comunicarlle as agresións.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e premendo as teclas Ctrl+Entrar.

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: