fbpx
Recreación da embarcación de tipo micénico do petróglifo Auga dos Cebros, de Oia / Talaso Atlántico

Os petróglifos de Oia, únicos para entender a relacións entre o Atlántico e o Mediterráneo hai 4.000 anos

Tempo de lectura: 3 min.

Galicia xa estaba conectada co Mediterráneo antes do segundo milenio antes de Cristo. Así o testemuñan as pegadas que estes contactos deixaron nas rochas de Oia e que se conservan, entre outros lugares, nos coñecidos como petróglifos de Auga dos Cebros.

Nesta estación rupestre pódense ver petróglifos de diversas temáticas e cronoloxías, que van desde o Calcolítico-Idade do Bronce (hai uns 4.000 anos) ata a época histórica. Entre os motivos que se poden atopar están os xeométricos (circulares, liñas, coviñas…), axedrezados, cruciformes, serpentiformes, antropomorfos e incluso escenas de monta.

Con todo, o gravado máis coñecido nesta área é o de Auga dos Cebros, que representa unha embarcación mediterránea do segundo milenio antes de Cristo e que é único en toda a fachada atlántica europea. Na súa contorna hai catalogados outros dous barcos, aínda que de menor entidade.

Cervos e barco do petróglifo de Auga dos Cebros, en Padernes, Oia / ancient-origins.es

Poñer en valor estes bens

Elisa Pereira, arqueóloga encargada de limpar e poñer en valor esta estación incide na súa fraxilidade e na necesidade de preservar este relevante gravado. Segundo destaca, acadar apoios e desenvolver accións que permitan frear o seu deterioramento son cuestións moi importantes, pero tamén o son todos os esforzos que se están a facer para dalo a coñecer á sociedade e así “involucrala en algo que forma parte da súa identidade cultural”.

Precisamente, os traballos de limpeza de vexetación na zona de Viveiro, na parroquia de Pedornes (Oia), tiveron entre outros resultados o descubrimento de novos petróglifos que se suman aos xa coñecidos, o que leva a constatar a elevada densidade de gravados rupestres que existe nesta área.

A intervención, enmarcada dentro das actividades da Asociación Costa dos Castros para este ano e que foi posible grazas a unha campaña de micromecenado, desenvolveuse ao longo de catro semanas dos meses de febreiro e marzo en terreos da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pedornes. Unha brigada da Xunta foi a encargada de acometer os traballos, desenvolvidos baixo a supervisión da arqueóloga Elisa Pereira.

Os novos gravados que se localizaron durante os traballos na zona atópanse actualmente en fase de estudo e análise para darse a coñecer polo miúdo.

Elisa Pereira, arqueóloga encargada da limpeza e posta en valor dos petróglifos de Auga dos cebros / Costa dos Castros

Maior e mellor coñecemento da zona

Os labores de limpeza con control arqueolóxico en Viveiro lograron mellorar a accesibilidade da zona e diminuír o risco de incendios forestais nun espazo que reúne valores arqueolóxicos, naturais e etnográficos. “A área quedou cunha claridade que permite entender a zona como un todo, especialmente a relación espacial que existe entre os diferentes petróglifos”, sinala Manuel Ángel Pombal, vicepresidente de Costa dos Castros e membro da directiva da comunidade de montes de Pedornes.

Outros achados

Os novos gravados rupestres non son o único descubrimento resultante dos labores de talla e roza controlada, xa que tamén foi localizada unha das presas que se utilizaban para regadío, coñecidas como as presas de Chelo, nas inmediacións do río Vilar. Deste conxunto de infraestruturas hidráulicas que daban servizo aos veciños da Riña (Santa María de Oia) e aos de Vilar (Pedornes), só se conserva esta, de aí o seu importante valor como elemento etnográfico.

O acondicionamento realizado no Viveiro é un paso imprescindible que serve de base para futuras actuacións, como a colocación de sinais e paneis informativos que permitan aos visitantes facer o percorrido de xeito autónomo e coñecer os elementos arqueolóxicos, etnográficos e a toponimia tradicional da zona.

Pode que che interese...