fbpx
Retrato supostamente de Pedro Madruga, caracterizado coma un navegante e que algúns relacionan con Cristobal Colón

Pedro Madruga, María Soliña, Cotolai… Aprender, divertirse e gañar premios coa Historia de Galicia

Tempo de lectura: 3 min.

A Historia formando parte da nosa vida cotiá. Así a quero ver cando me deteño a pensar naquelas actividades que, por exemplo, poñen en marcha centros de ensino, fóra do currículo. Porque a historia é unha materia, sen dúbida (nin máis faltaba!), e ademais, é unha temática moi presente no traballo por proxectos que os centros máis activos e renovadores están a poñer en marcha. Esta convértese no centro de interese arredor do que o alumado se pon a investigar na biblioteca escolar e na contorna, “aprendendo a aprender” ao traballar cunha metodoloxía que lle permitirá seguir indagando ao longo da escolaridade e máis alá. A Prehistoria, a Idade Media, os castelos, a Historia local… son núcleos de interese moi comúns nos centro nos que está escolarizado alumnado de infantil, primaria e secundaria.

Aínda así, eu quería determe noutro tipo de actividades, aquelas que determinado equipo do centro pon en marcha, como sucede co concurso “Falemos da nosa Historia” que convoca o Equipo de Dinamización (a isto nos leva querer ocultar o evidente e eliminar a palabra “normalización”) Lingüística do CEIP López Ferreiro de Compostela que, co argumento de levar o nome do historiador Antonio López Ferreiro, convocou hai xa unha morea de anos este certame de redacción e investigación histórica para alumnado de terceiro ciclo de primaria e primeiro ciclo de ESO de Galicia. Os textos han de estar presentados en galego e o EDL ten implicado neste proxecto, desde a Xunta de Galicia través da Secretaría xeral de Política Lingüística, a Fundación Pedro Barrié de la Maza, Afundación, a Real Academia Galega e o Concello de Santiago. Polo que levamos visto, suxírese un tema que xira arredor dunha figura histórica como Pedro Madruga, María Soliña, Cotolai… ou a explicación histórica de determinados ditos. Os traballos premiados son publicados na revista escolar e co resultado dos dez primeiros anos realizouse un libro. Unha información máis detallada pode atoparse no enlace: http://endlceiplopezferreiro.blogspot.com.es/

Nenos participan no proxecto Louceiros de Bamio da Universidade de Vigo / DUVI

Noutros casos, non é un equipo, nin sequera un centro, quen realiza a convocatoria senón que o fai un colectivo, como é o caso de LemosLe. LemosLe está constituído por unha serie de persoas cuns obxectivos moi definidos acerca do fomento da lectura e a cultura, que representan as bibliotecas escolares de centros de primaria e secundaria da comarca de Monforte, pero tamén as bibliotecas públicas deses concellos, e tamén as librarías e aos escritores e outras plumas da contorna dispostos a traballar para facer avanzar unha comunidade de lectores interesados polo que os rodea e pola defensa duns valores democráticos como o da igualdade entre homes e mulleres. Eles escollen cada ano, en colaboración co CIM de Monforte que lles presta axuda, unha muller, porque consideran que é imprescindible visibilizar a aquelas ás que a Historia oficial ocultou. En base a esta escolla van a celebrar o Día da Muller: “Unha muller para o 8 de marzo”, e en torno a ela realizarán unha serie de traballos e convocarán o concurso “Mulleres de Lemos”. Os traballos nos centros de primaria consistirán na presentación colaborativa da biografía da muller escollida, entre todos.

Neste caso, o concurso, vaise centrar en dous tramos de idade: de 12 a 18 anos (que pasará a súa investigación a banda deseñada) e a partir de 18, en calquera xénero literario para conseguir publicacións de valor acerca destas mulleres. As figuras que centran o traballo, son moi diferentes pero igualmente interesantes. Neste ano, 2017, é a farmacéutica de Pantón Balbina López Somoza, a través da cal se dan a coñecer as mulleres da II República Española; no 2016 centrouse en Lola de Penelas, unha muller que deu a coñecer Luciano García Alén nos seus estudos sobre a alfareiría en Galicia, unha nai de familia, artesá, que se movía polas aldeas cos fillos para facer cacharros, tal e como a representou Díaz Pardo nunha peza de Sargadelos. Anteriormente foran María Castaña e Inés de Castro as mulleres tratadas… así, entre recomendacións lectoras, roteiros literarios e culturais, publicacións e encontros arredor da lectura, faise a historia do día a día, construíndo tamén o relato das que estaban agachadas, erguéndoas entre todos: nenos e nenas, bibliotecarios e libreiras, creadoras e docentes, porque o colectivo asenta e crea. E falando de creación, non deixedes de ler, algo que tamén forma parte da Historia, os textos para marcalecturas que teñen creado Olga Novo e Xabier Quiroga sobre as súas bibliotecas e que se recollen nas seguintes ligazóns: http://lemosle.blogspot.com.es/search/label/Olga%20Novo http://lemosle.blogspot.com.es/2015/10/a-mina-biblioteca-mina-casa.html

Escrito por

Dinamizadora cultural. Directiva do Ateneo de Santiago

Pode que che interese...