Figura humana atopada en Martul, Outeiro de Rei, e que algúns investigadores relacionan cunha divinidade da fertilidade

Pode ser a figura atopada no corazón de Lugo unha divinidade celta da fertilidade?

Na parte baixa da fachada suroeste da casa reitoral de Martul situada nas inmediacións da igrexa de orixe románica de San Pedro, no concello de Outeiro de Rei, hai unha pedra de granito de 48 por 40 centímetos que foi reaproveitada para tapar unha ventá. Nesta pedra foi gravada en baixorrelevo a imaxe dunha figura humana, de 40 por 20 centímetros, con trazos ben definidos e profundos que debuxan o corpo, brazos, pernas e cabeza, e aprécianse tamén a boca e os ollos.

A única e breve referencia a esta singular peza débese ao sacerdote e director do Museo Diocesano de Lugo D. Jesús Guerra Mosquera, publicada no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo no ano 1976. Di Guerra Mosquera que podería tratarse dunha divindade, quizais unha versión céltica da deusa da fecundidade, tal como semellan indicalo os seus rasgos marcadamente femininos e a posición das súas mans sobre o ventre.

Figura humana atopada en Martul, Outeiro de Rei, e que algúns investigadores relacionan cunha divinidade da fertilidade

Descoñécese cando foi trasladada para a reitoral, pero segundo contaron uns veciños sempre se dixo que a atoparan nunha mámoa dos montes de Acevedo que se localizan na mesma parroquia. Si formara parte dunha mámoa, é dicir dun enterramento do Neolítico, a súa antigüidade sería de entre 7.000 e 4.000 anos o que resulta, pola súa tipoloxía, bastante improbable. A figura, en efecto, semella a representación dunha divindade feminina espida, quizais relacionada coas Matres Gallaiciae célticas, as deusas nais, unha das formas do principio feminino da natureza e baixo cuxa protección se colocaban os nosos antepasados, deidades que eran avogosas da fertilidade e da prosperidade con virtudes sandadoras, vencelladas en moitos casos aos mananciais mineiro-medicinais. Esta peza de Martul rondará os 2.000 anos de antigüidade. A pedra parece que foi cortada nalgún momento, e advírtense unhas marcas que ben puideron pertencer a outro debuxo.

Representación única en Lugo

Trátase dunha representación pouco común, non só na provincia de Lugo, senón no resto de Galicia, polo que chama poderosamente a atención que estea sen catalogar. Xa no seu momento o señor Guerra Mosquera lamentaba que esta peza arqueolóxica non merecese máis atención por parte dos organismos competentes para poñela a bo recaudo, exposta a ser destruída e a desaparecer para sempre.

O próximo luns, Patrimonio dos Ancares presentará no Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo o escrito para que se proceda á súa catalogación, instándoos a que se poñan en contacto co Bispado de Lugo, propietario da casa reitoral, para que asegure a protección do baixorrelevo e que sexa trasladado ao Museo Catedralicio ou, no caso de non facelo, que sexa a propia Xunta de Galicia quen traslade a figura ao Museo Provincial.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e premendo as teclas Ctrl+Entrar.

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: