fbpx
Pazo de Meirás, un ben privado que acabou nas mans de Franco grazas ás elites coruñesas / Youtube
Pazo de Meirás, un ben privado que acabou nas mans de Franco grazas ás elites coruñesas / Youtube

O PP rexeita enfrontarse á familia franco Franco para recuperar o uso público do Pazo de Meirás

Tempo de lectura: 3 min.

Os tres grupos da oposición galega, a proposta de En Marea, pediron no pleno do Parlamento de Galicia “recuperar para o público” o Pazo de Meirás, en Sada (A Coruña), propiedade da familia Franco. Sen embargo, os votos en contra do PpdeG impediron que prosperara esta iniciativa porque “daría lugar a numerosos procesos xurídicos”.

A iniciativa pedía que, nun prazo de “seis meses” o conxunto deste Ben de Interese Cultural (BIC) sexa “devolto ao público” e que sexa un consorcio integrado pola Xunta, a Deputación da Coruña e o Concello de Sada o que o xestione.

Na sesión plenaria deste martes, o viceportavoz do Grupo Parlamentario de En Marea, Antón Sánchez, emprazou ao PP a “facer xustiza” e apoiar a proposición de lei ou amparar “unha nova infamia”. “Venzan os seus medos e súmense para garantir que Galicia e España non sigan sendo unha excepción en Europa, onde a condena ao fascismo é un acto de normalidade democrática”, apuntou.

“A recuperación democrática deste pazo é un acto de xustiza, trátase de expropiar aos expropiadores do franquismo, recuperar para o pobo os bens expropiados”, sinalou, para criticar tamén os “numerosos incumprimentos” por parte da familia Franco do réxime de visitas que obriga a abrir ao público o conxunto catro días ao mes.

A proposta de En Marea contou co apoio dos nacionalistas e os socialistas. Así, en primeiro lugar, o deputado do BNG Xosé Luís Rivas, ‘Mini’, asegurou que o Pazo de Meirás simboliza “o botín dun delincuente ás luces do mundo”. “Só queda unha saída para a decencia colectiva: devolver o roubado e dar pasos na consolidación democrática”, indicou.

Pola súa banda, a socialista Concepción Burgo cualificou de “ilexítima” a propiedade deste BIC por parte do Franco. “É de xustiza que se termine”, asegurou a parlamentaria do PSdeG, quen afeou que a neta do ditador, Carmen Martínez-Bordiú, “se fotografara” cada verán para revistas de sociedade.

Carmen Polo, muller de Franco, coa súa familia nos xardíns do Pazo de Meirás

NON do PPdeG

A proposición de lei foi rexeitada polos populares galegos, cuxo deputado César Fernández Gil asegurou que se se aprobase a proposta de En Marea incumpriríase o dereito á propiedade privada e varios artigos da lei.

Estas cuestións, segundo indicou, darían lugar a “numerosos procesos xurídicos” que podían acabar no Tribunal Supremo, no Tribunal Constitucional ou no Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. Por iso, incidiu en que o “debate” non é sobre se “se xulga ao franquismo” senón a “vixencia e a aplicación do Estado de Dereito”. Ademais, deixou claro que “a Xunta defendeu con rotundidade a apertura do pazo catro días ao mes”.

“A defensa do interese xeral por parte do Goberno galego non quedou aí, en 2016 incoou un expediente informativo para dirimir se os propietarios incumprían o réxime de visitas”, lembrou Fernández Gil, para afear a En Marea que lles acuse de defender os intereses da familia Franco cunado o que fai o Executivo autonómico é “velar polo escrupuloso cumprimento da lexislación”.

Estas palabras provocaron que, na súa quenda de peche, Antón Sánchez, como defensor da iniciativa, acusara ao PP de “pór escusas de mal pagador” para non apoiar a iniciativa. Fronte a iso, pediu “encaixar a xustiza na legalidade” para o que, na súa opinión, só fai falta “vontade política”.

Críticas

Tras o rexeitado do PPdeG, en declaracións aos medios, un dos membros da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, Fernando Souto, asegurou que a legalidade non pode “impedir que se faga xustiza”, polo que pediu ao Partido Popular que “lexisle para facer xustiza” e non en base a normas que “impiden a devolución dunha propiedade a quen a pagou” que, neste caso, segundo indicou, é “o pobo galego”.

Ademais, censurou non poder acceder ao hemiciclo para escoitar o debate. “É un acto antidemocrático, non cometemos ningún delito para non poder escoitar aos nosos representantes”, manifestou outro integrante da Comisión, Suso Díaz, quen pediu que a Cámara deixe de retirar as invitacións cada vez que se producen alteracións nos plenos por parte do público.

Por último, tamén atendeu aos medios o alcalde de Sada, Benito Portela, quen cuestionou a actitude do Partido Popular e avanzou que, desde o Consistorio, “seguirá loitando para recuperar para a poboación o Pazo de Meirás”.

Pode que che interese...