fbpx
Lexionario romano / youtube

Que fai a tumba dun soldado romano da Lexión X en Santa Comba?

Tempo de lectura: 4 min.

Cartela da estela de Mallón (Cícere) no Museo do Pobo Galego (Santiago)

Se entramos no Museo do Pobo Galego e poñemos atención nunha das estelas que están acaroadas á parede do lado norte do claustro, poderemos ler na cartela que nos indica a transcrición das gravuras que está adicada a Quintus Iulius Aquinus, un soldado romano que pertencía á que fora unha das máis poderosas maquinarias de guerra romana: a Lexión X Gemina. Dita estela apareceu na parroquia de Cícere no concello de Santa Comba. 

Tamén en Vilar, no concello de Ames, temos información de que apareceu unha ara votiva que un membro da Lexión VII Gemina adicou a Pietas, a virtude da lealdade e o deber na Antiga Roma, pero non atopei noticia do seu paradeiro a día de hoxe. Polo tanto, sabemos de dous soldados do exército romano asentados pola zona da Amaía e Xallas, dos que, por diferentes razóns, podemos ver o seu nome nas pedras milenarias. 

Estela de Cícere.
foto : Elixio Vieites

A primeira peza é quizais a máis interesante, pola súa característica de epigrafía mortuoria, xa que está adicada por un soldado veterano a dúas persoas falecidas: un soldado da Legio X e unha muller. Apareceu no ano 2005 cando se fixeron movementos de terra para labores agrícolas, ao sur do lugar de Mallón, na marxe esquerda  do río García (afluente do Xallas) e ao norte do Castro Laberco. Recordamos que esta parroquia de San Pedro de Cícere xa consta nas referencias arqueolóxicas por ser o lugar da aparición do “Tesouro de Cícere”, un conxunto de pezas de ouro da época do Bronce I, expostas no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón da Coruña. Por outra banda os concellos de Santa Comba, xunto con Zas, Negreira e A Baña son lugares destacados en canto a aparicións de aras de época romana.

A transcrición da estela, atendendo ao traballo de Lino Gorgoso López e Fernando Acuña Castroviejo (2006) sería: “Quintus Iulius Aquinus, soldado da lexión X (Gemina), de XX? anos, e Tiberia Claudia Urbana, de XXXV anos, aquí están enterrados. Titus Iulius Florus Veterano.”

A Lexión X veu a Hispania con Augusto a loitar nas guerras cántabras (29 a.C. – 19 a.C) e, pese a ter carácter móbil e destacamentos desprazados, un dos seus acuartelamentos foi Petavoniumcreado alá polo ano 15 a.C. en Rosino de Vidriales, na comarca de Benavente en Zamora, onde ademais hai outras dúas inscricións de soldados pertencentes e este grupo militar. Participou tamén na fundación de Emerita Augusta (Mérida) e do recinto que precede a Asturica Augusta (Astorga), onde se atoparon 5 inscricións máis que a citan.

No ano 63 d. C. Nerón manda trasladar este corpo militar ao “limes” do Danubio, na provincia de Panonia en Austria (recinto campamental de Carnutum), polo que a estela mencionada sería anterior a esta data. En Galicia temos alusións a este destacamento nunha ara de carácter votivo en San Román de Cervantes e en dúas en Caldas de Reis. Estas últimas son a adicada por un centurión da X Gemina a tres soldados ou escravos mortos, chamada a “estela dos lexionarios” e exposta no Museo de Pontevedra, e outra a dun centurión deste corpo que presenta o nomem “Iulius, como o da estela que estamos a tratar. 

Campamento de Petavonium. Fonte : arquivo de Wikipedia

En que misión e lugares estaría o veterano de Santa Comba? Quen sería o soldado do seu mesmo “nomen” Iulius? Quizais o seu fillo Quintius, enterrado coa súa dona Tiberia Claudia Urbana de 35 anos na mesma tumba? Pertencerían os dous militares á mesma unidade bélica? Tería algo que ver a súa presenza polas terras de Xallas co campamento romano do Cornado en Negreira, que foi recentemente descuberto a uns 8 km en liña recta de Mallón, onde a estela foi atopada?

Campamento do Cornado. Negreira. Imaxe do voo americano do 1956 (visor IET Xunta de Galicia ) http://mapas.xunta.es/visores/basico/

Non sería de estrañar a súa presenza nun lugar próximo ás minas de ouro do Limideiro, entre outras, e perto do fortemente romanizado Brandomil, onde algúns autores sitúan a mansión de Grandimirum a carón dunha vía que atravesaría, neste punto, a ponte romana sobre o río Xallas. O que sabemos é que a Lexión X Gemina estaba especializada na pacificación e consolidación dos territorios ocupados, colaboraba na administración e nas obras de infraestruturas, minería, enxeñería, control de vías e explotación dos seus recursos.

Deste documento epigráfico dinos L. Gorgoso e F.A.Castroviejo: “As características da peza (morfoloxía, tipo de letra) e contido da cartela fan dela un caso interesante no panorama galego, sobre todo pola pertenza dun dos falecidos a un corpo lexionario concreto e que permanece en Hispania en datas moi limitadas, o que pode servir para un encadre cronolóxico aproximado” .

Bibliografía

Acuña Castroviejo, Fernando. Gorgoso López, Lino: Unha nova inscrición dun militar da legio X Gemina na Gallaecia. A estela de Mallón de Cícere. Sta. Comba (A Coruña) Gallaecia nº 25, 2006, páxs.131- 146

Gago Mariño, Manuel. Fernández Malde, Antón: Un posible recinto campamental romano en O Cornado. Negreira (Galicia) Nailos nº 2 . Oviedo. 2015

Escrito por

Divulgador

Pode que che interese...