fbpx
Alfonso XIII cos seus netos /portada do libro Bastardo y Borbones

Que fai unha nena apelidada Borbón de Wattenberg nunha aldea de Rianxo en 1918?

Tempo de lectura: 8 min.

Fai uns días nunha conversa co investigador e historiador de Rianxo D. Xesús Santos deume a coñecer que no transcurso dunha investigación, fai vinte anos mais ou menos, sobre os músicos das bandas do concello e a súa historia, levouno ó rexistro para contrastar algún nome e que se atopara cunha acta na que saía unha nena cos apelidos Borbón inscrita nunha aldea de Rianxo. Naquela altura non se lembrou de coller os datos precisos da acta de nacemento, pero unha semana máis tarde tiña no seu poder a acta fotocopiada que me entregou para a súa divulgación e investigación e onde descubrimos que non só era o apelido Borbón senón que tamén figura o Wattenberg como segundo.

A mesma, no seu folio 42 e con número 42,  inscribe a Jesusa Dorinda Borbón de Wattenberg en

“Rianjo a las diez y media horas del día doce de Mayo de mil novecientos dieciocho” (sic) actúa de xuíz municipal D. José Álvarez Díaz e de secretario D. Fulgencio Campos Torrado. Ante eles comparece Antonio Lijó Fungueiro natural de Isorna do “término municipal de Rianjo provincia de Coruña de edad de treinta y ocho años, estado casado, oficio labrador vecino de Isorna … calle de Bacariza”  “solicitando que se inscriba en el registro civil el nacimiento de una niña y al efecto como presencial al nacimiento de la misma declaró: que dicha niña nació en su domicilio el día del actual a las doce horas”

“Que es hija  legítima de padres desconocidos”

“Que es nieta por línea paterna de abuelos desconocidos”

E o máis sorprendente: “Y por la materna de abuelos asimismo desconocidos”

Esta acta foi firmada polo señor xuíz e testemuñas varias que verifican a validez da mesma.

Partida de nacemento de Jesusa Dorinda Borbón de Watenberg

Partida de nacemento de Jesusa Dorinda Borbón de Watenberg

Un apelido real en Rianxo?

Por que  inscribe unha nena cos apelidos dos fillos do Rei Alfonso XIII na aldea da Vacariza un labrego do mesmo lugar?

Por que o xulgado de paz accede a inscribir unha nena cos mesmos apelidos do daquela Príncipe de Asturias Alfonso de Borbón y Wattenberg e dá oficialidade a mesma con unhas testemuñas que eran persoas influentes na sociedade rianxeira?

Pasou unha muller embarazada pola aldea da Vacariza polo seu Camiño Real, púxose de parto e non lle quedou máis remedio que dar a luz na casa de Antonio Lijó?

Sabendo a cantidade de fillos bastardos do rei Alfonso XIII, sería a muller unha vítima do Borbón?

Morreu a nena ó pouco de nacer sen ser bautizada e foi enterrada nas inmediacións do cruceiro do lugar empregado para estes mesteres?

Foi unha brincadeira duns republicanos de Rianxo que, debido á fama do rei, deciden inscribir outra filla bastarda no seu pobo?

“A Casa da Raíña”

Na aldea da Vacariza existe unha casa coñecida como “A Casa da Raíña” que está situada en pleno Camiño Real e ten unha inscrición de 1697 na que, segundo os veciños do lugar, sempre houbo mulleres que axudaban ós partos no lugar.

Antonio Lijó un tempo despois de inscribir á nena marchou para Venezuela, regresando para a aldea da Vacariza xa vello e sen facer fortuna, quedando ó coidado dunha das fillas. Nunca desvelou o segredo de Jesusa Dorinda.

Camiño Real na Vacariza, en Rianxo

O entorno

A Vacariza, o lugar do nacemento da nena, pertence á parroquia rianxeira de Santa María de Isorna e esta situada ma marxe dereita do río Ulla onde a Crónica Iriense de Ruy Vázquez sitúa o porto Juncaria onde, no ano 968 o rey Gunderedo desembarcou cunha flota viquinga composta por mais de cen barcos coa intención de atacar a sede episcopal de Iria.

Está situada en pleno camiño real que dende Padrón conduce ate os pobos principais da provincia de Pontevedra, estando na Vacariza ate tres embarcadoiros para o paso do río Ulla.  Actualmente ten arredor de 150 habitantes.

A casa de Antonio Lijó, o que inscribe a nena, estaba no chamado “Quinteiro” da Vacariza a escasos metros do camiño real

Rianxo en 1918

Nestas datas era alcalde de Rianxo D. Manuel Pérez un home gris que era un títere do cacique local o médico Pepito Varela e do secretario do concello José Cubeiro, todos do Partido Liberal. Unha das testemuñas da acta de nacemento é Roberto Cubeiro posiblemente irmán do anterior.  Este alcalde sucedera ó pai de Castelao D. Mariano Rodríguez en 1909  cando foi expulsado do goberno municipal.

En 1918 sucede en Rianxo, igual que en moitos lugares de Galicia, un terrible andazo de gripe que foi especialmente dura neste concello no que morrían entre catro e seis persoas diariamente e que fixo que Castelao volvese a Rianxo para ofrecer a súa axuda como médico e combater a terrible epidemia. Neste contexto a emigración deixa unha profunda pegada nas aldeas e pobos do concello e moitos como Antonio Lijó tiveron que marchar para América para buscar sustento.

José Rivero de Aguilar y Gutiérrez de la Peña, señor do Faramello. Primeiro pola dereita na fila suprior na visita de Alfonso XIII a Compostela

O Borbón.  Alfonso XIII e a súa relación coa comarca

É sabida a fama do rei do seu entusiasmo polas “relacións” fora do matrimonio con criadas, prostitutas e actrices das que tivo numerosos bastardos tanto recoñecidos como non.  Entre as actrices que tivo relación figura Carolina Otero a “Bella Otero” natural de Valga na outra beira do río Ulla…

O rei visitou por primeira vez Vilagarcía de Arousa en 1900 xunto coa súa nai, a raíña rexente, a bordo do buque Giralda. Dez anos mais tarde, mediante unha manobra caciquil, a Illa de Cortegada en Carril, foi “adquirida” para doarlla ao rei para que pasara ás súas vacacións na mesma despois de que se construíra un pazo na mesma. O monarca rexeitou o agasallo ó ver a oposición dos veciños.

Lugar de veraneo do rei

Por esas datas, o Pazo do Faramello en Rois era lugar de veraneo de Alfonso XIII que tiña amizade co chamado “Señor del Faramello” D. José Rivero de Aguilar y Gutiérrez de la Peña que era decano da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago e que a súa familia ten o privilexio de entrar a cabalo na catedral de Santiago polos favores prestados ao rei Borbón Fernando VII na guerra contra o francés.  Gonzalo Rivero de Aguilar, actual dono do pazo, non descarta que en agosto de 1917, nove meses antes da acta de nacemento de Jesusa Dorinda, o rei fixera unha “escapada” dende a súa residencia de verán en Santander para visitar ó seu amigo e estar lonxe da vista da familia real.

A memoria na aldea non se lembra de ningunha persoa que traballara no Pazo nesas datas, pero non pode descartarse unha muller embarazada que dende o lugar do Faramello se dirixía ó sur de Galicia, polo Camiño Real, pase por A Vacariza onde existe unha “Casa da Raíña” onde, dende sempre, houbo mulleres que asistían a partos. Poden ser coincidencias.

A teoría da nena “expósita” e os bromistas rianxeiros

Os nenos “expósitos” son nenos “expostos” que foron abandonados e sometidos a exposición polos seus pais en casas ou hospitais porque, ou naceron fora do matrimonio ou por falta de recursos para a súa crianza.

Apareceulle a Antonio Lijó unha nena na porta da casa, preto do camiño real, e cando foi a rexistrala ó xulgado de paz de Rianxo foi vítima de unha brincadeira por parte dun grupo de liberais da vila de Rianxo?

A sinatura de Antonio Lijó non aparece na acta, posiblemente por non saber  ler nin escribir, moi probable naquela altura na que a alfabetización nas aldeas era moi escasa. Non é probable que Antonio fora cos nomes e apelidos reais para a acta de nacemento e que tanto o xuíz coma o secretario accedesen ó seu rexistro sen maior problema e coa firma como testemuña de Roberto Cubeiro familiar directo  do secretario do concello de Rianxo.

Puideron argallar este grupo a manobra, aproveitando que Antonio quere inscribir unha nena, para poñerlle o nome e apelidos reais xa que nesas datas era coñecida a adición do Rei a ter fillos bastardos?

No libro de defuntos da parroquia de Isorna aparece o seguinte: “En el cementerio de la Yglesia parroquial  de Sta.Mª de Isorna , distrito municipal de Sta. C. de Rianjo. Part. Judic. de Padrón, prov.  de La C. en este arzobispado de Stgo. a 2 días del mes de abril del año 1920, se dio sepultura eclesiástica al cadáver de Doña Jesusa Dorinda Lijó Fungueiro , h. natural de Doña Dolores Lijó Fungueiro, de 2 años de edad. Falleció el día 1º de los corrientes a las 10 de la mañana según la certificación facultativa presentada y para que conste expido la presente partida que firmo en la Rectoral de Sta. Mª de Isorna a 3 de Abril de 1.920”  José Paz Martínez (sic)

Era a nena realmente filla de Dolores ou como comentamos antes puido ser unha nena abandonada na casa de Antonio, seu irmán?

O que está claro é que o cura párroco D. José Paz Martínez non consentiu en poñerlle á nena os apelidos que figuraban no rexistro e non sabemos se a idea de poñer como nai a Dolores partiu do cura ou dela mesma.

Cruz do Cemiterio de Asados

Epílogo

Castelao publica na Revista NOS no número 73 do ano 1930  “Dúas lendas” na que unha delas está recollida da boca de unha vella de Asados que lle xura que o que lle está contando foi verdade.

A reitoral de Asados está relativamente cerca da de Isorna e da aldea da  Vacariza.  A comunicación entre elas faise por un camiño, que aínda agora se usa, que atravesa polo Monte da Pena.

A historia que a vella de Asados lle conta a Castelao está publicada da seguinte maneira:

“Na rectoral de Asados non había medo ós ladróns.  alí nin tan siquera oubeaban os cans. O cura, con sona de probe e creto de santo, vivía ó amparo de deus.

Unha noite de inverno bateron fortemente na porta da rectoral. Eran dous, vestidos ó xeito montañés. O cura brincou do leito e perguntou dend´a fiestra:

-Quen vai?

-Somos dous forasteiros, señor, e queremos que veña confesar á unha muller que vai morrer esta noite.

O pegoreiro de almas non quixo saber máis e n´un decir amén puxo a sotana e saíu pol-a porta. Os forasteiros agardaban no camiño.

-Imos alá logo. Hai moito que andar?

-Non, señor. A muller está no adro, agardando por vostede. Ela quer que se lle poñan todol-os sacramentos denantes de morrer.

O cura, que era un santo, non quixo sospeitar nada ruín, e deixouse levar pol-a súa boa fé. Alí no adro, nas escaleiras do cruceiro, había un bulto de muller, confirmando as verbas dos forasteiros.

O cura achegouse á ela paseniñamente e descubreu a faciana d´unha muller fermosa que choraba…

Que pasou? Non se sabe. O segredo de confesión tapou a boca do cura.  Sábese que o cura de Asados dend´aquela noite xa non foi home.

Ó día seguinte apareceu removida a terra n´un curruncho do adro da eirexa, como se alí soterraran un difunto n´aquela noite. O señor cura mandou poñer unha cruz enriba da terra e todo finou.”

NÓS, Revista Mensual da Cultura Galega. Nº 73, ano 1930.

Por Castelao.

 

Os segredos que gardan os curas….

 

Colaboración de D. Xesús Santos

Fontes:

El primer Castelao. Biografía y Antología Rotas. J.A. Durán

Gonzalo Rivero de Aguilar, dono do Pazo do Faramello.

Mª Xosé García Abuín, veciña da Vacariza.

Historiadegalicia.gal https://historiadegalicia.gal/2017/03/reconstruen-o-poboado-de-cortegada-illa-que-puido-ser-base-viquinga-e-pazo-de-reis/

NÓS, Revista Mensual da Cultura Galega. Nº 73, ano 1930.

 

Pode que che interese...