Pedra que parece unha cara, na subida á Pedra do Cadro

As pedras máxicas do Pedregal de Esteiro, o pequeno Pindo de Galicia

Hai 700 hectáreas de pedra granítica ao noroeste do esteiro areoso do Ríomaior, na ría de Muros e Noia, que parece que extraviaron a súa deriva xeolóxica e están fóra de sitio querendo imitar ao impoñente monte Pindo. Esta formación no extremo norte da ría, en Esteiro, nada ten que ver coa fasquía das outras paisaxes a carón da  costa da contorna máis próxima. Esta fabulosa paisaxe xeográfica e patrimonial foi o eixo dunha andaina de Rutas de Historia 

Paisaxe do Pedregal dende a Pedra do Cadro

Os mapas xeolóxicos infórmannos da natureza desta formación, que sería parecida ao macizo da mítica montaña galega de Carnota. Estas formaríanse na elevación da fase posterior da oroxénese herciniana da era primaria, que comezou fai 350 millóns de anos, e estarían compostas de granito formado con granodioritas vermellas de grandes cristais e de filóns facilmente  erosionables.  

Castelo de Esteiro ou da Laxe

A Pedra da Pía.

Ao igual que no “Olimpo Celta”, a  peculiaridade das súas formacións de grandes penedías, erosionadas ata o límite de parecer rochas brandas, as superficies planas de rocha case inalterables á erosión e as covas entre os grandes penedos, deberon conformar ao longo da historia un lugar propenso á mitificación da natureza. Probablemente os habitantes que poboaron estes abrigos lle atribuíran a algunhas destas rochas un senso ritual, coma ocorre na enigmática Pedra da Pía. Esta última  álzase no terreo dominando unha suxestiva paisaxe de batolitos e amosa unha pía a xeito de sentadoiro, coviñas, pequenas pías unidas por canles, gravados que representan cálices, letras, cruces e outros signos de difícil interpretación. O máis estrano é que non se recolleu ningunha lenda nin tradicións orais sobre o que para algúns autores tería sido un altar rupestre. 

A Laxe Borrateira

A Laxe Borrateira, unha rocha situada ao oeste desta, si conta con lenda oral. Posúe unha superficie chan rodeada dun pequeno muro moi esborrallado, e poderían verse nela as pegadas, en forma de pequenas pías, do cabalo de Santo Estevo da Abelleira, parroquia veciña de Santa Mariña de Esteiro. Este santo mártir tería caído do cabalo a causa das pedras que lle tiraron, dende outro penedo cunha pequena cova chamada a Casa dos Xudíos, de non ser porque o cabalo deu un gran chimpo polo aire ata o lugar onde  despois se erixiría a igrexa parroquial na súa honra. Outra versión do relato é que o santo caeu co golpe e partes do corpo e o cabalo pódense ver gravados na pedra, despois de recuperado daría un salto descomunal.  Este relato sería a cristianización dun rito que consistía en “dar paus” na pedra para propiciar un cambio meteorolóxico. Estas ceremonias  levábanse a cabo en  distintos lugares de Galicia.   

Non menos lendaria é a historia da propia Santa Mariña, que deixou as súas “patudas” nunha pedra da praia de Parameán para chegar a esta vila. Os fregueses seguiron achegando a imaxe da santa a este lugar, para levar a cabo un ritual que consistía  en mollarlle a cara en tempos de seca tentando así provocar a chegada das choivas.

Outro fito ben coñecido deste monte  é a Pedra do Cadro. Moi cerca, no camiño de subida, atopamos unha cavidade entre penedos que ten na súa entrada unha pedra cunha cruz gravada e tres coviñas. A Pedra do Cadro é unha inmensa mole granítica e representa, cos seus de 331 m de altitude sobre o mar, unha inmellorable atalaia sobre a ría de Noia-Muros.

Xente enriba da Pedra do Cadro

Pedra das Cruces. A carón do río Rateira. Abelleria

Cara ao sur deste monte do Pedregal, co estreito val de Riomaior por medio, temos o impoñente Bico do Castelo Grande, vestixio dunha fortaleza ou castelo medieval de vixilancia, ao cal se pode acceder pola calzada da Laxe ou por Arestiño. 

Sinalar tamén na zona que cae cara ao río Rateira a existencia da Pedra das Cruces, unha laxe posta en vertical con numerosas cruces gravadas de diferente tamaño. Está situada a carón do leito do río e cerca do Campo da Ermida, onde houbo unha pequena capela a día de hoxe desparecida, pero da que hai memoria dos seus restos  

Hai un roteiro aberto ata a Pedra do Cadro que acaba no curuto da mesma pedra, e un desvío deste  atravesa ata a Braña pasando por distintos lugares desta paraxe. Para ir ao Castelo habería que baixar por unha pista cerca  da aldea da Laxe, no extremo leste do pedregal, e para a Pedra das Cruces teríamos que acercarnos ao lugar de Rateira (parroquia de Abelleira) e camiñar río arriba, ata rematar unha pista de terra. 

A Casa dos Xudíos

 

Sangue de santo Estevo na Laxa Borrateira

 

Pedras erosionadas na subida ao Bico Grande do Castelo                                       

 

Gravados na Pedra da Pía

 

Cova no Pedregal de Esteiro moi cerca da Pedra da Pía

 

Pedra con coviñas e unha cruz, na entrada dunha cova, cerca da Pedra do Cadro

 

Vista dende a Padra do Cadro

Para máis información podedes ver:

Enlaces aos elementos nomeados no artigo, onde podemos ver a súa situación.

Pedra do Cadro

A Pedra da Pia

A Laxa Borrateira

Pedra das Cruces

Castelo de Esteiro ou da Laxe

Patudas de Santa Mariña

Bibliografía

Roteiro de rutasdehistoria.com ao Pedregal de Esteiro ( Muros, Galicia),

 https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-das-pedras-lendarias-de-santa-marina-de-esteiro-26272511

 

Mº Aurora Lestón Mayo e Milagro Torrado Cespón. Anuario Brigantino 2011, nº 34.  “El Altar Rupestre da “A Pedra da Pía”.

Enriquez Véles Barrio,  Mª Carme Pereiro. As montañas de Galicia, Ed. Xerais 1993.

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Divulgador

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: