fbpx
O apalpador, figura mítica do Nadal galego

Coñece o Apalpador, o verdadeiro Papa Noël galego

Tempo de lectura: 4 min.

Na montaña lucense, principalmente, nos vales do Cebreiro, Courel, Louzara e Ancares, é onde pervive a figura dun carboeiro vello e rexo que apalpa a barriga dos nenos. Ata hai ben pouco case nada se sabía da figura deste ser mítico: o Apalpador. Está sempre descrito coma un home grande, groso, barbudo e chega nas noites de Nadal e Fin de Ano. Pero non é Santa Claus ou Papa Noël. Tampouco ten nada que ver cos Reis Meigos, aínda que todos eles comparten un fin común: aledar aos máis pequenos da casa.

Segundo a tradición, o Apalpador vive na montaña, dedicado a facer carbón. É un xigante que usa boina, unha chaqueta vella e remendada, fuma en pipa e aliméntase con abruños salvaxes e da carne de xabaril que caza no monte. Esa é máis ou menos a imaxe que teñen del os máis vellos das comarcas de O Cebreiro, Courel, Louzara e, mesmo, Ancares, que lembran as historias que lles contaban os seus avós.

Esta figura mítica do Nadal galego comparte certa familiaridade con San Nicolás, precursor do Papa Noël europeo, e tamén co Olentzero vasco estudado por Pío Caro Baroja. Segundo a tradición, o ‘Apalpador’ baixaba aos vales para “palpar” a barriga dos máis pequenos e deixarlles castañas no caso de que estivesen moi fracos.

O apalpador, imaxe popularizada por Leandro Lamas

“Ceabamos á hora de costume, antes de ir á cama, cando agora se comen as uvas. Fartabámonos de comida porque dicían que, de noite, viña o Apalpador e se estabas cheo, non pasarías fame en todo o ano. Vía a todos, nenos e nenas, e palpaba as barrigas. Deixaba castañas. Eran os ‘reis’ que había”. Así o lembra Fina, unha anciá de Ferramulín, en Volta Grande do Courel.

Recuperación da tradición

Recordos como estes aparecen no libro ‘Teoría de inverno’, editado polo colectivo ‘A Gentalha do Pichel’, e que foi o primeiro estudo en profundidade da figura do ‘Apalpador’. Precisamente, a recuperación desta figura chegou da man da Comisión de Recuperación de Memoria Histórica desta asociación en 2007.

Previamente, en 1982, Xesús Taboada Chivite, no traballo ‘La Navidad gallega y su ritualidad, in Ritos y creencias gallegas’ recolle a existencia do ritual de apalpar a barriga dos nenos en Noitevella e que chamou “noite do apalpadoiro”. Posteriormente, no 2007, Carlos Calvo Varela publica “O Apalpador e o toro de Natal; ou o “Papá Nöel” e a árvore de luzes”, un traballo publicado no número 95-96 e no que se fai un extenso estudo sobre o fenómeno do Apalpador. Foron, principalmente, investigadores como José André Lopes Gonçales e, despois, Carlos Calvo Varela, os que rescataron do esquecemento a figura do ‘Apalpador’. Do primeiro é a primeira cantiga recollida:

Hoxe é día do Nadal,

día do Noso Señor

ide logo para a camiña

que vai vir o Apalpador.

·············

Hoxe é día do Nadal,

vai neniño para a camiña

que vai vir o Apalpador

a apalparche a barriguiña.

·············

Hoxe é día do Nadal,

que haberá gran nevarada,

e há vir o Apalpador

cunha mega de castañas.

·············

Por aquela cemba,

xa ven relumbrando,

o señor Apalpador

para darvos o aguinaldo.

 

Cantoulla Amadora, da aldea de Romeor, no Courel, en 1997. Desde entón, moito máis percorreuse na recuperación das historias deste ser mítico. A Gentalha do Pichel realizou case 30 gravacións nas que documentou esta tradición que adopta diferentes nomes ademais do de ‘Apalpador’ -que é o máis numeroso-, como ‘Apalpa-barrigas’ ou ‘Pandigueiro’.

Outra das conclusións ás que chegou esta asociación é que non hai un día exacto para as saídas do ‘Apalpador’. A xente fala do 24, o 28, o 31 de decembro e, mesmo, durante o Entroido. Estas datas repítense en toda a franxa atlántica para as celebracións natalicias e teñen que ver coas celebracións precristianas do solsticio de inverno, que era cando acababa o ano.

Nalgúns lugares, o mito dexenerou e o ‘Apalpador’ converteuse nun “home do saco” e mesmo se mesturou coa tradición dos Reis Meigos, que deixaban carbón aos nenos que se portaran mal durante o ano, e que se confunde coa figura do ‘Apalpador’, que é un carboeiro.

Recordo vivo

A Gentalha do Pichel fixo un traballo de recuperación da figura do Apalpador que documentou en varios vídeos, ata 30.  Amadora, de Romeor, lembra que o máis vello da aldea vestíase de ‘Apalpador’ e dáballe aos nenos cun saco de cinza. “Os nenos primeiro escapaban pero logo achegábanse a el”, di. “Eu lémbroo como un ser bondadoso que viña palparnos a barriga“, afirma Domingo, de Vilarubín, un pobo do Courel, pero xa na provincia de León.

Por iso, e seguindo ese espírito, a Gentalha do Pichel comezou a organizar hai varios anos unha “saída” do ‘Apalpador’ polas rúas de Santiago para tentar que os máis pequenos “tamén coñezan esta tradición galega”. Desde entón, son varios os centros escolares e as localidades que se sumaron xa a esta iniciativa. De feito, hoxe o Apalpador é xa unha figura recoñecida no Nadal galego. Non tanto como o Papa Noël ou os Reis Meigos, pero os nenos comezan xa a saber que o home barbudo, alto e forte vestido de verde é un “home bo que trae felicidade”.

 

 

 

Escrito por

Xornalista, profesor da USC e coordinador do HdG.

Pode que che interese...