Derrubamento do Templete do Estanque no Parque do Pasatempo / Concello de Betanzos

Que hai que facer para que o primeiro parque de atracións de Europa non caia a cachos tras un novo derrubamento?

O Parque do Pasatempo de Betanzos, o primeiro parque destas características en Europa, segue morrendo paseniñamente sen que se faga nada. Hai uns días era unha agresión en forma de pintada ao famoso león que hai no seu interior e este xoves dábase conta da caída de parte do Templete do Estanque. Un derrubamento no que se perdeu toda unha escultura que representaba un barco.

Tras esta caída, o Concello de Betanzos pechou o acceso á zona histórica deste monumento e informou da situación á dirección xeral de Patrimonio Cultural para que os seus técnicos avalíen a situación e indiquen ao Concello as medidas a tomar con carácter urxente. Segundo di é a Xunta, ao iniciarse a tramitación do expediente para declaralo Ben de Interese Cultural, a que pola Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, debe establecer e autorizar calquera actuación. De feito, a declaración coma BIC leva agardando case 40 anos. Comezouse a tramitar a comezos deste ano e aínda non foi aprobada.

Imaxe do Parque do Pasatempo de compezos do século XX, cun dos barcos que se desfixo / Deputación da Coruña

Novo desprendemento

O desprendemento desta parte do Templete produciuse esta mañá coincidindo cos labores de baleirado da auga do estanque. Estes traballos realizábanse por mor das indicacións realizadas polos técnicos que redactaron o anteproxecto de recuperación do parque e que, entre outras cuestións, expuxeron o apontoamento do Templete e a adopción de medidas de seguridade, mentres non levaban a cabo os traballos de recuperación do mesmo.

Segundo o concello, entre eses traballos figuraba o apontoamento do Templete, que xa se realizou, e diversas actuacións como o selado dalgunha fenda (que estaba na zona que hoxe se desprendeu) e outras medidas de seguridade. Para saber con exactitude o grao de afectación desta fenda e proceder ao seu selado era necesario rebaixar o nivel da auga do estanque e por iso é polo que se iniciara o mércores o baleirado da auga.

Estes traballos de selado e diversas actuacións de seguridade están contemplados nunha partida de 50.000 euros aprobada no Pleno do pasado mes de setembro para obras de urxencia no parque do Pasatempo, a executar mentres non se contratan os traballos previstos no proxecto técnico de recuperación da zona histórica que redacta a Xunta. A partida destinarase agora a realizar os traballos que, segundo Patrimonio, haxa que realizar no Templete.

León do parque do Pasatempo de Betanzos / Salvemos o pasatempo

Axudas

“O goberno local anunciou nos últimos días a súa intención de presentar emendas ás presupostos da Xunta para que se inclúa unha partida para O Pasatempo que complete o investimento de 750.000 euros comprometida polo Concello e a Deputación Provincial a través dun convenio”, lembra. Así, indica que o feito de non contar co proxecto técnico desde un principio atrasou a firma do convenio, aínda que, “o compromiso da Deputación co Concello mantense inalterable”. Nos últimos días completouse diversa documentación polo que se espera que a firma poida ser efectiva en breve. A partir de aí espérase que a Xunta dispoña dunha partida importante tamén para completar este investimento.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: