Reis Magos / remitida

Así era o noite de Reis nas aldeas galegas

Esta noche se celebra la Epifanía de los Santos Reises… Del Oriente llegan tres reises”… Así comeza unha cantiga que nenos e vellos cantaban no Baixo Miño a noite prevía a Reis. Á tardiña, grupos de mozas e de mozos percorrían a aldea con gaitas e pandeiretas entoando cantigas que foran pasando de pais a fillos durante séculos. A cambio do seu cantar, mozos e mozas pedían un agasallo en cada casa que soía ser en forma de viño, chourizos, touciño, doces ou lambetadas que despois consumían todos xuntos facendo unha festa ou foliada.

De feito, as cantigas de Reis, non tiñan que ver coas que se cantaban en Nadal ou en Ano Vello. En Nadal cantábanse panxoliñas ou nadais, en Fin de Ano as Xaneiras, Manueis ou Aninovos e a véspera de Reis os cantares de reis ou aguinaldos.

Normalmente os temas das cancións estaban relacionadas co Nadal. No caso dos cantos de Reis a temática adoitaba xirar arredor da visita e adoración dos Reis Magos a Cristo, a fuxida da Sagrada Familia a Exipto, a viaxe de Nazaret a Belén de Xosé e de María e a procura dun lugar onde parir.

Celebración dos reises en Valledor

Unha viaxe ou un camiño

Como apunta o antropólogo Rafa Quintía, case a totalidade dos cantos de Reis relatan unha viaxe ou falan dun camiño. “Isto tampouco é casual se temos en conta que o Nadal coincide co período de mínima potencia solar e co intre no que o Sol comeza o seu renacemento cíclico a partir do solsticio de inverno. O Sol viaxa constantemente e o camiño representa a búsqueda dunha nova vida”, suliña.

Estes cantos de Reis soían comezar cunhas estrofas de presentación dos “Reiseiros” na que se pedía permiso ou licencia para cantar na casa. A continuación viña o propio relato ou canto de Reis e adoitaban finalizar cunha de loubanza ós da casa onde cantaban, en caso de obte-lo aguinaldo desexado, pero tamén podía rematar dun xeito ferinte, e mesmo insultante, no caso contrario, facendo saber ós veciños quen estaba menos disposto a comparti-los seus alimentos. De seguido tocábase unha xota ou muiñeira e convidaban a danzar ós da casa.

Moitos das cantigas teñen que ver con cantos gregorianos e cantares relixiosos dos séculos XV e XVI que foron adaptados e transformados polo pobo. Quintía lembra que a meirande parte deles son en castelán ou castrapo, debido a súa orixe nos textos bíblicos ou eucarísticos, que eran sempre nesta lingua.

Os Reis hoxe

En Ramirás, en Ourense, a Asociación Cultural Rebulir, recuperará un ano máis os cantos de reis que tradicionalmente se cantaban de casa en casa. Deste xeito, mozos e mozas percorrerán ata altas horas as casas das aldeas da zona tocando e pedindo o aguinaldo como se facía antano.

Os cantares de Reis tamén chegan a Portugal. O Santuario de Nosa Señora da Nazaré foi escenario es venres de “Natal aos Reis” do grupo artístico Sons Vadíos. O concerto temático reuniu cancións de Nadal e cantares de reis tradicionais de Galicia e Portugal, co obxectivo de promover a “valorización dos cancioneiros tradicionais da época natalícia de ambas as marxes do Miño, evidenciando a repartición dunha cultura imaterial común”.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: