fbpx
A catedral dende a tribuna, o lugar no que se atopa a clave co Año de Deus que completa o programa iconográfico do pórtico / foto catedaldesantiago.es

Crece a polémica por separar o Pórtico da Gloria da catedral con madeira tras a última reapertura

Tempo de lectura: 2 min.

Protexer o ambiente do Pórtico da Gloria, recentemente restaurado, e evitar que lle entren humidades e po procedentes das obras de rehabilitación do corpo de naves da catedral. Este é o obxectivo dunha estrutura que está a sorprender bastante a veciños e visitantes da catedral de Santiago, tras a recente reapertura do pórtico. Unha estrutura que estará aí, cando menos, un ano.

E é que nos últimos días grandes planchas de madeira que separa o pórtico do resto do templo está a converterse en causa dunha nova polémica. Xa que se ben para o equipo de traballo é unha medida de protección, para algunhas voces críticas é unha barreira para aprecialo como o que é, o nártice de entrada á catedral, e para outras unha escusa para illalo e fomentar as visitas de pago.

Unha das voces críticas máis sonadas foi a do doutor en Historia Contemporánea, exvicerreitor da USC e exsecretario de IDEGA Lourenzo Fernández Prieto, quen nos pasados días expresaba o seu malestar pola nova imaxe do pórtico nunha coñecida red social. “O novo aspecto da Catedral co Pórtico da Gloria valado de madeira resulta un atentado ao patrimonio e ao sentido. Pero como pode ser???”. E engadía máis tarde, “imposible ver o Pórtico con xeito até polo menos 2021“.

Un armazón de madeira laminada coma o que protexe o Pórtico da Gloria / foto JensRSCC0

E é que o certo é que o Pórtico é unha estrutura en tres niveis e que orixinalmente se comunicaba dun xeito orgánico e aberto. O Pórtico da Gloria estaba concibido para que quen accedera á catedral polo Obradoiro puidera observalo ó tempo que ascendía cara o templo, e seguía igualmente visible unha vez se cruzaran os seus linteis. Se ben a imaxe dende o Obradoiro desapareceu en parte tras a construción da fachada barroca, a imaxe dende o interior do templo seguía ata o de agora intacta comunicando pórtico, altar e Año de Deus da clave da tribuna.

É por iso que illalo do templo é para algúns un feito incomprensible e moitos se preguntaban nas redes sociais se sería algo temporal. Tamén hai moitas outras críticas que apuntan cara fins económicos e que o relacionan coas reinauguradas visitas. “Iso vai quedar así. Se cobras tes que separar. É un atentado ao Patrimonio e ao simbolismo da obra. Non se pode ver o pórtico sen ver o altar, están unidos visualmente”, comentaba outra internauta.

Pórtico da Gloria antes da restauración / Fundación Barrié

 

 

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...