fbpx
Unha das esculturas declaradas BIC / foto Museo do Prado

Como son e onde visitar as nove estatuas BIC do Mestre Mateo

Tempo de lectura: 5 min.

Unha “figura sedente nunha cadeira de tesoira, finalizada por cabezas de león. O rei, que viste roupas con abundantes pregues, toca un arpa-salterio coa man dereita, mentres axusta a tensión das cordas coa esquerda. A figura vai toucada con coroa real, que deixa caer os caracois da melena”.

Esta é a descrición do Rei David que aparece no DOG do pasado 4 de setembro, no que se declaraban Ben de Interese Cultural, a maior categoría do noso patrimonio, ás nove estatuas procedentes da fachada occidental da catedral, do taller do Mestre Mateo. Pero esta é so unha das nove xoias que se conservan. Xunto a ela outras oito vestixios únicos máis dun conxunto esencial para entender como foi en tempos un dos cumios da arte medieval europea. Mais, como son e onde poden visitarse estas xoias?

Nove manifestacións dunha xoia do románico europeo

O primeiro que compre saber das nove esculturas é a singularidade da súa procedencia. É sabido que estas nove esculturas pertencen ó taller do Mestre Mateo, ou, o que é o mesmo, se fixeron por expertos escultores baixo a súa supervisión directa do Mestre e cun estilo persoal determinado. Foi entre 1188 e 1211 coincidindo coa época na que se estaba a construír o sensacional Pórtico da Gloria, formando parte, de feito, de este.

Reconstrución da fachada románica da catedral / foto arteguias.com

E é que o Pórtico no seu tempo non era so o que hoxe vemos del. Era unha obra fabulosa en tres niveis incluídos “cripta” e tribuna, que se estendía ó corpo de naves e a actual fachada do Obradoiro. O Pórtico era un verdadeiro remate occidental dun templo comezado a construír no ano 1075 e que baixo o novo mestre de obras completaríase cun deseño excepcional.

Este remate occidental, constaría tamén dunha diáfana fachada externa da que proceden as esculturas. Dende o ano 1521 e ata o remate das obras da fachada de Fernando de Casas, a finais do século XVIII, a fachada desmontaríase, sendo substituída pola actual xoia barroca. As nove esculturas declaradas BIC provirían desta fachada, e serían a única testemuña física que hoxe conservamos daquela gran obra.

Reis, patriarcas e profetas 

O Pórtico tería, polo tanto, cara ó exterior unha verdadeira fachada bastante pouco coñecida. O seu programa iconográfico ou escultórico completaría a mensaxe interior, con altorrelevos pensados para ser divisados por todo aquel que se achegara á catedral. Del conservamos esta serie de esculturas, que na súa orixe terían unha colocación similar á das estatuas-columna da parte interior do Pórtico.

 

 

É por isto que todas son altorrelevos en granito, de entre 1,60 e 1,73 metros de alto. Grandes pezas pensadas para estar encaixadas na fachada mirando directamente ó exterior, nun conxunto que podería ser especialmente profuso en esculturas. O seu programa iconográfico sería complexo e del conservamos reis, patriarcas e profetas, entre os que se poden identificar, sendo todas elas figuras do Antigo Testamento.

Das nove, dúas que semellan parella son o Rei David e o Rei Salomón, aínda que hai outras teorías, a súa iconografía semella clara. Xunto a eles estarían Abraham e Isaac, dous grandes patriarcas da biblia, xunto a eles os profetas Enoc, Elías e Malaquías. O conxunto o completan un rei bíblico, que para algúns autores podería ser o rei Alfonso IX, a escultura dun home barbado de difícil identificación.

As súas descubertas

Mais de onde proceden? No caso das nove esculturas a súa procedencia é moi diversa, xa que ó desmontarse a fachada quedaron en boa medida á súa sorte. Non ocorreu así con dúas delas, por o Rei David e o Rei Salomón foron excepcionalmente reempregadas na fachada. As figuras de David e Salomón foron por moito tempo acróteras da escaleira que daba acceso ó nértex barroco, sendo, por tanto, por moitos séculos os gardiáns do acceso principal á catedral.

Exposición das nove pezas no Pazo de Xelmírez / foto catedraldesantiago.es

No resto dos casos as esculturas salváronse de forma excepcional, e por moito tempo formaron parte de coleccións privadas. Así as figuras de Enoc e Elías foron parte da colección do Conde de Ximonde, e as de Abraham e Isaac foron por séculos propiedade do Concello de Santiago ata a súa “compra” ou “expropiación”, segundo se queira ver, pola familia Franco.

Un caso diferente foi o de Malaquías, pois no ano 2016, durante a restauración da fachada, apareceu no recheo da torre das campás da catedral. Isto danos conta do destino que puideron ter moitas das esculturas desta fachada e de por que a importancia de conservar estas nove xoias é tal. A figura apareceu decapitada, pero aínda así é posible rastrexar a súa iconografía.

Unha exposición que cambiou á súa historia

As esculturas “hoxe son ben coñecidas e gozan de gran notoriedade pública”, como sinalan dende a Xunta. Dous son os motivos. O primeiro, a intensa polémica producida pola pertenza do Isaac e Abraham á familia Franco, pois o Concello de Santiago, durante o mandato de Martiño Noriega, denunciou a posesión ilícita destas dúas obras por parte da familia. O tema, que saltou ós medios nacionais, a día de hoxe aínda se atopa nos tribunais.

Detalle da exposición no Museo del Prado / Youtube.com Museo del Prado

O segundo motivo do seu coñecemento foi moi distinto. Pois foi ter sido obxecto dunha exposición monográfica organizada polo Museo do Prado. Foi esta unha exposición estrela promovida polo propio museo madrileño, a Real Academia Galega de Belas Artes e a Fundación Catedral de Santiago, que contou tamén coa colaboración da Xunta de Galicia. Para a exposición se xuntaron as nove obras, que foron obxecto de restauración por parte do museo. A exposición repetiuse despois no Pazo de Xelmírez.

Onde atopalas

Mais rematada esta segunda exposición foi tempo de que as estatuas cedidas volveran ós seus propietarios. Isto lévanos ó problema de onde podemos visitalas, xa que agora, segundo marca a lexislación todos debemos ter acceso a elas, polo menos, catro días o mes. E é que as obras a día de hoxe atópanse dispersas de novo. É posible atopalas en tres ubicacións que teñen que ver cos seus tres grandes propietarios ou o lugar no que están en depósito.

A maioría delas atópanse no Museo da Catedral de Santiago. O Rei David e Salomón xa non forman parte das escaleiras da catedral, xa que este lugar suporía un verdadeiro perigo para elas. No seu lugar situaranse réplicas de alta calidade. Tamén no Museo da Catedral atópanse a figura de Malaquías, atopada na torre das campás, a figura do rei bíblico e do home de Barbas, procedentes de dúas coleccións particulares depositadas no Museo.

As figuras de Enoc e Elías atópanse expostas no Museo de Pontevedra, que é o seu propietario, despois de que foran mercadas no ano 1956 ó seu antigo propietario, o Conde de Ximonde. Pola outra banda as polémicas Abraham e Isaac, atópanse no concello de Sada, no Pazo de Meirás, pois a día de hoxe continúa a formar parte da colección da familia Franco.

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...