fbpx
Dixitalización dunha das pezas do Mestre Mateo / Catedral de Santiago
Dixitalización dunha das pezas do Mestre Mateo / Catedral de Santiago

As nove estatuas do Mestre Mateo xa son Ben de Interese Cultural

Tempo de lectura: 2 min.

As nove estatuas do Mestre Mateo xa teñen a maior protección posible para o noso patrimonio. Pois onte día 4 de setembro, e despois de anos de agarda, a Xunta de Galicia publicaba no DOG o Decreto 100/2019, de 26 de xullo, polo que se declaran Ben de Interese Cultural as nove estatuas do taller do Mestre.

Estas procedían da desaparecida portada exterior occidental da catedral de Santiago de Compostela ou, o que é o mesmo, a parte externa do Pórtico da Gloria. As nove estatuas, de entre finais do século XII e principios do XIII e atribuídas o taller do autor, e que formaron parte da exposición monográfica dedicada ó Mestre Mateo no Museo del Prado, traída despois ó Pazo de Xelmírez, pasan agora a ter a maior protección legal que se lle pode atribuír ó patrimonio galego.

Porén a declaración de Ben de Interese Cultural non afecta á titularidade das obras que seguirán a formar parte das coleccións dos seus diferentes propietarios. Iso si estes estarán dende hoxe por lei obrigados a habilitar un mínimo de catro días ó mes para ó acceso a todas aquelas persoas que queiran admiralas.

Seis das nove pezas atribuídas ao Mestre Mateo que serán BIC / xunta.gal

A polémica coa familia Franco

Dende o punto de vista patrimonial a nova é dun interese especial xa que estas nove esculturas de incalculable valor atópanse en mans de diferentes donos e, polo tanto, teñen unha maior fraxilidade. É precisamente por esta orixe diversa, polo que a Xunta optou por unha declaración individual de cada peza e non como conxunto, sendo cada unha delas un elemento singular do noso patrimonio en si mesma.

Porén dúas destas nove representacións, as de Abraham e Isaac, atópanse en posesión da familia do ditador Franco. Durante o mandato de Martiño Noriega o Concello puxo en dúbida a propiedade das obras demandando nos tribunais á súa devolución. No preito o Concello aseguraba que a familia se fixera cargo delas de xeito ilícito en plena Ditadura. O xulgado en primeira instancia doulle a razón a familia, porén a resolución atópase recorrida.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...