fbpx
Mosaico romano que, supostamente, representa a Prisciliano

Unha nova hipótese sobre Prisciliano e o crismón de Quiroga que chega ata os nosos días

Tempo de lectura: 2 min.

O ano pasado, 2018, o arqueólogo López Quiroga realizou prospeccións con xeorradar, que demostraron a existencia de importantes restos baixo o chan da igrexa da Ermida, en Quiroga, onde se atopou o famoso crismón. Entre os restos atopouse unha campá ou sartego relevante no interior, segundo me manifestou o crego da parroquia, D. Xesús Río, historiador competente e home inquedo polo quefacer cultural e pola verdade histórica.

Semella que o crismón ten un carácter nidiamente priscilianista como xa adiantara o profesor Palop en 1974 e máis recentemente o xesuíta francés, Gabriel Sánchez. Ao crismón podemos engadir outro elemento que confirmaría a simboloxía priscilianista, o Meco, persoeiro que sae nas festas da virxe do 8 de setembro na Ermida. Así o cre Xosé Estévez, Historiador e profesor emérito da Universidade de Deusto, que reflexiona nun interesante artigo no Xornal de Lemos sobre a hipótese de que ‘O Meco’ sexa a representación de Prisciliano

O Meco da Ermida en plena acción. Foto: Xornal de Lemos

“Se ollamos con certa quietude, con actitude crítica, reflexiva e desapaixonada e con metodoloxía etnográfica, observariamos na persoa e no ritual do Meco unha simboloxía priscilianista, e non demoníaca como xeralmente lle atribúen moitos autores, entre eles Blanco Porto. O mesmo Pai Losada Prada, xesuíta natural de San Vitorio, profesor da Universidade de Salamanca e un grande filósofo do século XVIII, escribiu un entremés do borracho e atribúeselle outro, o do portugués, escrito en galego. Neste último cita un Meco, non sabemos se se refire ao da Ermida. Era un boneco que se queimaba o aforcaba en Galiza os mércores de cinza”, escribe.

Así, destaca que o lugar da Ermida ten un engado especial, lendario e ancestral. A súa situación nun outeiro, un antigo castro dos moitos que enfeitizan a bisbarra, ateigada de vedraias minas de ouro romanas, domina unha bela panorámica do val e semella un vixía esculcante. Nel construíuse un templo e despois unha igrexa cristiá, un lugar de enterramento e posiblemente nos arredores -na praza de San Martiño ou no Hospital quizais- unha “vila” de explotación agraria na época do baixo imperio romano, un precedente dos señoríos feudais. Parece que Prisciliano, un home culto e rico, sería propietario dunha destas vilas. Na idade media apareceu unha imaxe da Virxe traída por un peregrino, pois o camiño de inverno, custodiado polos hospitalarios da Orde de San Xoán de Xerusalén ou cabaleiros de Malta, atravesaba o val, pertencente na meirande parte a unha súa encomenda, cuxa sede achábase no castelo dos Novais. A maioría dos encomendeiros soterrábanse na igrexa románica do hospital e algúns tamén na enxebre románica de Torbeo, onde acouga Vasco Pérez de Quiroga. No epitafio do seu sartego reza esta caritativa e fermosa lenda: ”Cabaleiro que a ninguén deixou morrer de fame”.

Le todo o artigo de Xosé Estéves no Xornal de Lemos.

Pode que che interese...