fbpx
Detalle da pintura Negra Sombra de Felipe Monteaguado / foto Museo de Pontevedra

Así recolleron os artistas galegos os horrores da Guerra Civil, compartindo mesmo espazo co Guernica en 1937

Tempo de lectura: 3 min.

Truncar a súa traxectoria vital e a súa evolución artística. Esta foi a consecuencia da Guerra Civil, a represión e o exilio nos artistas galegos que viviron a contenda. Un conflito que, como fixera Castelao, moitos deles víronse obrigados a enfrontar, recoller e a asumir, co mesmo cambio da súa propia vida, coa represión ou o exilio en América.

Cruce dos Pirineos de Uxío Souto / foto Museo de Pontevedra

Esta é a realidade que o Museo de Pontevedra acaba de recoller nunha nova sección da súa colección permanente, a través de artistas coetáneos a Castelao. Con ela complétase a imaxe da Guerra Civil do artista de Rianxo, explorándose ó mesmo tempo unha visión do impacto que a Guerra e o réxime franquista tivo na produción de creadores galegos represaliados ou exiliados.

Na nova sección inclúense 14 pezas de artistas ligados ideoloxicamente a República, ó galeguismo, o nacionalismo e cunha vivencia moi semellante á de Castelao: Camilo Díaz, Federico Ribas, Arturo Souto e Uxío Souto. Eles, tralo dominio do noroeste por parte dos sublevados, foron asasinados, forzados a un longo exilio e impedidos de regresar ou obrigados a un asfixiante e represivo exilio interior.

Os albumes que compartiron espazo co Guernica en 1937

A nova montaxe permanente está organizada pola responsable de Coleccións do Museo, Ángeles Tilve. Con ela preténdese facer un percorrido temático relacionando as obras co Álbum de Guerra de Castelao, xa exposto desde 1981, e con outras pezas, da planta terceira, de artistas que estiveron no exilio interior, como Masside ou Torres.

Un exemplo é o de Arturo Souto. Del exponse tamén un álbum de debuxos de guerra que publicara no seu día o Ministerio de Propaganda Republicano. Trátase dunha peza que nin sequera se expuxera na exposición antolóxica que se fixera na Coruña e despois en Pontevedra a finais dos 90.

Debuxos da Guerra de Arturo Souto / foto Museo de Pontevedra

No albume destaca un debuxo que no seu momento estivo co Guernica de Picasso no pavillón español na Exposición Internacional des Arts et Técniques do 1937 en París e logo en Bruxelas. E á obra Bombardeo, unha acuarela que el publicara nunha revista da República e que xa era coñecida pola reprodución na prensa, mais que despois apareceu á venda e foi mercada polo Museo de Pontevedra.

Aguadas pola da represión franquista de Bueu ou da fuxida nos Pirineos

Outro exemplo disto e a do ilustrador vigués Federico Ribas. O artista recolle en seis augadas a represión franquista na zona de Bueu. E é que o golpe de Estado colleuno veraneando na vila do Morrazo, escapando a Portugal como xa fixera tamén Maruja Mallo. Ese álbum de augadas tíñase exposto parcialmente e fora xa reproducido, mais nunca estivera integrado na colección permanente do Museo.

Pintura Negra Sombra de Federico Ribas Monteaguado / foto Museo de Pontevedra

Trátase dunha obra excepcional e moi relacionada con Castelao, que o artista conservara na Arxentina e que lle fora deixado ó autor rianxeiro en depósito cando regresou nos anos 40. Alí pasou desapercibido por moitos anos ata que a partir da morte de Virxinia Pereira incorporouse ó Museo.

Na sección acóllese tamén obra do cuntense Uxío Souto. Pois ademais dalgunhas esculturas, estarán á vista do público dúas augadas que amosan a súa experiencia persoal ó final da guerra: a fuxida das persoas vencidas polos Pirineos e a visión atormentada das e dos republicanos confinados no campo de refuxiados francés de Barcarés no que el tamén estaba internado.

A derradeira lección do mestre de Castelao / foto Museo de Pontevedra

Pode que che interese...