O Museo de Pontevedra completa co Álbum Nós o conxunto de pezas máis importante de Castelao”
O Museo de Pontevedra merca unha das obras máis importante de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, o ‘Álbum Nós’. Trátase dunha das obras máis importantes e emblemáticas do artista e un dos legados creativos e ideolóxicos máis importantes do Rianxeiro.
Trátase das 49 láminas, o autorretrato de Castelao e o exlibris que finaliza o álbum debuxadas por Castelao entre os anos 1916 e 1918. Esta obra excepcional de Castelao ven a sumarse á colección do museo xunto cos Álbums da Guerra, Galicia Mártir, Atila en Galicia e Milicianos, nuns fondos que contan coa maoir colección de pezas do artista.
A compra foi anunciada pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera e o director do Museo, Xosé Manuel Rey o pasado día 16 de decembro. Porén non se desvelou ata o pasado día 9 a identidade da familia nin a cantidade a pagar.
Cumprir co desexo do propio Castelao
Agora sábese que o museo conseguiu a obra da man da familia de José Lino, avogado e amigo persoal de Castelao e propietario do piso da rúa Oliva na que Castelao e a súa muller, Virxinia Pereira, viviron de aluguer. A obra foi atopada na casa dos seus descendentes, mais por moito tempo a familia pensou que se trataba dunha copia.
Así a familia decidiu vender este orixinal á institución por 650.000 euros, recibindo incluso, tal e como relatou a familia, ofertas moito maiores da que obtivo da Deputación. Mais querían que a obra quedara en Pontevedra. Así o desexo de Castelao cumpríase o permanecer o seu legado no Museo de Pontevedra.
Atopada no ano 2016
Agora os debuxos orixinais pasarán a formar parte dos fondos da institución provincial. Serán por fin en propiedade, logo de dispoñer delas en depósito os últimos cinco anos, dende 2016 co gallo da exposición ‘Meu Pontevedra’, estando expostas actualmente nun espazo específico no Sexto Edificio.
O Álbum que estivo moitos anos desaparecido e apareceu finalmente nese ano 2016,cando a familia descubriu que era o orixinal. O Álbum fora un agasallo de Castelao a José Lino e permanecera na vivenda familiar todo ese tempo. No ano 2016 os propietarios deixárono en depósito na institución pero querían rematar coa cesión que finalmente se fixo.
Porén non foi un camiño fácil para a Deputación xa que a familia afirmou ter varias ofertas. Ademais dende o museo explicouse que a transacción comunicouse formalmente á Xunta, que tiña dereito de tanteo e retracto ó ser un Ben de Interese Cultural, segundo a Lei de Patrimonio Cultural. Mais o goberno galego comunicou que non faría uso dese dereito.
O conxunto de pezas máis importante de Castelao
“Son o conxunto de pezas máis importante de Castelao e permiten completar a colección provincial, que conta con arredor de 2.000 elementos do autor“. Así se refería o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, á obra. “O máis relevante da obra de Castelao está no Museo de Pontevedra. Pontevedra, Castelao e o Museo de Pontevedra non se entenden un sen o outro”, subliñou.
Pola súa parte a presidenta da Deputación, Carmela Silva, subliñou que Castelao quería que a súa obra estivera vinculada a este museo do que formou parte desde o seu inicio. “O Museo de Pontevedra é o Museo Nacional de Galicia. Aquí están as pegadas máis importantes da nosa historia e cultura, e por iso é obrigado que estea a maioría da obra de Castelao”.
Pola súa banda o director do Museo, Xosé Manuel Rey, destacou que o ‘Álbum Nós’ supón un capital simbólico para os fondos da institución. Afirmou que nas súas láminas plásmase a psicoloxía e o paradigma do rural galego cun imaxinario reivindicativo e de grande forza. “É unha obra capital e emblemática que Castelao fixo nun momento crucial”.