fbpx
Mosteiro rupestre de San Pedro de Rocas / foto xuntal.gal

Denuncian ao presidente da Deputación de Ourense por “danos irreparables” en San Pedro de Rocas

Tempo de lectura: 2 min.

O presidente da Fundación Moreiras-San Pedro de Rocas, para a Protección, Estudo, Difusión e Posta en Valor do Patrimonio Rupestre Histórico presentou o pasado 18 de febreiro unha denuncia contra o presidente da Deputación Provincial de Ourense, José Manuel Baltar, por “danos irreparables” no entorno de San Pedro de Rocas, declarado BIC.

Esta entidade advirte que a  continuidade inminente do Proxecto “Mellora e acondicionamento da estrada OU-0509 PQ 9+940-10+600” supón un “atentado contra numerosos elementos patrimoniais protexidos pola lei e contra os bens de interese público” que protexe, investiga e custodia esta Fundación (99% do mosteiro de San Pedro de Rocas e o seu couto, tal e como recolle o BOE-A-2022-1686. Ministerio de Justicia.

Detalles da desfeita en San Pedro de Rocas / foto Jorge López Quiroga

A escasos días de iniciarse o xuízo no Xulgado do Contencioso de Ourense (10 de marzo de 2022), a Deputación Provincial de Ourense e o seu presidente continúan adiante co proxecto, que debe iniciarse antes do día 8 de marzo. Esta entidade critica que o proxecto vaise executar de “maneira inminente” en espazo protexido do BIC. Así, afectaría ao BIC Ribeira Sacra- Exoámbito San Pedro de Rocas (2018), BIC San Pedro de Rocas (1999), BIC Cruceiro, Ben Inventariado Casa da Coutada, Ben Inventariado
Camiño Real, BIC que inclúe todos os elementos descubertos e por descubrir de carácter Patrimonial e Paisaxístico, como camiños históricos, topografía histórica, muros históricos, vexetación, 135 árbores, arroio, chan arqueolóxico e outros de interese público e social.

O presidente da Deputación Provincial de Ourense foi denunciado por coñecer a normativa vixente e “facer omisión da mesma como servidor público” e por ser colaborador necesario para o encubrimento das proteccións xurídicas dos BIC que serán afectados. Tamén por falsidade documental “xa que faltou á verdade na narración dos feitos” e por “omisión intencionada dos informes denegatorios previos”, emitidos desde a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, xa que os dous primeiros foron en contra da realización desta obra.

Pode que che interese...