fbpx
Virxe do século XIV atopada no río Sar / foto Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego

Aparece unha virxe do século XIV no leito do río Sar

Tempo de lectura: < 1 min.

A Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego daba a nova a primeira hora desta mañá. Un pescador afeccionado da Estrada atopaba unha virxe do século XIV no leito do río Sar. Trátase dunha escultura de vulto redondo, é dicir, tallada en catro das súas cinco caras, que representa unha virxe entronizada que ten no seu colo un neno Xesús.

E é que o pescador, Fernando Brey Quintela, dou conta do achado a un membro da Asociación, Ana Paula Castro Jiménez, directora de Galantiqua Arte Antigüedades e taxadora de Alforo Peritos Tasadores, que se desprazou o lugar para dar conta do achado. A imaxe tamén foi analizada polo catedrático Ramón Yzquierdo Perrín e o profesor Juan Monterroso Montero, da USC.

Concluíron que se trata, tal e como recollía a Asociación, dunha “virxe sedente co neno, ó que parece estar dando o peito”. Unha obra gótica, previsiblemente do século XIV, pensada para estar acaroada, encastada ou colgada dun muro. Está decorada con elementos vexetais na súa base, pregues nas roupas e o anxo turiferario ó lado da cabeza de María.

A virxe, non formaría parte do conxunto dunha Epifanía, moi populares na cidade de Santiago, senón sería unha imaxe de exenta pensada para colgar ou estar no alto, destacada no muro. Previsiblemente dun xeito semellante á que pendura da arquivolta da igrexa de Santa Salomé. Posiblemente sería unha imaxe desbotada no pasado, se cadra no barroco, que sería desacralizada, co rostro da virxe e a cabeza e torso do neno suprimido.

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...