fbpx

Crean unha web que recolle as conexións e redes entre os autores da lírica medieval galego-portuguesa

Tempo de lectura: 2 min.
A doutora Déborah González, investigadora do Grupo de Investigación de Románicas da Universidade de Santiago -grupo de referencia internacional para os estudos vencellados co patrimonio literario e cultural da Idade Media-, dirixiu a creación dun portal web centrado nas redes socioculturais da lírica galego-portuguesa (https://redesliricas.usc.gal/). Neste portal ofrécese información literaria, histórica e biográfica sobre os trobadores e xograres, coa posibilidade de visualizar graficamente as conexións entre eles. A finalidade é amosar as relacións socioculturais e literarias que se establecían na época, o que contribúe a ampliar o coñecemento sobre os autores e as circunstancias de creación e recepción das súas cantigas. O resultado tamén permite ilustrar a vitalidade das cortes literarias onde se propiciou o canto trobadoresco, proporcionando ademais unha ferramenta moi útil para o campo investigador.
Este portal deriva dun proxecto concedido pola Xunta de Galicia e dedicado esencialmente ás tenzóns e aos seus autores. “A tenzón é un tipo de cantiga dialogada entre dous autores. Eran cancións que servían como diversión e entretemento nas cortes medievais, polo que, entre as tenzóns que se conservan, encontramos diálogos xocosos e debates con finalidade claramente lúdica; os diálogos de asunto amoroso son menos frecuentes, aínda que existen exemplos significativos”, explica Déborah González. Ademais, a investigadora está a avanzar nunha edición crítica anotada destes textos.
O aspecto máis novidoso desta iniciativa é que as redes están representadas graficamente. Os usuarios poden navegar a través dos nomes dos trobadores e xograres de maneira cómoda e dinámica. Así, pode consultarse unha representación xeral da rede social e, no seu interior, seleccionar un trobador ou xograr determinado para ter información máis concreta. Neste sentido, pode consultarse a rede social dun autor e ter acceso aberto a datos completos de tipo histórico, biográfico e literario.
A maior parte ten unha orixe galega ou portuguesa, aínda que tamén participaron autores casteláns e, máis ocasionalmente, doutras procedencias. Unha radiografía sobre os seus contactos e os intercambios literarios que estableceron é fundamental para pór en valor este patrimonio. “Parecíame imperativo traballar na confección dunha ferramenta dixital -claramente innovadora no terreo dos estudos medievais galego-portugueses- que facilitase a divulgación dos resultados en acceso aberto”, manifesta Déborah González.
A experta salienta que máis alá do xograr Martín Códax, probablemente o autor máis coñecido entre o gran público, sábese da existencia de algo máis de 150 autores da nosa lírica, algúns deles moi destacados pola importancia da súa obra e que deben poñerse en valor. “Temos un patrimonio literario medieval do que podemos sentirnos moi orgullosos”, conclúe.

Pode que che interese...