fbpx
Diferentes coberturas xeofísicas do campamento romano do Alto da raia / RomanArmy

Atopan novas evidencias militares da conquista romana da Gallaecia

Tempo de lectura: 3 min.

Unha investigación liderada polo arqueólogo da Era-Arqueologia João Fonte acaba de identificar o primeiro campamento romano do val do Salas, o espazo xeográfico limítrofe entre Galicia e Portugal. Os arqueólogos conseguiron identificar un posible recinto fortificado romano de tres hectáreas de extensión datado entre o século I a.C. e o século I d.C., o cal sitúa a presenza romana neste territorio na época das coñecidas como Guerras Astur Cántabras ou nos episodios posteriores de pacificación ou nos primeiros momentos de consolidación do poder romano.

A intervención arqueolóxica, para a que se realizou un maior uso combinado de diferentes técnicas científicas para un campamento romano do Noroeste, permitiu localizar tamén un dos primeiros fornos de campaña atopados nun recinto militar temporal no noroeste. O traballo “Roman-indigenous interaction in the Salas River valley (Northwest Iberia): the Roman camp of Alto da Raia and its archaeological landscape”, publicado no último número (33.1) de Spal. Revista de prehistoria y arqueología da Universidade de Sevilha. Nel participaron investigadores de máis de dez entidades científicas internacionais.

Combinación de técnicas para obter todo tipo de datos

 As intervencións arqueolóxicas no Alto da Raia combinaron un gran número de técnicas que permitiron recuperar unha gran cantidade de información . Desde a teledetección, o uso de xeorradares ou gradiómetros, a datación por Carbono 14 e por luminiscencia, os estudos xeoquímicos, as análises arqueobotánicas e a escavación arqueolóxica convencional.

A combinación destas técnicas permitiu caracterizar de forma moi detallada o xacemento. O recinto, con tres hectáreas de extensión e forma tendente a naipe, preserva as catro portas de acceso, incluíndo acceso en clavícula, un foxo perimetral e algunhas características de uso cotiá inéditas ata o momento no noroeste peninsular. A maiores, os investigadores descubriron que o xacemento, localizado no centro do val de Salas, érguese sobre un espazo de actividade anterior da Idade do Bronce e da Idade do Ferro.

Forno de campaña atopado no campamento romano do Alto da Raia / RomanArmy

Fornos de campaña

Entre as características máis relevantes localizadas no Alto da Raia está o achado de fornos de campaña que permitían a cocción do subministro de pan para os soldados romanos. Estes fornos militares de campaña non foran identificados ata o momento no Noroeste peninsular, aínda que son ben coñecidos a partir dos campamentos romanos vinculados á conquista de Britania. Grazas aos restos orgánicas de cereal localizados neses fornos o xacemento puidose datar con precisión.

Estes restos ofreceron tamén unha visión sobre a alimentación no campamento e as relacións co seu contorno. Deste xeito, os investigadores obtiveron mostras de cebada, millo miúdo ou trigo, cereias abundantes na Península ibérica. O achado doutros cultivos, como espelta, son máis propios do noroeste peninsular e suxiren o subministro a partir dos recursos locais. O achado de figos fai pensar tamén na alimentación habitual no exército romano.

A toma de control sobre o territorio

O conxunto dos datos indica que o campamento foi habitado nun arco cronolóxico entre o 50 a.C. e o 50 d.C. e que o abandono do campamento non foi abrupto ou non implicou a súa completa destrución. A localización do Alto da Raia, no centro dun val, nunha “localización exposta” e rodeado de varios castros. O xacemento “parece non estar relacionado directamente con campañas militares”. Segundo os investigadores, “pódese relacionar co proceso de reorganización territorial e explotación de recursos que sucedeu inmediatamente despois da conquista e integración desta área no Imperio romano”. Para os arqueólogos, “isto abre interesantes preguntas ao redor das interaccións diplomáticas potenciais entre o exército romano e as comunidades indíxenas que habitaban nesta área, incluíndo a transferencia de coñecemento ou determinadas prácticas”.

A súa localización, a abundancia de datos e a súa cronoloxía achega información de gran valor para avanzar no coñecemento da integración do territorio que será posteriormente Galicia e o norte de Portugal no Imperio romano.

Pode que che interese...