fbpx
Visita as sondaxes do Castelo do Faro, en Covelo / Concello de Covelo

Os misterios do Castelo do Faro, 5 hectáreas de muralla con posibles torres intercaladas

Tempo de lectura: 2 min.

O equipo de arqueoloxía que esta semana estivo traballando no Catelo do Faro, en Covelo, a fortificación a maior altura coñecida en Pontevedra , explica que se identificou un recinto que cingue dous cumios seguindo a pendente natural da montaña. Na súa opinión, esta estrutura ten unha técnica construtiva moi interesante porque crea o muro con dúas pedras graníticas grandes fincadas colocadas de xeito paralelo con pedras pequenas no medio a modo de recheo, “é como facer un traballo modular”, explica o arqueólogo e coordinador das escavacións, José Costa.

Outra das peculiaridades que desconcerta e, á vez axuda a desbotar probabilidades, é as dimensións deste muro que abarca preto de cinco hectáreas, excedendo o que sería un asentamento de época castrexa ou doutros períodos históricos. Ademais, na zona o equipo ten documentado ata catro reforzos rectangulares de grandes dimensións situadas no exterior do muro que semellan torres, “esta estrutura é moi interesante, nótase que hai un esforzo, unha planificación, unha técnica regular”.

Fortaleza que non era para vivir

Engaden os investigadores que, de quedar só coa técnica construtiva, atoparíamos paralelismos en Portugal, pero dadas as dimensións e o emprazamento non podemos comparalo con nada existente ata agora. Descartan calquera estrutura de hábitat continuado para vivir porque no inverno é unha zona dura e porque non existen construcións interiores nin restos de cerámica, ferro ou útiles para desenvolver unha vida diaria. “Isto indica que a ocupación foi limitada ou breve e isto é un factor estraño que nos leva a pensar nunha fortificación”.

Castelo do Faro, en Covelo, no plano lidar / Romanarmy.eu

Agora toca pensar por que unha fortificación nesa zona e para que. As técnicas de datación aportarán claridade a este achádego. Ao non atopar restos materiais como cerámica os investigadores recurrirán á datación por métodos físico-químicos en laboratorio. Así, os restos atopados serán examinados coa técnica da luminiscencia e analizará os últimos raios solares grabados, “a técnica do radiocarbono non é posible porque o sustrato é pouco e está moi contaminado polas raíces do monte baixo propio da zona así que optaremos pola técnica da luminiscencia que analizará as últimas incedencias da luz na materia e ten un marxe de erro de máis ou menos 200 anos”.

Tres hipóteses

Haberá que agardar uns meses ata que o equipo poida datar este xacemento pero xa barallan tres hipóteses, ou inicios da Idade Media, ou inicios da época Romana ou da Idade de Bronce. Do que si están seguros é de que o patrón do asentamento indica que ten unha intencionalidade de amosar un poder político xa que non encaixa en patróns de uso agrario ou campesiño.

Pode que che interese...