fbpx

Coñece como era a pouco coñecida fortaleza de Monforte

Tempo de lectura: 2 min.

Murallas, torres e portas das fortificacións monfortinas busca poñer en valor o patrimonio histórico e cultural de Monforte. Nunhas 270 páxinas, o seu autor, o investigador Jorge Vila Alonso, recorre as fortificacións do lugar, tendo como protagonista a fortaleza de San Vivente do Pino.

Esta fortaleza medieval é unha das máis importantes non só da provincia de Lugo, senón tamén de todo o territorio galego. Porén, ata o de agora ningunha publicación tratara en profundidade esta construción, facendo que esta non sexa moi coñecida. “Hai varias obras que falan de ela, pero non de maneira específica”, sinala Vila en declaracións a La Voz de Galicia.

A obra, publicada pola editorial La Rectoral, reúne fotografías da fortaleza monfortina, así como esbozos do autor, que elaborou despois de descubrir que nun plano urbanístico que consultou no 1995 non aparecía representada toda a muralla.

“Consérvase na súa maior parte, excepto un anaco que foi arrasado cando se construíu o actual acceso á cima do moente, arredor do 1970, e que tería uns 25 metros”, comenta o autor con respecto á muralla, que na súa orixe tiña unha lonxitude de 815 metros. “Do resto, hai polo menos un 25% que está en bo estado e hai outros tramos que serían facilmente recuperables”.

Porén, a dificultade que presenta tanto o estudo da fortaleza como a súa conservación é o seu paso por propiedades privadas, así como por hortas e fincas en desuso. “A muralla que rodea o burgo medieval coñecíase bastante mal, sobre todo porque unha boa parte dela pasa por terreos particulares de difícil acceso e aínda hoxe non é fácil de observar na súa totalidade”, engade Vila.

Jorge Vila explica como no 2008, tras os seus traballos de medicións da muralla, entregou a información recollida á Xunta, coa idea de poñer en marcha un plan de rehabilitación da fortaleza, que non se desenvolveu. Por iso, valora positivamente os esforzos do Concello de Monforte, que promove un plan de rehabilitación gradual da muralla. “Paréceme moi ben que se poña en marcha unha iniciativa de este tipo, porque todo o que se inverta en rehabilitar a fortaleza será unha inversión ben feita e sen dúbida reverterá Monforte”, engade. Máis información en La Voz de Galicia.

Pode que che interese...