fbpx

Descobren en Bradomil unha nova vila romana

Tempo de lectura: 2 min.

A finca da Pedra do Altar, na parroquia de Brandomil, en Zas, escondía un asentamento romano que agora comeza a ver a luz. A noticia non foi unha gran sorpresa para moitos veciños, coñecedores da riqueza arqueolóxica do lugar e da proximidade da Vía XX romana, un camiño que se utilizou ata os anos 60.

Seguindo estas pesquiñas e as sospeitas populares, foi a Fundación Brandomil quen se puxo mans ás obras para descubrir se realmente nesas terras se agochaba algo. E os resultados foron satisfactorios, pois no lugar atopáronse as ruínas do que foi un asentamento urbanizado romano.

“Os veciños xa sabían da súa importancia. Pero investigando máis e consultando planos antigos, encontramos que esta mesma vía romana era a que dirixía o camiño de Santiago orixinal”, explica o director do proxecto arqueolóxico, Lino Gorgoso, en declaración a La Voz de Galicia. É por iso que a fundación adquiriu no 2019 a finca da Pedra do Altar, impulsando unha investigación que xa conta con resultados positivos.

As escavacións comezaron o pasado 1 de agosto, despois de inspeccións con xeorradar levadas a cabo pola empresa SOT Prospección Arqueológica. Ata o de agora conseguiron destapar diferentes estruturas que consideran de boa calidade, entre as que se atopa un muro e un xacemento habitable. A isto, súmanselle outros elementos arqueolóxicos, como restos cerámicos que datan da segunda metade do s. I. Porén, no muro detectaron a extraída de pedras durante a época medieval e moderna, posiblemente por parte de veciños para aproveitalas na construción de vivendas

“Non só ten un elemento turístico polo Camiño de Santiago. Culturalmente a importancia de Brandomil colle unha altura tan interesante ou máis que calquera outro xacemento romano de Galicia”, comenta Gorgoso. Aínda que xa se levaran a cabo unha intervención no 2007, con este novo proxecto querían confirmar a existencia dun barrio.

Polo de agora, o proxecto contempla descubrir máis partes do xacemento durante o verán, para que estes queden visibles, mais espérase poder realizar unha maior intervención nun futuro. Máis información en La Voz de Galicia.

Pode que che interese...