fbpx

Atopan unha mina romana esquecida en Folgoso do Courel

Tempo de lectura: < 1 min.

Entre Sobredo e Mercurín, no municipio de Folgoso do Courel, redescubriron recentemente unha mina de ferro. Trátase dunha explotación romana que se atopa na zona coñecida como A Granxa. O biólogo Orlando Gregorio Álvarez foi quen a localizou, tras buscala por dita zona.

A mina, que consta dunha galería principal e tres secundarias, estaba no recordo dos veciños, mais descoñecíase a localización exacta. Ten unha lonxitude de 300 metros e atópase a 1300 metros do castro de Sobredo, lugar de interese turístico. Porén, non se trata da única explotación mineira da zona, pois tamén están catalogadas outras minas abandonas datadas da Idade Media, como é o caso da coñecida como Paradela.

Aínda que a localización da mina estaba esquecida, a súa existencia mantívose na memoria dos veciños, principalmente por unha historia que asociaba a mina a un crime. Segundo os veciños, tratouse dun asasinato por unha herdanza, e foi na explotación onde supostamente se agachou o corpo.

O interese da zona fai que se estea preparando unha ruta que inclúa unha visita á mina. “Na mesma zona hai tamén formacións de rocha calcaria e conxuntos de fósiles, polo que a ruta tamén terá moito interese dende o punto de vista xeolóxico e non só dende o da arqueoloxía”, explica o responsable de Coureleando, Guillermo Díaz Aira. Esta empresa observa as posibilidades que ofrece a paraxe e o interese turístico e educativo da mina.  Máis información en La Voz de Galicia.

Pode que che interese...