fbpx
Ángeles Alvariño / foto emigracion.xunta.gal

Oito mulleres científicas galegas esquencidas pero fundamentais na Historia de Galicia

Tempo de lectura: 5 min.

As mulleres son as grandes esquecidas na historia da humanidade en todos os eidos, dende a arte ata a política. A ciencia é un destes campos nos que a muller, a pesares de poder ter un papel importante, pasa desapercibida. Por isto, polo día da Muller na Ciencia que se celebra o 11 de febreiro, lembramos algunhas das científicas galegas máis importantes que o seu traballo foi esquecido, ou mesmo silenciado.

ÁNGELES ALVARIÑO

Nada en Ferrol no ano 1916, foi precursora no estudo da oceanografía a nivel mundial. Alvariño era recoñecida pola comunidade científica internacional pola súa labor como oceanógrafa. Ao longo da súa carreira acumulou máis de 100 traballos científicos orixinais. Entre as súas achegas máis importantes á oceonografía destaca o descubrimento de 22 especies novas de organismos mariños ademais de indicadores planctónicos para correntes oceánicas e para a pesca.

Estes mérito levárona a ser a única científica española na lista das 1000 máis importantes da historia. Isto convértea non só como pioneira no seu eido, senón tamén como a científica galega máis relevante nada en Galicia. Asimesmo, o seu legado vai máis aló da ciencia xa que sempre reinvindicou o papel das mulleres científicas e a igualdade salarial, especialmente cando traballou nos Estados Unidos, onde morrería no ano 2005.

Ángeles Alvariño / foto oceanicas.ieo.es

ELISA E JIMENA FERNÁNDEZ DE LA VEGA

As xemelgas de orixe asturiano Fernández de la Vega, Elisa (1895-1933) e Jimena (1895-1984) foron as primeiras médicas formadas na Universidade de Santiago de Compostela (USC).  Ao rematar os estudos de mediciña en 1919 recibiron a concesión da Gran Cruz de Afonso XII polos seus méritos académicos.

Completarían os seus estudos en diferentes países europeos como son Alemaña, Suíza e Austria e doutoraríanse en Madrid. Elisa morrería en 1933 a causa dunha neumonía atípica que ela mesmo de diagnosticou. Jimena morrería en 1984 en Santiago de Compostela tras unha vida adicada á ciencia, á mediciña e, en específico, á xenética médica.

Elisa e Jimena Fernández de la Vega / foto sacada do libro 100 Mulleres de Galicia

ANTONIA FERRÍN

Antonia Ferrín Moreiras foi outra pioneira en España no seu ámbito científico, no seu caso a astronomía. Nada en 1914, Antonia foi a primeira muller en defender unha tese de Astronomía en España. Xa era licenciada en Química, Farmacia e Matemáticas, mais esta tese do ano 1963 marcou a súa notoriedade.

En 1937, abríronlle un expedente por unha denuncia anónima polas súas ideas políticas. Máis tarde, foi apartada da docencia ata que no 1940 revisaron o seu caso e puido volver exercer. Antonia, que xa era unha figura de relevancia, decidiu estudar a carreira de astronomía en 1950, cando entrou no observatoria da Universidade de Santiago de Compostela.

Antonia Ferrín Moreiras no seu despacho do Observatorio de Santiago de Compostela / Foto do Archivo da familia Ferrín Moreiras, Consello da Cultura Galega.

ISABEL DE ZENDALA E GÓMEZ

A saúde é o ámbito no que máis destacan as mulleres científicas en Galicia. Isabel de Zendala foi a  primeira enfermeira de saúde pública internacional. Non é o único motivopolo que foi pioneira. A principios do século XIX participa na Real Expedición Filantrópica da Vacina da Varíola onde era a única muller desta expedición, a máis importante do mundo no momento.

A expedición foi patrocinada por Carlos IV e tiña o obxectivo de levar a vacina ás colonias españolas en América. Isabel partirá do porto da Coruña a bordo dun barco chamado María Pita, outra das grandes mulleres da nosa historia. Foi unha viaxe de non retorno xa que se supón que morrería entón en México, país onde o premio ao mérito en enfermaría leva o seu nome.

Ilustración de Isabel Zendal / culturagalega.gal

PAZ PARADA PUMAR

Outra das mulleres pioneiras no mundo da mediciña en Galicia. Paz Parada (1905-2005) inicia os seus estudos de mediciña en Santiago, sendo a única muller entre os 60 alumnos que conformaban a clase. Logo, trasládase a Madrid, onde se aloxa na Residencia de Estudantes e se especializa en mediciña de laboratorio e análises clínicas.

Durante a guerra civil viviu moi de cerca a represión xa que o seu marido foi represaliado e suspendido de emprego e soldo. Despois da guerra establecéronse en Ourense, onde Paz Parada se incribiu no Colexio Provincial de Médicos, converténdose na primeira muller inscrita nesta institución. Paz Parada foi unha muller que rachou tabús exercendo nun espazo que, daquela, “correspondía” aos homes.

Retrato de Paz Parada Pumar / Álbum da Ciencia

OLIMPIA VALENCIA

Falando de pioneiras na mediciña, quen mellor que Olimpia Valencia. Nada en Baltar en 1898, converteuse na primeira muller galega licenciada en Mediciña, a pesar de estudar previamente a carreira de Maxisterio. Licenziouse en 1925 con premio extraordinario e dezanova matrículas de honra. Como as outras pioneiras trasldouse a Mdrid para facer o doutoramento, mais Olimpia na súa estadía na Residencia de Estudantes impartiu clases de cultura xeral.

En 1928 trasladouse a Vigo, onde puxo en marcha un consultorio de medicina xeral e de xinecoloxía, non sen dificultades ao principio pola súa condición de muller. Foi unha muller de ideoloxía de esquerdas, comprometida co seu país e co seu xénero. Olimpia chegou a participar en actos públicos a prol do Estatuto de Autonomía de 1936. Tal foi o seu compromiso que, durante a guerra civil, foi detida en 1937 e acusada de galeguista.

Olimpia Valencia na súa consulta de Vigo / Diario dun médico de Guardia

MANUELA BARREIRO

Manuel Barreiro foi a primeira muller licenciada pola Universidade de Santiago de Compostela.  Natural de Viveiro, foi en 1901 cando conseguiu o seu título de Farmacia, o primeiro dunha muller en Galicia e o sétimo a nivel español. Debido á situación da muller a comezos do século XX, tivo que pedir permiso tanto para matricularse, como para exercer a súa profesión.

A súa loita polo dereito a estudar das mulleres e de exercer a súa profesión é lembrado con agarimo. Tras licenciarse abriu a súa propia farmacia en Ribadeo que permaneceu activa ata 1933, dous anos de xubilarse a primeira universitaria galega.

Placa en homenaxe a Manuela Barreiro Pico

Pode que che interese...