fbpx
Áncora lítica atopada na Coruña / LVG

Recuperan a primeira áncora lítica na costa norte de Galicia sen cronoloxía conocida

Tempo de lectura: 2 min.

O mar da Coruña gardou nas súas augas durante anos dúas áncoras líticas de gran relevancia etnolóxica e arqueolóxica. Un veciño da Coruña, Miguel Ángel Domínguez Losada, mergullador afeccionado, foi quen as atopou nunha das súas incursións fronte a praia do Matadoiro. Foi entón cando notificou o achado á Policía Local.

Tras abrir un proxecto para a súa retirada, para evitar que no proceso as áncoras se puidesen ver afectadas, as pezas de pedra ían ser retiradas o pasado novembro, unha operación que tivo que ser adiada polas mareas vivas. Agora, a empresa Domus Arqueoloxía, baixo a dirección do arqueólogo Ángel Marcelo Rodríguez Castro, vén de rescatar unha das áncoras.

Os 300 kg da áncora indican a magnitude que puido ter a embarcación, pero quedan moitas incógnitas por resolver. A súa cronoloxía tamén é descoñecida polo de agora: “non existen materiais asociados, como por exemplo a cerámica ou restos de madeira dun posible barco que nos poida marcar a época. En principio poden ser dende época romana ata un barco de pesca tradicional”, explica o arqueólogo Marco Antonio Ribas

A peza de granito abre moitas hipóteses, á vez que supón una achado único, pois é a primeira vez que unha peza así se atopa no norte de Galicia, sendo máis comúns no sur da comunidade. “Tamén nos chama a atención o feito de se pode haber máis cousas nas proximidades deste achado, en ámbitos subacuáticos que nos poidan dar máis información sobre o comercio, a navegación na Coruña en épocas antigas”, explica Rivas.

A áncora será tratada durante para garantir a súa conservación e previr que inicie un proceso de degradación, para posteriormente ser documentada e analizada. Ademais, o Concello da Coruña pretende exhibila no castelo de San Antón. Pola súa banda, a segunda áncora, de menor tamaño, terá que esperar a unhas condicións mellores para sacala da auga, pois a escasa visibilidade no mar e a presenza de area non garantían as medidas de seguridade para a súa recuperación. Máis información en La Voz de Galicia.

Pode que che interese...