fbpx

Última iniciativa dos veciños de Rodeiro contra a privatización da medieval Tulla de Fabián tras anos de loitas

Tempo de lectura: < 1 min.

Protexer a zona patrimonial da zona da Tulla de Fabián é o obxectivo dos veciños de Rodeiro, que acudiron á Valedora do Pobo en defensa do lugar, polo que tamén transcorre un camiño. A Tulla de Fabián, unha torre medieval, atópase na parcela de Val de Camba, que segundo Patrimonio “é de titularidade privada descoñecida”.

Ademais da zona patrimonial do Outeiro de Fabián, pola finca tamén transcorre un camiño que parte da ruta dos Muíños e As Idades da Istoria. Ante isto, os veciños consideran que a titularidade privada impedirá o uso público da zona patrimonial e o goce do lugar por parte da cidadanía.

Acudir á Valedora do Pobo é outra das actuacións que levan a cabo os veciños, tras “tres anos de loita pola vía administrativa para defender o uso público dos camiños e o patrimonio”. Con esta nova acción pretenden “a protección patrimonial e de tránsito que as autoridades municipais deberían garantir”, como explican.

A través dun perfil de Facebook tamén comparten as súas peticións, así como critican a falta de respostas por parte do goberno local. Ata o de agora tiveron varias reunións co alcalde popular Rubén Quintía e presentaron diversos escritos oficiais e tres reclamacións.

Por iso, os veciños reclaman explicacións ante a privatización do lugar, despois de que o Concello de Rodeiro incluíse o lugar de Outeiro de Fabián dentro da parcela de Val de Camba. Máis información en La Voz de Galicia.

Pode que che interese...