fbpx

Paraguai, o destino que forxou galegos influintes

Tempo de lectura: 2 min.

Paraguai non foi un dos destinos máis populares para os galegos que atravesaron o océano en busca dunha mellor vida. O datos corroboran isto, pois entre 1850 e 1960 viviron no país menos de 1000 galegos, unha cifra ínfima se se compara co restos da colonia española, da que os galegos só constituían o 8%.

Porén, a pegada que estes emigrantes deixaron si se considera relevante, pois na época os españois con profesións liberais gozaban dun gran prestixio. Isto é o que destaca Philip D. Webb, na súa tese O Paraguai como destino atípico da inmigración española: o caso dos galegos (1850-1960), que vén de presentarse. O autor, natural de Cheltenham (Reino Unido), redactou a súa tese de doutoramento integramente en galego.

Nomes como o avogado Eduardo Caamaño, o poeta muxián Victoriano Abente y Lago, cuxas fillas se casaron cos fillos do ex presidente paraguaio Patricio Escobar, ou o dramaturgo Benigno Teijeiro Martínez son algúns dos nomes galegos que retratan o prestixio social que tiñan os estranxeiros en Paraguai.

Listaxes de socios de asociacións españolas no Paraguai, expedientes de matrimonio, prensa, libros e outras publicacións servíronlle a Webb para estudar a fondo a presenza dos españois en xeral, e galegos en concreto, no Paraguai. Porén, destaca o baixo número de emigrantes neste país: “Verificamos que se trata dun destino atípico non só polo escaso peso demográfico dos fluxos migratorios, senón porque os galegos constituían apenas o 8% da colonia española, por debaixo dos cataláns, castelán-leoneses, andaluces e valencianos”, explica o investigador.

Destes emigrantes, a maioría traballaban no sector do comercio e o modelo de negocio máis común era o pequeno almacén. Porén, a posguerra da Tripla Alianza fixo que unha minoría relacionada coas profesións liberais gozase de prestixio social, converténdose incluso en personalidades relevantes na administración pública. “A formación intelectual e técnica dos futuros estadistas e profesionais paraguaios nacidos na posguerra dependía en gran medida dos periodistas e mestres españois”, puntualiza Webb.

O sector da ciencia foi o que menos presenza tivo entre estes emigrantes, pero si cómpre destacar as achegas que algúns galegos fixeron ás artes, como é o caso de Benigno Teijeiro Martínez, autor do primeiro drama histórico paraguaio e das primeiras críticas teatrais da posguerra en 1874, como explican dende a USC. Os galegos e a súa presenza nas profesións liberais é unha das cousas que destaca Philip Webb, quen considera que se trata “dun dos impactos máis transcendentes da inmigración no Paraguai”.

Pode que che interese...