fbpx
Ilustración de 'De Mulieribus Claris', nunha edición de circa 1440:catro mulleres cardando, fiando e tecendo no capitulo de Gaia Cecilia. (i.1)
Ilustración de 'De Mulieribus Claris', nunha edición de circa 1440:catro mulleres cardando, fiando e tecendo no capitulo de Gaia Cecilia. (i.1)

Na procura dunha historia (non contada aínda) das mulleres

Tempo de lectura: 3 min.

No camiño cara a igualdade, un dos retos que afronta a sociedade é a visibilización das mulleres non só no presente senón tamén no pasado, nunha historiografía da humanidade escrita por e desde o patriarcado. Co obxectivo de contribuír a esa relectura da historia desde unha perspectiva de xénero, a Facultade de Historia do campus de Ourense acolleu este luns a celebración da IV Xornada Olladas á antigüidade: maternidade e infancia.

A actividade, á que asistiron arredor de 70 persoas de xeito presencial e virtual, estivo organizada pola profesora e decana da Facultade de Historia do campus de Ourense e membro do GEAAT Susana Reboreda e contou con financiamento da Unidade de Igualdade de Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense. Estas xornadas, indicou a súa responsable, xurdiron hai catro anos co obxectivo de contribuír a emendar “a eiva do noso grao de Xeografía e Historia, que non ten unha historia das mulleres, como eu entendo que sería desexable”. En cada edición, sinalou, elíxese para as xornadas unha temática relacionada coa muller, neste caso a maternidade e a infancia, e convídase a participar a catro expertas, cada unha especialista nunha das grandes culturas da antigüidade (Próximo Oriente, Exipto, Grecia e Roma).

Na apertura da xornada, o reitor da Uvigo, Manuel Reigosa, subliñou a importancia de que “coñezamos realmente a situación de desigualdade intolerable que sufriron as mulleres durante practicamente toda a historia e que seguen a sufrir”, apuntando que “actividades coma esta son importantes para mentalizarnos do que se fixo mal durante a historia e do que hai que facer no futuro”.

Adopcións na Mesopotamia antiga

A xornada arrancou cunha conferencia de Agnès Garcia, investigadora Ramón y Cajal da Universitat Autònoma de Barcelona, titulada Más alá da maternidade biolóxica: adopcións e outros sistemas de filiación na Mesopotamia antiga. “Cando se me propuxo a temática desta xornada pensei nas maternidades non biolóxicas, porque ás veces parécenos moi moderno falar de adopcións, de filiacións que non son biolóxicas, e non o é tanto”, sinalou a relatora. Neste contexto, indicou, “pareceume interesante amosar como en Mesopotamia, na primeira metade do segundo milenio antes da nosa era, xa temos contratos de adopción, sistemas de adopción”. Nestes sistemas, detallou, “vemos que o coidado, a educación, dar un oficio é o que dá a paternidade ou a maternidade, e non só a cuestión biolóxica”. Nalgúns casos, engadiu a relatora, estes sistemas van ligados a ser dunha clase alta pero, afirmou, “parece que é algo transversal a outras clases sociais”.

Unhas xornadas da Facultade de Historia da Universidade de Vigo achéganse á maternidade e á infancia nas grandes culturas da antigüidade / Duvi

A relación entre nais e fillos en Exipto

A xornada continuou cunha conferencia de Eugenia Muñoz, profesora no ISCCR / ITC de Santiago e da Universidad Pontificia de Salamanca, na que se centrou “na relación entre as nais e os fillos en Exipto, no amor filial, na protección que a nai dispensaba ao fillo e como cando o fillo medra este ten o deber moral de ser o que se encargue de protexer e coidar de seus pais na vellez e na morte, co culto funerario”. Pola súa banda, Dolors Mola, profesora da Universitat de Barcelona, reflexionou sobre a desigualdade de nenas e nenos na Grecia antiga a través da representación dos seus corpos. Na súa intervención, a historiadora abordou como as nenas sempre aparecen vestidas e os nenos nus, na infancia, en imaxes de cerámicas e estelas funerarias. “A lectura que eu fago deste feito, de que as nenas estean sempre vestidas, co corpo cuberto, e os nenos nus, é a desigualdade, porque dáselle un valor superior ao corpo masculino, ao sexo masculino”, sinalou.

Os xoguetes na Roma antiga

Por último, Rosa Cid, catedrática de Historia Antiga da Universidad de Oviedo, falou da infancia na Roma antiga en clave de xénero e a partir dos xoguetes. Así, explicou como “nas tumbas das nenas teñen un papel destacado as bonecas, cousa que non acontece nas dos nenos, onde o que hai son moitos cabaliños”. Ante este feito, a historiadora lembrou como as bonecas “son un símbolo dos bebés que van a ter as nenas cando sexan maiores, a boneca é un xoguete intemporal que se empregou moito para marcar a diferenza entre homes e mulleres”. Na súa intervención quixo que “o alumnado presente tamén se dea conta de que pouco evolucionamos desde entón”, apuntando que moitas das rapazas presentes no público tamén “xogaron con bonecas e eles con cabaliños e camións”.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: