fbpx

Novas escavacións no Castelo, un referente da época tardoromana de Valdeorras

Tempo de lectura: < 1 min.

O xacemento do Castelo, en Valencia do Sil, acollerá unha nova campaña de escavación, que permitirá a exhumación de dúas casas dun complexo barrio residencial de época tardorromana. Sputnik Labrego é quen levará a cabo os traballos arqueolóxicos, que con este, suman xa catro campañas de escavación no xacemento.

“Grazas ás analíticas e estudos que temos feitos sobre o sitio xa temos ideas ben definidas sobre aspectos como a cronoloxía de ocupación, a funcionalidade do sitio e a ligazón co territorio”, afirma o codirectora da intervención, Celtia Rodríguez. Esta cuarta campaña ten como obxectivo delimitar dúas estruturas domésticas, xa escavadas parcialmente noutras ocasións, o que permitirá ter máis información sobre a vida cotiá dos habitantes do Castelo.

“Ata o de agora a prioridade foi coñecer o sitio e analizalo cientificamente para saber que tiñamos entre mans; agora é o momento de poñelo en valor para toda a sociedade”, comenta o director arqueolóxico da intervención, Carlos Tejerizo, quen tamén destacou o apoio da comunidade local e do concello de Vilamartín de Valdeorras na conservación e posta en valor do patrimonio cultural da contorna.

Os resultados das labores que se realizarán no conxunto arqueolóxico daranse a coñecer o vindeiro 3 de xuño Centro de Santa Lucía, en Vilamartín de Valdeorras. Estas escavacións, como afirma Tejerizo, converten O Castelo nun “auténtico referente arqueolóxico na comarca”.

Ademais, O Castelo tamén será o lugar no que o alumnado do Máster interuniversitario de Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade da Universidade de Santiago de Compostela realice as súas prácticas, como veñen facendo dende o 2020.

Pode que che interese...