fbpx
Rebeca Blanco Rotea nunha conferendia para o Consello de Galicia / Consello de Galicia

Rebeca Blanco Rotea (arqueóloga): “Marcho porque en Galicia non hai opción… É moi difícil ter estabilidade”

Tempo de lectura: 6 min.

Galicia ten un pasado moi rico e extenso que ten que ser estudado. Un estudo que ten que facer a arqueoloxía para coñecer aos nosos devanceiros e as sociedades nas que vivían. Rebeca Blanco-Rotea é unha das encargadas de pescudar o noso pasado “para o futuro”, como di ela. Rebeca leva xa ás súas costas máis de 20 anos vivindo de e para a investigación arqueolóxica dende diferentes institucións, como pode ser a Universidade de Santiago de Compostela, o CSIC ou o Consello de Cultura. Agora, comeza unha nova etapa en Portugal, na Universidade do Minho, da que xa fora parte entre o 2017 e o 2018.

Está especializada en arqueoloxía da arquitectura e da paisaxe, que significan estes dous conceptos?

O que nós facemos coa arqueoloxía da paisaxe é entender que a paisaxe é tamén unha transformación no pasado máis ou menos recente, na que as sociedades interactúan co territorio e o transforman. A arquitectura é o que coñecemos como cultura material inmoble e aporta moitísima información, que recuperamos e estudamos a través da arqueoloxía da arquitectura. Eu combino ámbalas dúas. Así, conseguimos unha percepción das sociedades do pasado dende un punto espacial, é dicir, como utilizan o medio, como o transforman incluíndo na análise os lugares que constrúen para vivir.

Vostede aceptou marchar á Universidade do Minho, por que?

Non me vou a disgusto porque me interesa moito a investigación que se está facendo na Universidade do Minho e o seu plan docente, pero marcho porque aquí non teño opción. En Galicia é moi difícil consolidarse se estás traballando na área de investigación, polo menos no meu caso. É moi complicado conseguir estabilidade.

Xa traballaras nesa zona con anterioridade. De onde ven ese interese pola fronteira luso-galaica?

En parte cheguei por casualidade. A formulación inicial da miña primeira tese de doutoramento estaba centrado nas técnicas construtivas da Idade Media. Porén, tiven a oportunidade de dirixir dous proxectos potentes a partir do Plan Director das Fortalezas (FORTRANS) do Baixo Miño do lado galego. Por unha parte, o contexto laboral ofreceume a oportunidade de obter datos para terminar unha tese. Por outra parte, había unha tema personal, o meu avó era do Rosal e eu coñecía o territorio pola miña proximidade familiar e, ademais, naquel momento había moi pouca xente que traballara con arqueoloxía histórica e especificamente con arqueoloxía da Idade Moderna.

Hai fuga de cerebros ao exterior? E algo habitual?

Galicia está sufrindo unha fuga bastante dramática no eido da arqueoloxía. Na investigación non conseguimos fixar ás persoas que realmente se formaron e traballaron na arqueoloxía e na investigación. A Xunta ten un programa para formar doutores na súa etapa posdoutoral pero cando rematas non tes sitio, non sacan prazas. É dramático porque estamos investindo medio millón de euros na formación posdoutoral que logo regalamos a outras universidades, centros de investigación ou países.

Foto retrato de Rebeca Blanco Rotea / Consello da Cultura

Supoño que non ter esa estabilización inflúe tamén na calidade das investigacións?

Si. E, por outra banda, coas axudas que temos agora non temos un punto de chegada. Non pode ser que con 40 anos non saibas onde vas a vivir o ano seguinte. É unha vida moi sacrificada, a min me apaixona e creo que volvería a facelo. Pero o custe emocional, persoal e laboral é moi alto. Ademais, temos que ter practicamente un horario de dispoñibilidade total. Tes que impartir docencia, investigar e producir artigos e libros. Temos un nivel de esixencia altísimo e iso fai que moitas veces non nos poidamos dedicar ao 100% á investigación.

Ademais, a arqueoloxía é unha ciencia que precisas de moitos recursos para darse.

Nós precisamos de cartos, calquera intervención arqueolóxica precisa de cartos. Para facernos unha idea, unha datación de Carbono 14 ou OSL non baixaba de 450 €. Nun estudo que acabamos de facer Santa Eulalia de Bóveda fixemos 29 datacións… multiplica. Logo, precisa un nivel de formación e de especialización moi alta. Non é unha disciplina barata. Pero tampouco se lle está sacando a rendabilidade que se lle podería sacar á arqueoloxía como recurso no presente e investimento de futuro.

Por que a arqueoloxía é un bo investimento no futuro? Cal é a súa proxección?

Os arqueólogos e arqueólogas adoitamos dicir que estudamos o pasado para o futuro, no sentido de que nos aporta información sobre as sociedades que fomos pero tamén sobre as sociedades que somos. Un caso moi claro é o papel que está xogando a arqueoloxía na recuperación da memoria histórica. Outro exemplo, a arqueoloxía é unha ferramenta moi potente para entender como era esa paisaxe no pasado e que é aquilo que debemos protexer ou como podemos xestionar os espazos rurais no presente. Son aspectos que deben terse en conta dentro dunha economía circular e un traballo de sostibilidade deste patrimonio.

Galicia é unha rexión rica arqueoloxicamente?

Primeiro porque temos unha diversidade de paisaxes e de territorio que supuxo que ao longo do tempo ocupáramos de forma distinta o noso espazo. Non teñen nada que ver os castros que nos podemos atopar nunha zona costeira cos que nos atopamos nas zonas dos Ancares. Temos unha idiosincracia particular por como somos como pobo e porque a nosa posición xeográfica levounos a desenvolver certas formas culturais que son diferentes doutras zonas da península.

Está ben investigada?

Galicia tivo e ten recursos moi interesantes a nivel de investigación. Hai moitos equipos traballando en liñas moi distintas e creo que é unha das comunidades máis ricas a nivel de investigación. Mais para min falta unha estrutura que aglutine todo para repensar o que se está a facer en liñas de investigación: cales existen , cales faltan, por onde tirar… Pero, desde as problemáticas actuais, temos que conectar a investigación coa nosa realidade socioeconómica, política e cultural. Por exemplo, creo que a arqueoloxía pode xogar un papel moi importante en dous campos, o despoboamento e a transformación acelerada da paisaxe.

É importante a colaboración interuniversitaria?

Investigar require diñeiro, non podemos investigar se non hai recursos, pero o diñeiro non se pode tirar e para iso precisamos de políticas públicas de investigación. Se queremos que a arqueoloxía sexa unha ferramenta de futuro, temos que decidir aquelas áreas de investigación que son importantes, non só para o coñecemento histórico, senón para a mellora da nosa sociedade. E por iso son necesarias superestruturas de investigación que artellen cales son as principais liñas de investigación que se teñen que levar en Galicia.

A partir da Guía Práctica para a análise do patrimonio que desenvolvíchedes dende o Consello da Cultura, propoñedes un Plan Galego de Educación Patrimonial ás institucións, en que consistiría e por que é necesario?

A Guía abordou tres grandes eixos da mellora da xestión do Patrimonio en Galicia. Un deles era a educación. Para nós esta pata é central, porque se nós queremos pensar que o patrimonio é unha ferramenta do futuro precisamos cidadáns e cidadás educados a nivel patrimonial e que entendan que o patrimonio non é un atranco, senón unha inversión de futuro. Necesitamos tanto formación nas primeiras etapas, como aquela non formal asociada a calquera actividade dirixida a adultos. É cometido da Xunta e das institucións públicas traballar nesta liña , dotar de recursos e xerar investimentos na formación patrimonial.

Intúo o futuro do patrimonio vai ligado co turismo, ou non?

O futuro do patrimonio pode ir ligado ao turismo. Non podemos conservalo porque sexa unicamente un recurso turístico. O turismo debe ser sostible e o patrimonio pode estar relacionado cunha oferta turística pero ten que ser respectuosa co patrimonio. O patrimonio é algo máis que un recurso turístico.

Como ves a conservación de patrimonio en Galicia? Hai moito patrimonio que se abandona, ou se fai un mal uso del…

Temos moitísimo patrimonio e non temos recursos suficientes para conservalo todo. De aí a relevancia de cambiar esas políticas, temos que conseguir que o patrimonio sexa un recurso sostible que implica cambios na maneira de entender e abordar a súa xestión. Temos que apostar, por exemplo, pola conservación preventiva. En Galicia temos unha vantaxe, que é a rede asociacionista. Pero creo que falta que se senten a pensar aqueles que toman as decisión, que definen as políticas e distribúen os orzamentos con estas comunidades culturais, para aproveita a súa forza e compromiso en prol do patrimonio e da cultura. É o momento de remar todos na mesma dirección.

Cal é a labor do cidadán na arqueoloxía?

Normalmente as comunidades locais son as que teñen unha información de tipo etnográfico, a memoria histórica deses espazos que é importante incorporar nos procesos de coñecemento. Nós cando estudamos un xacemento dotamos dun relato a ese espazo. Aí debemos incorporar á cidadanía, porque desa maneira xeramos comunidade e sentimento identitario. Os arqueólogos e arqueólogas debemos participar nun proceso de recuperación da memoria en conxunto coas comunidades locais e a sociedade para que entendan ese patrimonio como seu e poida ser convertido nun recurso, nunha ferramenta de futuro.

Iso tamén se consegue cando os investigadores comunicades os resultados á cidadanía. Pensas que hai un problema nesa comunicación? Non necesariamente dende a vosa parte, senón por algún intermediario.

Non é tanto en como comunicamos senón como conseguir que as comunidades se identifiquen co patrimonio para que a comunicación sexa efectiva. Despois temos outro problema, moitos destes xacementos estanos a contar persoas externas, como guías externos, que deberían implicarse no proceso de construción de coñecemento tamén.

Como ve o futuro da arqueoloxía en Galicia?

Son unha persoa bastante positiva e vexo un futuro bastante alentador. A arqueoloxía está a xogar un papel máis importante na construción social que antes. Se nós conseguimos que a arqueoloxía sexa unha ferramenta para a construción dun futuro sostible e parte dunha economía circular, conseguiremos que aumenten os investimentos en políticas patrimoniais e culturais. Galicia está sendo pioneira, hai moitos motores que están tirando do carro da arqueoloxía e se quen decide que facer e como non o ve, ten un problema. O futuro é positivo.

Pode que che interese...