fbpx
Un grupo de xente visita as escavacións do castro da Cabeciña, en Oia

Cal é as situación da arqueoloxía en Galicia?

Tempo de lectura: 2 min.

O Consello da Cultura Galega acollerá dende este martes e ata o xoves unhas xornadas para analizar o estado da arqueoloxía en Galicia, un evento que poderá seguirse en directo a través da web da institución e que contará con destacados especialistas galegos neste eido.De feito, serán máis de 20 especialistas e profesionais que traballan arredor da arqueoloxía os que participarán durante dous días nun encontro encamiñado a establecer o presente e o futuro da arqueoloxía galega dende un punto de vista interdisciplinar, dende a docencia á profesión, pasando pola investigación.

As xornadas comezan este martes cunha mesa titulada “Os profesionais da arqueoloxía antes os desafíos do século XXI” e pensada para ofrecer unha visión panorámica da situación actual e unha prospección de futuro, é dicir, dos retos que quedan por acometer. A segunda mesa, moderada por Rebeca Blanco-Rotea, fará un repaso polas iniciativas e proxectos desenvolvidos nos últimos anos en Galicia. Nela daranse a coñecer os convenios e contratos da universidade con empresas para realizar actuacións nesta materia, así como a visión de arqueólogos profesionais como Luis F. López González ou Fermín Pérez Losada. A primeira sesión pecha cunha terceira mesa centrada no ensino, na oferta e nos programas docentes relacionados co ámbito arqueolóxico tanto no marco universitario como fóra del, e nela participan Pilar Prieto, Pastor Fábrega e Beatriz Comendador Rey.

A xornada do mércores 15 centrará o foco en dúas cuestións centrais: dunha banda a actuación da Administración e, da outra, a percepción pública e profesional sobre a arqueoloxía. A cuarta mesa ten como título “Xestión recente do patrimonio arqueolóxico”. Miradas desde a Administración” e está moderada por Teresa Nieto, arquitecta especialista en planeamento e membro do Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia. Nela falarán profesionais pertencentes a diferentes administracións (local, provincial e autonómica) para reflexionar sobre xestións e proxectos relacionados con esta materia. As xornadas conclúen cunha quinta mesa pensada para recoller as miradas doutras profesións sobre a arqueoloxía galega. Un arquitecto restaurador, un arquitecto urbanista, un enxeñeiro de camiños, un especialista en planeamento e un investigador conforman os perfís profesionais desta mesa.

A opinión sobre a arqueoloxía

Coa intención de coñecer como a sociedade en xeral entende e ve a arqueoloxía galega, os organizadores da xornada decidiron crear unha enquisa anónima e voluntaria que estivo dispoñible desde o sitio web do Consello da Cultura Galega desde a apertura do prazo de inscrición. Constaba de tres preguntas e os resultados debateranse publicamente na última sesión das xornadas, no marco da mesa encamiñada a coñecer miradas doutras profesións sobre este tema.

A Sección de Patrimonio e Bens Culturais conta entre os seus membros con Concepción Varela, María García-Alén, Pegerto Saavedra, Marcial Gondar ou Bieito Pérez. Das súas actividades recentes destacan os “Encontros monográficos co Patrimonio Cultural”, unha proposta que busca xerar debate e difusión entre a cidadanía, as administracións e os profesionais arredor de bens patrimoniais sobre os que se estean a desenvolver actuacións. Fanse con carácter periódico e tentan participar tanto na caracterización dos bens como na formulación dos tipos de protección deses bens. Desenvolvéronse media ducia de sesións que analizaron casos como o do illote de Guidoiro Areoso, os resultados dunha investigación sobre o impacto do Camiño de Santiago na cidade, a pegada da Alta Idade Media en Galicia ou o xacemento de Cova Eirós, entre outras propostas.

 

Pode que che interese...