fbpx
Tocadoras cunha pandeireta e unha caixa interpretando unha muñeira / CCG

As tocadoras… cando as nosas nais e avoas facían unha festa co que tiveran a man

Tempo de lectura: 2 min.

O Consello da Cultura Galega (CCG) estreou xa na súa páxina ‘web’ o documental ‘Axudádeme a Cantar‘, unha serie de seis capítulos que pon en valor o legado e a figura das tradicionais ‘tocadoras’, percorrendo a historia e o presente desta arte baseada na percusión con aparellos diarios reconvertidos en instrumentos, como cunchas, sachos ou caixas de pementos.

Esta serie documental, realizada baixo a dirección de Carme López, Reneé de Palma e Xulia Feixoo, foi presentada este mércores coa presenza da presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a coordinadora da sección de Literautura do Consello, Carmen García Mateo. A dirección do proxecto anunciou tamén que o próximo 11 de febreiro celebrarase en Toutón, unha parroquia de Mondariz, un evento no que se “contextualizará e presentará publicamente” o primeiro capítulo da entrega. O documental está conformado por seis pezas de entre 15 e 20 minutos cunha liña argumental común nas que, a través de entrevistas e materiais de arquivo, dáse a coñecer esta “tradición feminizada” baseada no canto, a música e a percusión que practicaban as denominadas ‘tocadoras’.

Panderos, pandereitas, cunchas, sachos ou mesmo caixas de pementos, eran algúns dos “aparellos diarios” que as tocadoras reconvertían en instrumentos para acompañar bailes e cantos tradicionais que “durante moito tempo pasaron de xeración en xeración”, pero agora “permanecen invisibilizados”. “Falamos moito dos grandes ‘gaiteiros’, pero non das mulleres cantantes acompañadas de percusión que estiveron nas festas, no día a día e no traballo” indicou Reneé de Palma.

Cando foi morrendo este arte

Reneé de Palma asegurou que a invisibilización nas últimas décadas desta arte feminizado foi “a xénese” do proxecto”. Unha cultura musical que por diversos factores foi “esquecido do ideario cultural galego”. Outra das directoras, Xulia Feixoo, explicou que a chegada de “novos modelos musicais a través da radio e a televisión” e, principalmente, a emigración foron os principais motivos polos que, ao redor dos anos 60, se producira unha ruptura na transmisión oral e estas actividades “pasan a un segundo plano”. O primeiro e terceiro capítulo da serie profundan nesta cuestión que tamén esconde unha idea que atravesa transversalmente todo o documental, a perspectiva de xénero.

Pode que che interese...