fbpx
Escola de nenas no século XIX / Arquivo Luís Lamela

Como era unha escola de nenas en Galicia hai 150 anos?

Tempo de lectura: 7 min.

No Arquivo Histórico da Universidade de Compostela, gárdase o expediente da visita do inspector de Instrución Primaria Ángel Rubido Prieto á escola pública completa de nenas de Cerdedo. A visita tivo lugar o 28 de xuño de 1860. Naquela altura a institución educativa estaba a cargo da mestra Manuela Azofra Reigosa. O lugar de Cerdedo contaba, mediado o século XIX, con 1.306 habitantes.

A Lei de Instrución Pública (coñecida como Lei Moyano) entrara en vigor o 9 de setembro de 1857. A lei organizaba o sistema educativo en primeira ensinanza, segunda ensinanza e ensinanza superior e profesional. A primeira ensinanza dividíase en elemental e superior. O ensino elemental era obrigatorio para nenos e nenas dos 6 aos 9 anos, e de balde para as familias que non o puidesen custear. Ao cura da parroquia correspondíalle acreditar a imposibilidade económica dos proxenitores.

Consonte os datos subministrados pola profesora, o edificio da escola situábase no centro do lugar de Cerdedo, á beira da estrada de Ourense. O local, de bastante capacidade, dividíase en seis dependencias; contaba con boa ventilación e recibía luz natural abonda. O seu estado de conservación era bo. Ao parecer, o inmóbel era de nova feitura. A mestra engade: es lo mejor que puede proporcionarse. O inspector, acompaña a súa conformidade da seguinte advertencia: es muy pequeña su sala de clase. No tocante ao estado e colocación dos móbeis e útiles, a mestra sinala o bo estado dos mesmos. Estaban colocados á dereita, á esquerda e en fronte da plataforma, dende onde a profesora vía e inspeccionaba o labor das súas discípulas. O inspector outorga o seu “Conforme”.

Ao respecto dos “medios materiales de instrucción”, a mestra informa que consisten en tres mesas longas para escribir, é dicir, “tres cuerpos de carpintería” con tinteiros e cadros con mostras colocados encol das mesmas. Amais, un taboleiro cos útiles necesarios para facer operacións aritméticas e tamén dous encerados. Así mesmo: tesoiras, agullas, dedais, papel pautado e branco, plumas, tinta, po secante, libros, bastidores para bordar cadros con debuxos e almadraques para prender a costura. Inclúense: a mesa-escritorio da profesora cos útiles necesarios, os bancos… O inspector, acompaña a súa conformidade da seguinte anotación: advirtiendo, son en muy pequeño número.

Alumnas

No que concirne ás materias impartidas e ao programa de ensino, a mestra enumera as seguintes disciplinas: Relixión e Moral, Lectura, Escritura, Aritmética, Gramática castellana, Calceta, Costura, Bordado e Corte. O inspector outorga o seu “Conforme”. No tocante ao número de alumnas matriculadas, a mestra fai a desagregación, malia carecer dos datos que lle debera ter proporcionado o concello: 4 nenas menores de 6 anos, 71 nenas de 6 a 9 anos, e 6 nenas maiores de 10 anos. A mestra leva rexistro nun libro (“Matrícula y clasificación”) do nome e apelidos das alumnas, da profesións dos seus pais, das aldeas e parroquias de onde proveñen (conforme os datos facilitados polos propios pais), e da “actitude” (aptitude?) das nenas nas diferentes materias. O inspector outorga o seu “Conforme”.

Ao respecto do número de alumnas que asistían diariamente á escola, a mestra informa que as matriculadas “por temporada” (no curso 1859-60) ascendía a 81, non obstante as que acudían diariamente só eran 69. O inspector outorga o seu “Conforme”.
Ao respecto do número de alumnas dispensadas do pago de retribucións, a mestra informa de 19. É dicir, 62 familias pagaban a escolarización das súas fillas. O inspector outorga o seu “Conforme”.

No que concirne ao sistema adoptado para o réxime da escola, a mestra anota: “El simultáneo”. O inspector, acompaña a súa conformidade da seguinte anotación: advirtiendo, que no está bien desarrollado. Como o ía estar, tendo que simultanear a educación de 81 alumnas!!

No tocante ás seccións nas que se dividía cada “clase de enseñanza”, a mestra responde: “En 8, partiendo del nº de alumnas que asisten ordinariamente a la escuela”. O inspector outorga o seu “Conforme”.

Liibro Espejo de las niñas, de Genaro del Valle, material escolar do século XIX

Materias

Ao respecto do tempo semanal (en minutos) dedicado á instrución de cada unha das seccións de cada clase, a mestra consigna: “Religión y Moral: 210 minutos a la semana (42 minutos diarios); Lectura: 210 minutos/s.; Escritura: 240 minutos/s. (48 minutos diarios); Gramática: 180 minutos/s. (36 minutos diarios); Aritmética: 210 minutos/s.”. Ou sexa, 3 horas e media de clase pola mañá. A mestra sinala que as devanditas materias se imparten todos os días en horario matinal, mentres que, pola tarde, as alumnas se ocupan “con los labores propios del sexo” (calceta, costura, bordado…). A mestra dedícase a ensinarlles ás nenas relixión e moral, gramática, ortografía, aritmética “y tiene conferencia con las niñas sobre economía doméstica, urbanidad…”. O inspector anota á marxe: No hay distribución de tiempo.

No que concirne aos libros de texto, a mestra informa que para a materia de Relixión e Moral, empregaba o Catecismo do padre Astete e o do abade Fleuri; para a Lectura: o Silabario e o Método práctico de enseñar a leer de Vicente Naharro; os Cuadernos de lectura de Joaquín Abendaño e os Cuadernos litografiados de Cástor Araujo; El espejo de las niñas de Genaro del Valle, o Opúsculo acerca de la urbanidad de Jacinto Salvá; para a Gramática e a Ortografía, o Epítome e o Prontuario da Real Academia Española; e para a Aritmética, o libro de José Mariano Vallejo (Aritmética de niños, 1804). O inspector outorga o seu “Conforme”.
A seguir, a mestra consigna o número de alumnas que cursan as respectivas materias: Relixión e Moral (69 alumnas); Lectura (69); Escritura (37); Gramática (27), Aritmética (69); Calceta (44); Costura (21) e Bordado (14).

Premios e castigos

No tocante ao “Sistema de premios y castigos”, a mestra escribe (transcrición literal):
Para premios, los villetes o vales de satisfacción distribuidos por la profesora a las discípulas que los merezcan; la ploclamación por dicha profesora de la discípula, cuando lo cree conveniente; la carta de satisfacción dirigida por la profesora a la familia de la discípula, cuando su conducta y trabajo son ejemplares; el cuadro o lista de honor de las mejores discípulas que permanece fijo en el local de la escuela, y no se vorra a ninguno de los insertos en aquel, mientras no cometa una falta grabe; la recitación en voz alta de las buenas acciones de las discípulas, dándoles muestras de aprecio en presencia de las más.

Para castigos, la pérdida del puesto de la discípula que trabaje sin atención; la colocación al último de la sección de la niña indócil; mandarla poner en pie y de rodillas desde 5 minutos hasta un cuarto de hora alo más, cuando la falta lo requiera; la inscrición de las niñas en un registro especial para las cuales hayan sido ineficaces todos los estímulos y castigos anteriores; en cuyo registro permanecen inscritas hasta que con su buena conducta hayan reparado la falta, saliendo las así castigadas las últimas de la escuela; la amonestación por la 1ª y 2ª vez; si la niña permaneciese incorregible, escribiendo en el último caso a sus padres o encargados, noticiándoles su mal porte; y si aún así permaneciese incorregible, noticiarlo a la autoridad local para preparar los trámites de su espulsión de la escuela, medida estrema que se tomará con acuerdo de la Comisión local cuando no quede otro recurso, y que la profesora que suscrive nunca se ha visto precisada a tomar.

Catecismo que se utilizaba nas escolas do século XIX e XX

O inspector anota á marxe: Sin que haya un verdadero sistema de premios y castigos, sabe esta maestra, con el buen carácter que la distingue, aplicar unos y otros con oportunidad y justicia.

Polo mesmo expediente, sabemos que Manuela Azofra posuía o título de mestra elemental, tiña 39 anos de idade, estaba casada e exercía o maxisterio (sempre na escola de Cerdedo) dende había 3 anos, 1 mes e 5 días.

Respecto ás dotacións destinadas á remuneración do persoal docente, a mestra responde que a ela lle correspondían 220 pesetas; e para sufragar o arrendamernto da casa da escola, 300. Para o material escolar, destinábanse 550 pesetas. A retribución que percibía do concello, aprobada pola Xunta Provincial de Instrución Pública, era de 700 pesetas. A mestra cualifica a puntualidade no pago das dotacións e retribucións de “Regular”. O seu soldo ascendía, daquela, a 920 pesetas anuais.

O inspector anota: Los resultados de la educación y enseñanza de esta escuela son muy buenos, especialmente los de la educación. La maestra, cuya conducta es excelente, une a una aptitud regular, un buen carácter y celo exquisito.

Melloras

Finalmente, o inspector consigna cinco melloras que urxe aplicar na escola de nenas de Cerdedo:
-Que se leven con toda exactitude os libros de matrícula e outros rexistros, e que se adquira un libro para que o cura dea conta oportuna da aplicación e aproveitamento das alumnas no estudo da doutrina e moral cristiás.
-Que se desenvolva en toda a súa extensión o sistema adoptado e se optimice a distribución do tempo e do traballo.
-Que o mobiliario feito ou por facer se provexa de almadraques para a costura.
-Que, como xa se vén facendo na escola de Cerdedo, a educación prevaleza fronte á instrución; a educación non se debe descoidar de xeito ningún.
-A mestra debe pór en práctica, coa maior brevidade posíbel, estas recomendacións, dándollo a coñecer á Inspección Provincial.

O mestre de 1ª ensinanza, director da Escola Normal de Pontevedra e inspector de Instrucción Primaria Ángel Rubido Prieto publicará en 1867 o seu Método natural de lectura (“por el cual se aprende, con mucha facilidad y prontitud, a leer la escritura impresa y manuscrita”). Un exemplar do Método custaba 1 real e cuartillo. En 1861, o profesor Rubido escribía: Hoy el mundo … quiere más, tiene aspiraciones más generosas, sentimientos más elevados, conducta más noble, en fin. Quiere que la mujer … por unos tan ensalzada, como mal considerada injustamente por otros, ocupe en la sociedad el rango que de derecho le corresponde. Ella debe instruirse y debe instruir (La Constancia, 10-3-1861). Rubido fundará en 1867, en Compostela, o colexio San Pelayo, póndose á fronte da dirección. En 1891, publicou o ensaio Galicia. Geografía descriptiva. Ángel Rubido Prieto faleceu en 1899.
A profesora Manuela Azofra Reigosa, despois de 33 anos de servizo na escola de nenas de Cerdedo, xubilouse en setembro de 1890, aos 69 anos de idade (El Magisterio Gallego, 15-9-1890).

Escrito por

Profesor, investigador e etnólogo

Pode que che interese...