fbpx
Representación de Os Quinquilláns nas Torres de Altamira / fotograma do vídeo de presentación

A “peste” adía a conmemoración da batalla de Altamira ata o seu 550 aniversario

Tempo de lectura: 2 min.

Este 13 de xuño debería celebrarse nas ruínas do castelo de Altamira, en Brión, a a conmemoración da histórica batalla de Altamira. Trataríase dunha celebración lúdica pero tamén divulgativa co obxectivo de dar a coñecer o que outrora foi un dos castelos máis importantes de Galicia e que tiveron unha maior repercusión na nosa historia.

Mais a Covid-19, “a peste” en palabras do grupo teatral Os Quinquilláns, deixou este ano o evento fora do calendario. Trataríase da primeira edición que tería como acto central a recreación da histórica batalla. Teríase feito, ademais, un percorrido dende Ponte Maceira ata o monumento así como moitas outras iniciativas de divulgación que rematarían o 13 de xuño de 2021 coa celebración do 550 aniversario.

Entre elas a propia intervención no monumento acondicionándoo para novos usos e posta en valor. Pois o solar do histórico castelo pertence dende 1973 á Deputación Provincial da Coruña e dende aquela se desenvolveran só tarefas de consolidación. O organismo, xunto cos Concellos de Ames e Brión serían os encargados de organizar esta xornada lúdica na que xa levan traballando dende outubro.

 

A gran batalla pola supremacía do poder en Galicia

O 13 de xuño de 1471 un exército levado por por Luis de Acevedo, irmán do arcebispo de Santiago presentouse ás portas do castelo de Altamira, casa matriz dunha das familias nobres máis importantes de Galicia, os Moscoso. Era a reacción do arcebispo fronte á reconstrución que o nobre fixera do castelo despois de que os Irmandiños o derrubaran pouco tempo atrás.

A batalla era antes que outra cousa unha batalla pola supremacía do poder nobiliario en Galicia, que a mitra compostelá rivalizaba con familias como os Moscoso. Construído no século IX e derrubado en varias ocasións, o castelo de Altamira erguíase sobre o Val da Amaía dominando dende o norte boa parte das terras que rodeaban a cidade de  Santiago.

Torres de Altamira / foto GFDL CCBy Wikimedia

Pode que che interese...