fbpx
Pazo de Meirás / fonte Wikimedia loischantada CCBy

É unha estratexia da familia Franco vender agora o Pazo de Meirás?

Tempo de lectura: 4 min.

 

Okdiario adiantaba o xoves que a familia Franco quere vender o Pazo de Meirás. Unha venda que estipularía en oito millóns de euros, a pesar de que ese inmoble foi adquirido polo ditador sen ter pagado nada por el.  Polo momento, nin a Xunta, nin o Concello, nin tan sequera a Fundación Francisco Franco, que xestiona o inmoble, teñen ningunha notificación ó respecto, pero o certo é que segundo a lei actual de Patrimonio Cultural de Galicia, calquera intento de enaxenar -vender, doar, ceder…- o BIC debe ser notificado ó goberno galego para que este poda exercer o seu dereito de tanteo e retracto, é dicir, adquirilo de xeito preferente. Isto, segundo a información que manexa o xornal non se produciu polo de agora. Por iso, hai quen cre que esa venda “precipitada” do pazo ten dous obxectivos: Facer negocio cun ben expropiado aos galegos e, evitar, precisamente, que volva ser expropiado.

Problemas e asalto mediático do pazo

O certo é que esta venda é o ultimo movemento dunha longa polémica que veñen arrastrando os propietarios do conxunto dende a súa declaración como BIC naquel ano 2008. Daquela os problemas xurdiron cando a familia se negou a facilitar ó acceso á propiedade ós técnicos da Xunta, daquela nas mans do bipartito, quen tivo que recorrer ós tribunais para conseguir o acceso. Máis tarde a polémica volveu do mesmo xeito, tras o incumprmento da orde que obrigaba a abrir o pazo catro días ó mes, ó abeiro dun artigo da lei 8/95 de Patrimonio Cultural de Galicia. Isto foi o desencadeante de que se puxera a enriba da mesa a posibilidade da súa expropiación, a que, ata día de hoxe, se negou o goberno galego.

Pazo de Meirás, un ben privado que acabou nas mans de Franco grazas ás elites coruñesas / Youtube

Pazo de Meirás, un ben privado que acabou nas mans de Franco grazas ás elites coruñesas / Youtube

Así, no 2016, o conflito volveu á primeira liña ó resolverse a sentencia xudicial que obriga á Fundación Franco a abrir o pazo, despois de reiterados incumprimentos. De feito en setembro do pasado ano o goberno galego acabou por impor á Fundación unha multa de 4.500 euros, conseguindo que se acatara finalmente a lei. Con estes feitos e máis coa presión tanto do Concello coma da Comisión pola Memoria Histórica así como de numerosos persoeiros da cultura galega, a propiedade deu un salto considerable cara os medios de comunicación nacionais. A polémica estaba enriba da mesa e o ben, que chegara a mans dos Franco durante a Guerra Civil en condicións máis que discutibles, converteuse nun tema de debate estatal.

A súa historia

Sobre os terreos do actual pazo atopábase ata 1809 unha torre medieval, vinculada dende o século XVI, coa liñaxe dos Mariño de Bergondo e os Pardo da Lama, devanceiros da escritora Emilia Pardo Bazán. Mais neste ano de 1809, durante a guerra contra o exército napoleónico, os franceses acabarían por queimar a torre e deixala arruinada. No ano 1893 a escritora e mais a súa nai decidiron encargar a construción dun pazo sobre as ruínas da histórica torre.

Daquela construíuse unha quinta a xeito de pazo con tres torres ameadas de tamaños diferentes unidos entre si por un corpo baixo con unha capela na súa zona occidental. Na torre maior, chamada A Torre da Quimera, Emilia Pardo Bazán situou a súa biblioteca. O edificio é un exemplo único da súa época, emulando a feitura dos pazos barrocos e introducindo elementos de evocación medieval á moda do que se fixera no romanticismo europeo. Para a súa construción utilizaranse elementos patrimoniais traídos doutros lugares, coma a portada románica da súa capela.

Carmen Polo, muller de Franco, coa súa familia nos xardíns do Pazo de Meirás

Coa morte da Condesa no ano 1921 e do seu fillo en 1936, a súa filla Blanca e máis a súa nora Manuela Esteban quixeron doar a propiedade á compañía de Xesús da Coruña. Esta non a aceptou e a venta tivo que facerse a unha comisión que pretendía agasallar ó ditador en plena Guerra Civil, e que foi financiado con achegas forzosas dos veciños dos concellos limítrofes. O pazo pasou a mans da Xefatura do Estado o 5 de decembro de 1938 por arredor de 725.000 pesetas do momento. Dende aquela os Franco converteron a quinta na súa residencia de verán acta a actualidade.

As dúas esculturas do Mestre Mateo

Coa chegada dos Franco comezáronse obras de remodelación para adaptar a propiedade ás novas necesidades, como foi por exemplo a instalación de garitas no valado que rodea o pazo. Tamén, a partir daquel intre se foron traendo todo tipo de pezas histórica de diferentes lugares de Galicia, como escudos, cruceiros fontes ou balaústres, entre outros, principalmente dos pazos de Sada, Ximonde, Ermita ou Bendaña. Entre elas, tal e como demos conta noutros artigos, dúas estatuas do século XIII, de 1,75 metros de alto, pertencentes ó Pórtico da Gloria, do Mestre Mateo, extraídas en 1947, así coma un cruceiro feito cunha peza tamén espoliada deste pórtico.

Duas pezas pertencentes ao Mestre Mateo que son propiedade da familia Franco

Foi en novembro cando o Concello de Santiago de Santiago de Compostela denunciou pola vía civil á filla do ditador Francisco Franco, pola propiedade “irregular ou ilegal” das estatuas de Abraham e Isaac do Mestre Mateo. O Concello presentou documentación que demostra que é o lexítimo propietario das dúas pezas adquiridas ó Conde de Ximonde en 1948. Estas dúas forman parte dunha posible colección de nove pezas perdidas da fachada occidental do Pórtico da Gloria, desmontado durante a construción da actual barroca. Esta “colección” en mans privadas e dos museos de Pontevedra e da Catedral de Santiago, están a ser nestes momentos obxecto de trámite para declaración de Ben de Interese Cultural.

 

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...