Petróglifo cunha escena de caza / arquelologiaenlared.paleorama.com

Descubertas escenas de sexo entre animais de hai 4.000 anos únicas en Galicia

O Gorgulliño. Ese é o nome do lugar de Vincios, en Gondomar, onde se atoparon un total de 38 petróglifos de entre 3.500 e 4.000 anos. As novas insculturas están moi pretos do gran mural de petróglifos de armas de Vincios, coñecido como Auga da Laxe.

Foi o Instituto de Estudos Miñoranos o que deu conta deste novo achado que foi posible grazas a unha talla de eucaliptos da comunidade de montes. A maior parte deles son deseños abstractos como círculos concéntricos, entre eles un “moi considerable” duns 50 centímetros de diámetro, espirais ou ferraduras.

Pero os máis interesantes do conxunto apareceron hai xa meses, tras unha inspección “de oficio” pola contorna da Portela. Segundo apunta o arqueólogo desta institución, Xilberte Manso, en Faro de Vigo, revisando as pedras da zona atoparon dúas escenas “impresionantes” que reúnen un total de 17 figuras de équidos.

Escenas únicas

Entre estas escenas hai unha de caza sen humanos, na que se percibe a caída das presas nunha trampa, e outra de cópula para perpetuar a especie. Moi pouco comúns ambas as dúas. De apareamento só coñécese en toda Galicia un gravado prehistórico en Tourón, en Ponte Caldelas, asegura Xilberte Manso, “e hai certas dúbidas de que sexa iso”. E de captura de animais só hai outra na comarca, moi importante pola súa singularidade, a de Outeiro dos Lameiros, en Sabarís.

No caso da representación cinexética, os cabalos non son os únicos animais. “Pode que haxa dous cans que os acurralan cara a trampa, utilizados xa daquela para a caza, e tamén outro cuadrúpedo que parece unha cabra”. É unha mostra de que os habitantes da zona non só capturaban para matar e alimentarse, “senón que vos collían vivos para domesticar e montar”, apunta o experto no xornal vigués.

Os achados serán trasladados á Dirección Xeral de Patrimonio para a súa catalogación e documentación co fin de protexelos e evitarlles danos derivados dos traballos no monte. A intención dos comuneiros é pór en valor o espazo e deseñar en canto sexa posible “rutas para visitar a zona e mesmo unha app para obter a información sobre cada xa cemento con só facerlle unha foto”, indica o seu presidente, Xosé Antón Araúxo.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: