fbpx
Cibdá de Armea, en Santa María de Augas Santas / Concello de Allariz

A ‘Cibdá de Armea’, dez anos de escavacións ininterrompidas nunha das xoias de Allariz

Tempo de lectura: 3 min.

A comezos do mes de xullo comezará a campaña  de escavacións arqueolóxicas deste 2021 no xacemento de Armea, en Allariz. Trátase da décima campaña consecutiva no lugar, que o converte esta nun verdadeiro referente da arqueoloxía galaica e romana en Galicia.

Pois o Concello de Allariz e Universidade de Vigo queren, neste 2021 e con esta nova campaña, celebrar o X aniversario dun proxecto nado no 2011 e que de forma ininterrompida chega a unha década de traballos. Tamén da consecución dos obxectivos planeados daquela, hoxe xa lonxanos, e amplamente superados.

Un ano de celebración para dar a coñecer o xacemento

E é que, seguindo a mesma filosofía do proxecto, o Concello de Allariz, coa colaboración Universidade de Vigo, deseñaron toda unha serie  de actividades para celebrar este aniversario. O obxectivo é  achegar o proxecto á cidadanía e divulgar este rico patrimonio, entendéndoo como unha potente ferramenta para o desenvolvemento rural do territorio.

Traballos no castro de Armea no ano 2017 / foto Duvi

E é por isto que ademais da propia campaña arqueolóxica o Concello de Allariz quere facer xirar unha boa parte das súas actividades culturais deste verán e outono entorno ó histórico xacemento. Entre elas destacan dúas exposicións, unhas xornadas sobre o castro e a divulgación a través dun roteiro que conecta dous dos máis singulares lugares patrimoniais do concello, Armeá e Santa Mariña.

As xornadas celebraranse no mes de outubro. Será un encontro divulgativo, organizadas entre o Concello de Allariz e a Facultade de Historia do Campus de Ourense. As xornadas darán a coñecer a cidadanía os dez anos de escavación e de achados no castro. O Concello de Allariz presentará o programa ó longo do verán.

Ademais das xornadas o Concello dará a coñecer este importante espazo arqueolóxico a través dunha nova ruta. Trátase Roteiro Arqueolóxico Etnográfico de Armea e Santa Mariña de Augas Santas. Unha iniciativa que se publicará en dous formatos, en papel coa explicación dos aspectos e puntos máis representativos, e a través dun QR, que permitirá acceder a unha ruta virtual que facilitará o paseo e informará sobre estes dous excepcionais lugares.

Excavación no Castro de Armeá, que foi habitado no século I e II / foto Duvi

Unha dobre exposición para celebralo

Tamén, dentro deste programa de actividades, o Concello de Allariz está a preparar dúas exposicións ó redor da “cidade” de Armea, unha exposición de rúa e outra na Paneira da vila. A exposición de rúa percorrerá a vila de Allariz a través de diversas lonas repartidas polo centro histórico.

Permanecerá durante todo o verán e, a través dela, daranse a coñecer os traballos realizados no xacemento arqueolóxico ó longo destes 10 anos de escavacións. A exposición estará a disposición de toda a veciñanza a partir da vindeira semana.

Inauguración da exposición na Paneira / foto Concello de Allariz

Ademais, o pasado luns 28 de xuño, presentábase na Paneira de Allariz, a primeira das actividades que inauguraban esta xeira de celebracións, coincidindo co inminente inicio dos traballos no castro. Trátase da exposición “Armea, a visión dos artistas locais”. Nela preto dunha vintena de artistas e artesáns da vila amosan a súa visión da Cibdá de Armea e o seu entorno a través da pintura, a escultura, o gravado ou a fotografía.

Obras de diferentes disciplinas artísticas que pretenden amosar unha óptica diferente para pór en valor non só a beleza plástica  do xacemento e a súa contorna senón tamén da súa excepcional importancia. A exposición poderá visitarse do 25 de Xuño ao 25 de Xullo de martes a venres de 19:00h ás 21.00h e sábados, domingos e festivos de 12:00h ás 14:00h e de 19:00h ás 21:00h.

Pode que che interese...