fbpx
Novos investigadores da Facultade de Historia do campus de Ourense / DUVI

Como é a nova xeira de investigadores da historia e a arqueoloxía de Galicia

Tempo de lectura: 3 min.

Esta semana a Delegación de Alumnos da Facultade de Historia do campus de Ourense organizou, coa colaboración do seu centro, unha nova edición, a sétima, das súas Xornadas de Novos Investigadores. A iniciativa, indican os seus promotores, destaca por ir contracorrente en dúas cuestións: por unha banda é unha actividade organizada polo alumnado e por outra está destinada a dar a coñecer os primeiros traballos de investigación feitos por novos historiadores e historiadoras. Nos seis estudos expostos na edición deste ano abórdase desde o vidro na Cibdá de Armea ata o Banco Agrícola de Ourense na segunda metade do século XIX.

Segundo explican no DUVI os estudantes Carlos Lozano e Manuel Álvarez en nome da Delegación de Alumnos, nesta sétima edición decidiuse optar polo formato dunha xornada dunha tarde de duración na que primase a divulgación de estudos realizados pola última fornada de historiadores e historiadoras titulados na Universidade de Vigo.

“O programa estivo formado principalmente por traballos fin de grao presentados o pasado curso por alumnado da Facultade de Historia deste campus”, apunta Lozano. Ofrecendo neste foro a oportunidade de presentar este tipo de traballos, comentan desde a Delegación de Alumnos organizadora, o que se intenta é valorizar “o esforzo” feito polos xa egresados e egresadas, contribuíndo a dar a coñecer as achegas que desde o punto de vista da investigación se fan nestes proxectos de fin de estudos. A importancia desta valorización do talento investigador saído das aulas recentemente tamén foi destacada por Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia, durante a inauguración da cita. A decana tamén tivo palabras de recoñecemento para o esforzo feito pola Delegación de Alumnos para organizar estas xornadas.

Seis traballos

A xornada arrancou cunha intervención de Héctor Espino titulada O vidro na antigüidade: o caso particular do Noroeste Peninsular e o caso práctico da Cibdá de Armea. Nela, este egresado da Facultade de Historia, quixo realizar “unha primeira aproximación ao que foi o traballo co vidro no período galaico-romano no noroeste peninsular”. Tendo en conta a súa propia participación nas campañas arqueolóxicas desenvolvidas na Cibdá de Armea polo Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo, Héctor Espino centrou o seu interese nos restos atopados nesta intervención arqueolóxica durante os anos 2014, 2015 e 2016.

Excavación no Castro de Armeá, que foi habitado no século I e II / Duvi

“A tipoloxía do vidro atopado en Armea concorda coa tipoloxía máis común no noroeste peninsular no período estudado, tratándose sobre todo de vasos, cuncas e algunha botella”, comenta o investigador, que agora realiza o Mestrado Interuniversitario de Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade. A datación deste material, engade Héctor Espino, concorda coa datación do enclave onde foron atopados, prolongándose desde o século I despois de Cristo ata finais do século II e principios do III. A investigación desta temática continuará no traballo fin de mestrado que realizará este investigador o vindeiro ano, onde agarda poder ampliar a mostra aos restos atopados en 2017 e indagar sobre a posibilidade de que en Armea se realizase traballo local en vidro, seguindo a pista de restos de refugallos fundidos atopados no castro.

A figura de Manuel Martínez Sueiro

Tamén presentou nestas xornadas o seu traballo fin de grao Arturo Real, egresado da mesma promoción e do mesmo centro que tamén continúa o seu traballo investigador nun mestrado. O seu traballo centrouse en realizar un achegamento biográfico e bibliográfico a Manuel Martínez Sueiro, unha “figura descoñecida” a pesar da súa relevancia. Nado en Bande en 1873 e finado en Salamanca en 1920, a pesar de pertencer á xeración de Marcelo Macías ou Otero Pedrayo, apunta o investigador, este historiador “quedou esquecido na historia, quizais debido á súa morte temperá”. Da traxectoria de Martínez Sueiro, Real destaca non só a faciana de historiador e escritor senón tamén a de xuíz e a de sociólogo. “Os seus textos froito da súa afiliación a sindicatos obreiros católicos son moi interesantes de ler tendo en conta a perspectiva actual do sindicalismo”, apunta o egresado.

Outros traballos

O programa das VII Xornadas de Novos Investigadores tamén contou coa intervención de Rita Rodríguez sobre o Val Miñor a mediados do século XVIII segundo o Catastro do Marqués da Ensenada; de Iván Heleno sobre o Banco Agrícola de Ourense (1855-1865); de Nerea Ruanova sobre o uso das TICs para dar a coñecer os clásicos grecolatinos e de David Calviño sobre a representación, mentalidade e propaganda na banda deseñada estadounidense durante a II Guerra Mundial, abranguendo dese o Home de Aceiro ás potencias do Eixe.

Pode que che interese...