fbpx
Castelo de Alba de Búbal, levantado sobre o Castro de Formigueiro, en Amoeiro / Duvi

Buscan un castro debaixo dun castelo medieval en Amoeiro

Tempo de lectura: 4 min.

Arqueólogos da Universidade de Vigo buscarán o castro de Formigueiro baixo os restos do Castelo de Alba de Búbal. Os traballos de investigación e valorización patrimonial da zona prolongaranse durante catro anos.

A zona dos Chaos de Amoeiro, á beira do río Barbatiño, é unha zona de gran riqueza patrimonial. Nela sitúase o Castelo de Alba de Búbal, edificado no século XI, derruído logo polos irmandiños e de novo reconstruído como cabeza de xurisdición ata a Idade Moderna. Atendendo a diferentes evidencias, os arqueólogos creen que posiblemente este castelo, do que hoxe só se conservan indicios en superficie, foi construído sobre o chamado castro de Formigueiro.

Co obxectivo de atopar este castro e estudalo xunto a outros elementos de interese da contorna, como as estelas “da mellor cultura galaica antiga ou cultura castrexa” reutilizadas na arquitectura local, o Concello de Amoeiro vén de asinar un convenio coa Universidade de Vigo que permitirá a arqueólogos do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio GEAAT traballar durante catro anos neste emprezamento.

Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e Rafael Rodríguez, alcalde de Amoeiro, foron os encargados este martes de asinar o convenio específico de colaboración en materia de arqueoloxía entre as dúas entidades nun acto no que tamén participaron Beatriz Comendador, vicedecana da Facultade de Historia do campus de Ourense, e Ladislao Castro, investigador que dirixirá o proxecto.

“Estamos encantados de poder achegar riqueza, coñecemento e formación aos concellos a través dos nosos recursos humanos e de iniciativas coma esta”, destacou Virxilio Rodríguez trala sinatura do acordo. Na aposta que está a facer o seu concello polo coñecemento, recalcou pola súa banda Rafael Rodríguez, a valorización das raíces é unha das liñas de actuación. Neste senso, a colaboración que se abre agora coa Universidade, sinalou o alcalde, “servirá para pór en valor un patrimonio que non moitos coñecen e para abrir oportunidades de desenvolvemento para a zona”. “Para nós supón unha oportunidade tanto para a formación dos nosos estudantes de grao e mestrado como para a investigación”, engadiu Beatriz Comendador.

Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e Rafael Rodríguez, alcalde de Amoeiro, Beatriz Comendador, vicedecana da Facultade de Historia do campus de Ourense, e Ladislao Castro, investigador que dirixirá o proxecto  no Castro de Formigueiro/ Duvi

Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e Rafael Rodríguez, alcalde de Amoeiro, Beatriz Comendador, vicedecana da Facultade de Historia do campus de Ourense, e Ladislao Castro, investigador que dirixirá o proxecto no Castro de Formigueiro/ Duvi

A zona que se estudará, adiantou Ladislao Castro na sinatura do convenio, “ten unha personalidade especial, de seu”, froito probablemente dunha ocupación moi antiga aproveitando as condicións xeográficas de bocaribeira e recursos mineiros deste enclave. Mostra desta riqueza, apuntou, están as estelas “da mellor cultura galaica antiga ou cultura castrexa” reutilizadas na arquitectura local, como as estelas atopadas en Formigueiro e Fontefría. A cultura popular, a través de lendas de mouros e outras manifestacións; indicios e evidencias en superficie e referencias toponímicas, recollidas por Otero Pedrayo na súa obra, acreditan a existencia dunha ocupación moi antiga baixo os pés do que hoxe se chama Castelo de Alba de Búbal. En xullo, un equipo de doce persoas, entre investigadores do GEAAT e alumnado da Facultade de Historia, realizarán unha primeira campaña arqueolóxica en Formigueiro para estudar estas orixes castrexas.

Un plan director para o conxunto histórico e patrimonial

Concretamente, o convenio asinado este martes sinala que o seu propósito é o desenvolvemento de proxectos de investigación arqueolóxica (prospección, escavación, analítica e estudo de materiais, conservación-restauración, musealización, difusión e divulgación) na área arqueolóxica do castro de Formigueiro, na parroquia de Trasalba, e a súa contorna. Tamén se inclúe a organización e realización de actividades académicas relacionadas ou resultantes destes proxectos de investigación arqueolóxica, tales como participación de alumnado nas escavacións, apoio a investigadores en formación, presentación de comunicacións en congresos ou simposios científicos, organización de exposicións ou visitas guiadas e impartición de charlas ou conferencias divulgativas, entre outras.

O convenio recolle asemade a realización de labores de coordinación e dirección científica centralizada de todos os traballos e proxectos de índole historico-arqueolóxico ou patrimonial que, sendo alleos á Universidade de Vigo, se estean a realizar ou poidan realizarse no futuro na área arqueolóxica de Formigueiro. Tamén se inclúe a elaboración, redacción e posta en funcionamento dun plan director para o conxunto histórico e patrimonial de Formigueiro. Por último, o acordo recolle a asesoría, colaboración e, no seu caso, realización directa doutras intervencións arqueolóxicas que poidan acontecer no termo municipal de Amoeiro que sexan de interese mutuo.

A zona dos Chaos de Amoeiro, á beira do río Barbatiño, é unha zona de gran riqueza patrimonial, como o amosan as estelas atopadas / Duvi

A zona dos Chaos de Amoeiro, á beira do río Barbatiño, é unha zona de gran riqueza patrimonial, como o amosan as estelas atopadas / Duvi

Para levar a cabo estas actividades e proxectos, a Universidade de Vigo achegará os medios humanos necesarios, preferentemente adscritos ao GEAAT, así como os medios técnicos e científicos dos que dispoña. Pola súa parte, o Concello de Amoeiro comprométese a sufragar os gastos derivados da intervención ou proxecto concreto, achegando asemade os medios materiais e humanos (maquinaria, persoal auxiliar, etc.) dos que dispoña. As partes comprométense á realización de, cando menos, unha actividade ou proxecto anual, preferentemente unha campaña de escavación estival no castro de Formigueiro, durante os catro anos de vixencia do convenio.

Un marco de colaboración máis amplo

Alén de asinar este convenio específico, os representantes do Concello de Amoeiro e da Universidade de Vigo asinaron un convenio marco de colaboración que ten como obxectivo instrumentar e regular as súas relacións e que permite a subscrición de convenio específicos como o posto en marcha no eido arqueolóxico. O propósito deste convenio marco é realizar actividades e proxectos en forma conxunta en todo tipo de asuntos que resulten de interese para as institucións implicadas, como poden ser o desenvolvemento de proxectos de investigación, a organización de actividades académicas, o apoio a investigadores e estudantes ou o intercambio e colaboración en todo tipo de proxectos culturais de interese común.

Pode que che interese...