fbpx
Integrantes da coluna de Sanfins

A coluna Sanfins, os mineiros que morreron na defensa da República

Tempo de lectura: 2 min.

En xullo de 1936, un numeroso grupo de traballadores das minas de San Fins, en Lousame, foron protagonistas da resistencia ao golpe militar fascista na provincia da Coruña. Dende as minas de Vilacoba transladáronse a Noia, despois a Compostela, mais tarde a Ordes e finalmente Á Coruña, tentando facer fronte aos militares que se ergueran contra a II República.

En combate con tropas regulares con armamento e preparación militar, os sindicalistas da CNT de San Fins só contaban coa dinamita que usaban no seu traballo de mineiros e, malia todo, foron quen de manter a resistencia por varios días e recuperar parte da cidade da Coruña nos combates polas rúas.

A resultas do seu combate moitos deles foron asasinados, padeceron o cárcere, a represión e a persecución. Pero outros, unha vez derrotados, formaron parte das iniciativas de resistencia aos militares alzados, tanto nas tropas republicanas como máis tarde nas organizacións clandestinas e na guerrilla antifranquista.

Homenaxe aos integrantes da coluna de Sanfins

Homenaxe aos integrantes da coluna de Sanfins

Homenaxe

Por iso, e para non esquecer a importancia que estes homes tiveron para manter a legalidade democrática contra os alzados fascistas, o Grupo de Memoria Histórica da CNT , xunto coa Sociedade Histórica e Cultural «Coluna Sanfins» de Lousame, quere recoñecer a súa fazaña cunha homenaxe. Así, lanzou unha campaña de financiamento do monumento popular dedicado a estes mineiros.

O monumento popular pretende homenaxear e rescatar esta historia de dignidade e resistencia pouco coñecida e salientar que si existen numerosos exemplos de resistencia neste país. “Xa comezaron a chegar as primeiras aportacións, mais precisamos de máis contributos para que entre todas e todos, co noso grao, poidamos levar a cabo esta homenaxe”, apuntan desde a entidade organizativa.

A homenaxe terá lugar no próximo domingo, dia 30, a partir das 11 horas nas minas de Sanfins (Lousame). Con todo, para participar na campaña de financiamento os interesados teñen o que resta de mes e o seguinte.

 

Mais info:

Tutorial para aportar no Goteo

Web da Coluna Sanfins

Evento da campaña no facebook

Pode que che interese...