Como foi a primeira monarquía e o pimeiro rei de Galicia
No ano 410 o feble Imperio Romano claudicaba diante das tribos xermánicas dos suevos, vándalos e visigodos . O emperador Honorio viuse na obriga de realizar pactos cos distintos caudillos destes pobos para tentar conservar outras partes do seu imperio. Entre eses caudillos estaba o suevo Hermerico, a quen lle concedía a soberanía, de facto, sobre unha distante provincia imperial: a Gallaecia. Convertíase, desde entón, no primeiro rei de Galicia.
Hermerico foi o monarca dun reino que sería o primeiro na historia da Europa medieval. Duraría 175 anos, ata que o rei visigodo Leovixildo conquistouno e uniuno á antiga Hispania. Con todo Galicia, oficialmente, continuou sendo un reino, cando menos de xeito oficial e administrativo ata 1833.
Os primeiros anos do seu reinado en Galicia son confusos. Algúns autores apuntan que foi un caudillo moi severo coa poboación hispanaromana, outros suliñan que o que pretendía era pacificar un territorio que desde a caída do imperio estaba sumido no caos e no medo. O caso é que, Hermerico, acabaría enfrontouse, indistintamente, a poboadores locais, recelosos do seu novo señor, e a outros pobos bárbaros, como os vándalos asdingos.
Precisamente, os vándalos derrotárono no 419 nos Montes Nerbasos, no Bierzo. Hermerico tivo que pedir axuda ao conde romano Asterio, para poder recuperar o seu territorio. Co apoio de Roma e a decisión do caudillo vándalo Genserico, de marchar cara á Bética, o monarca suevo volveu recuperar o seu territorio.
Pactos con Roma
O asentamento suevo legalizouse mediante un pacto entre Hermerico e o emperador romano Honorio. Inmediatamente iniciouse o enfrontamento coa poboación galaica e galaico-romana. Segundo apuntan algúns autores, cara ao ano 430 Hermerico ordenou arrasar o interior de Gallaecia, aínda que a poboación galaicorromana conseguiu conservar na súa poder as máis poderosas fortalezas.
Precisamente, esta situación de constantes enfrontamentos levou a tentar a consecución dunha paz que foi promovida polo bispo Idacio, que actuou como legado do xeneral romano Aecio, para lograr do monarca suevo un compromiso para o mantemento dos tratados.
No ano 431, o bispo comanda unha embaixada ata as Galias (actual Francia) na procura de Aecio. O motivo é frear a escalada de violencia na que se atopaba Gallaecia despois de que os suevos racharan o pacto de convivencia coa poboación local. Ao ano seguinte, Idacio retorna cun delegado imperial, Censorio. A embaixada semellou tranquilizar as cousas no territorio da Galicia. Finalmente, conseguen a firma dun foedus no ano 433 que non serviu para que se quebrantasen os tratados, os cales houbo que ratificar nos anos 437 e 438.
Tamén no reinado de Hermerico testemúñanse os primeiros enfrontamentos coa xerarquía relixiosa, derivados do nomeamento de cargos eclesiásticos que provocaron disputas entre o monarca suevo e Agrestio, bispo de Lugo. No ano 438, Hermerico, xa na última parte do seu reinado, asociou ao seu fillo Rekhila ao trono debido a unha grave enfermidade que lle acompañou nos últimos anos da súa vida. Á súa morte Rekhila quedou como rei único dos suevos.
Era tan complicada a relación entre suevos e galegos?
Sen embargo, para o historiador Xoán Bernárdez Vilar, nin Hermerico foi un rei cruel cos seus súbditos galegoromanos, nin Idacio un santo. Precisamente, o bispo era un antisuevo consagrado e o reino suevo foi moito máis pacífico do que parece.
De feito, unha fornada de historiadores, entre eles Bernárdez Vilar ou López Carreira, cren que houbo unha simbiose entre os suevos e a poboación local, coa entrada dos galegos no exército xermánico, porque senón non se entendería que acabaran controlando case toda a Península Ibérica no século V.
O propio Orosio suliña nas súas crónicas que os galegos víronse aliviados da presión fiscal dos romanos. A sinatura no 433, do acordo entre suevos e romanos, asinado por Hidacio, en nome dos galaico-romanos, e Balconio de Braga e Sinfosio, no dos suevos, marca, segundo apunta Victoria Armesto, a fin das hostilidades entre suevos e galegos, así como o nacemento do que o propio Hidacio denomina regnum suevorum.
Reino galego, xermánico ou romano?
Tampouco os historiadores se poñen de acordo sobre o nacemento real dunha verdadeira monarquía galega. Xosé Filgueira Valverde cría que o Reino dos Suevos foi unha das etapas máis falseadas da nosa historia. Tamén Casimiro Torres sinalaba que, aínda que posuía unhas particularidades étnicas, xeográficas e medioambientais diferenciadas, a Gallaecia dos suevos non deixaba de ser un retallo do Imperio Romano.
Sen embargo, para Anselmo López Carreira o reino suevo foi o primeiro reino de Galicia e arrinca no ano 410, cando os suevos asinaron un pacto (foedus) co emperador romano. Así, asegura que, precisamente, a denominación de Reino de Galicia, remóntase xa ao século VI, cando Gregorio de Tours alude ao “Gallicciense Regnum”, “expresión inequívoca da avanzada fusión das dúas comunidades que habitaban Gallaecia, a galaico-romana e a sueva, derrubadas as barreiras étnicas que impedían a síntese nacional”, apunta.
Pero como era Hermerico?
Segundo Orosio foi un bo gobernante que non permitía que os seus compatriotas vivisen a conta do galaico-romanos; de aí o dito de que enfundaban as espadas e entusiasmábanse cos arados.
Segundo San Isidoro, Hermerico, o primeiro Rei de Galicia, reinaba un pobo barbárico menor, tanto desde o punto de vista demográfico como militar, xa que a súa poboación podíase estimar entre 30.000 e 40.000 persoas.
BIBLIOGRAFÍA
González López, Emilio. A Grandeza e decadencia do reino de Galicia. Editorial Galaxia
López Carreira, A; Fernández Cal, T. Os reis de Galicia. A Nosa Terra. Vigo, 2003
Bernárdez Vilar, Xoán. O comezo da nosa Idade Media. A Gallaecia que se emancipou de Roma, 2003, Toxosoutos
García Nieto, L.A. Historia de España Visigoda. (Madrid, Cátedra: 1989).
Torres Rodríguez, C. El reino de los suevos (Fundación Barrie de la Maza: 1977).
VV.AA. España Visigoda. En Historia de España dirigida por Ramón Menéndez Pidal. Tomo III. (Madrid, Espasa-Calpe: 1985).