O temporal deixa ó descoberto restos romanos no Vicedo
Sen dúbida a nova cultural dos últimos días debeuse ós efectos do temporal Emma na costa de Cádiz. Alí a mar de fondo sobre os areais da provincia deixou ó descuberto importantes achados arqueolóxico. Así, apareceu unha calzada romana, mentres no areal de Barbate aparecían tamén nas últimas horas os restos dunha piscifactoría preto do illote de Trafalgar. Tamén en Galicia a acción do temporal atlántico deixou algúns dos nosos areais espidos. No Vicedo, tal e como se comentaba Jesús Fernández no foro de FB Arqueoloxía de Galicia, apareceron novas áncoras ou mortos, preto do xacemento de San Román.
“Hoxe paseando po la praia de San Roman en O Vicedo o mar deixou ó descuberto varias pedras con furado, eu atopei cinco, unha estaba rota” comentaba un usuario do grupo na rede social Facebook. “Poderían ser áncoras?”, preguntaba. O certo é que segundo a forma das fotografías achegadas e a opinión de outros usuarios, os obxectos atopados parecen ser áncoras ou mortos, un tipo de pesos empregados historicamente para fondear embarcacións no noso país. As pedras, aparentemente de granito ou gneis, cun furado de amarre central e con escotaduras para fixar outros elementos tal que cordas, parecen ter claramente esta función.
O debate estriba na súa antigüidade das pezas. Mentres os máis ousados apostaban por unha procedencia medieval ou normanda, outros internautas, apostaban por unha función máis achegada no tempo, como método, por exemplo de fondear embarcacións de pesca tradicional. O que é certo e que o achado semella bastante a outro atopados no mesmo lugar no ano 2014, preto do sitio arqueolóxico dos Moutillós, no Vicedo. Alí se atoparon dúas áncoras de pedra duns 85 x 56 cm e 66 kg de peso, con abundantes restos de lastre, que poderían terse utilizados por embarcacións na Idade Media e que foran atopados por membros de Marina Patrimonio.