fbpx
Un cabezudo coa imaxe de Picasso / foto fsHHCC0

A etapa coruñesa de Pablo Picasso chega ata Shanghai

Tempo de lectura: 3 min.

Picasso comezou a súa carreira como pintor na cidade da Coruña. Foi unha curta pero frutífera tempada entre 1891 a 1895, entre a súa infancia na cidade de Málaga e os seus estudos superiores en Barcelona. A familia trasladaríase á cidade galega cando o seu pai fora contratado como mestre de arte no instituto Eusebio da Guarda. Aquí un Picasso de dez anos estudará na Escola Provincial de Belas Artes, onde tivo como mestres a Román Navarro ou a Isidoro Brocos, e, de feito, a súa primeira exposición, con tan so 13 anos, foi na rúa Real da cidade. É por isto que A Coruña pertence á ruta das cidades picassianas, como un deses lugares que deron pé a conformar o xenio artístico do gran pintor.

Mais aínda que o papel da Coruña na traxectoria do artista é máis que coñecido e recoñecido en España, especialmente dende o ano 2015 a cidade acollera unha das exposicións máis importantes sobre as primeiras etapas do pintor, non o é tanto alén dos Pirineos. E é que, ata o de agora, esta etapa da formación de Picasso na cidade da Coruña nunca chegara tan lonxe. Pois o Concello da Coruña vén de dar un paso máis na promoción deste momento pictórico do xenial artista, colaborando con diferentes institucións para a creación dunha mostra na cidade chinesa de Shanghai, a cidade máis poboada de China.

Picasso, detalle dunha das súas pinturas / foto manolofrancoCC0

Así, dende o próximo 3 de agosto até o 31 de outubro, ata 20 millóns de chinos residentes nesta cidade poderán gozar da mostra sobre a etapa de formación deste sensacional artista global. A exposición, promovida polo Concello da Coruña e na que tamén colaboran a Escola de Artes e Oficios da Coruña Pablo Picasso, o Museo Buitrago de Madrid, as Fundacións Abelló e Palau, o Centre d´Horta, e outros particulares, será desenvolvida gracias a doutora da Universidade de Barcelona e chinesa de orixe Hsu Fen Lan, comisaria da mostra. Na presentación o pasado día 5 estiveron presentes Xulio Ferreiro, o concelleiro José Manuel Sande, a propia Hsu Fen, Francisco Muíños e Carmen Jiménez, da empresa xestora da Casa Museo de Pablo Picasso.

Unha etapa completamente descoñecida en china

O obxectivo é desenvolver un dobre camiño de ida e volta sobre o pintor. Xa que, se ben para o público de Shanghai é unha oportunidade única de coñecer unha das etapas menos promocionadas do pintor, para a cidade da Coruña ábrese a posibilidade de darse a coñecer á que é a cidade máis poboada dun dos países que máis terá que dicir no futuro inmediato no mercado do turismo. O obxectivo é que a cidade se consolide así dentro do circuíto de cidades picassianas amosando unha faceta non tan mediterránea da súa formación.

E é que para, Hsu Fen Lan, a etapa de formación de Picasso é completamente descoñecida en China. “Para min, que teño formación en arte, a súa etapa de aprendizaxe comezaba en Barcelona. En China, Picasso é coñecido por catro dos seus cadros”, indicou. “A Coruña ten unha xoia nesta etapa da vida e formación de Pablo Picasso” e desexou que “algo tan importante” aumente a súa proxección internacional, estudo e coñecemento.

Mural do Gernika de Picasso en Gernika / foto PapamanilaCCBy Wikimedia

É por isto que a exposición ten un especial “sentir pedagóxico e didáctico”, promovendo que se estude, coñeza e entenda a evolución do pintor. Para isto a mostra contará con 137 pezas distribuídas en cinco salas. Contará con cadros do seu pai, José Ruiz Blasco, e os seus mestres, Isidoro Brocos e Román Navarro, así como inspiradores como Gumersindo Pardo Reguera. Contará con salas adicadas a estes, as pinturas da súa etapa de formación, da relación desta coas súas obras máis coñecidas, a súa evolución e unha sala de actividades pedagóxicas.

Pode que che interese...