fbpx
Ángel Gilberto Papigil, Pai, un dos grandes divulgadores do patrimonio galego

Morreu Ángel Gilberto Papigil, un dos grandes divulgadores do patrimonio galego

Tempo de lectura: 3 min.

Morreu un dos grandes divulgadores do patrimonio de Galicia, Ángel Gilberto Papigil

En Galicia, o día 25 de Setembro de 2018, unha árbore caeu no medio do bosque.

Morreu Ángel Gilberto Papigil, Papi. Foise un gran amigo e insustituíble valedor da cultura galega. A min, tócame lembralo como senlleiro colaborador e compañeiro na Sociedade Antropolóxica Galega SAGA; Membro do Fuso da Moura (Grupo de traballo sobre as Pedrafitas Galegas). Músico, activo divulgador e axente cultural nas redes sociais e outro foros, gran deportista…e moitas mais cousas. Como sintetizar a esencia e traxectoria dunha persoa e non fallar á verdade? Eu non son quen mellor o coñecía, nin moito menos. Tampouco o que menos, mais precisamente por elo a miña perspectiva sobre el, mailo baleiro que deixa atrás,coido que achega a perspectiva de quen, coma min, pode ser relativamente obxectivo na súa subxectividade sobre o Papigil. Considero, pois, que a súa dedicación á cultura galega, o seu impacto a prol dela, rendeu moito mais do que se puidera pensar. Papigil foi un exemplo de constancia nos seus esforzos, orientados a estender ó seu redor unha atmosfera de galeguidade. Percorreu Galicia co propósito de documentar, e compartir toda unha parte do patrimonio cultural da nosa terra. Fundamentalmente, ese traballo fica polo de agora inédito. Apenas coñecido por amigos e persoas mais achegadas. Mais con iso, co seu exemplo e enerxía, foi un faro para moitos de nos. Un referente, pois, no complicado contexto da contemporaneidade galega. Como sintetizar a esencia e traxectoria dunha persoa e non fallar á verdade?

Foi tamén un pai devoto que transmitiu o seu amor por Galicia e a súa cultura. Soamente con iso xa merecería o noso aplauso, como moitas outras persoas que fan do normal algo excepcional, dados os tempos. Despois de todo, canto vale o traballo de loitar contra o esquecemento? Como sintetizar a esencia e traxectoria dunha persoa e non fallar á verdade?

Entre outras moitas cousas que persoas mais autorizadas poderán dicir, eu destaco en Papigil algo extraordinario. O feito de gastar a cultura galega e, en facendo iso, engrandecela, sacarlle brillo e aguza-lo seu gume. Aí fora hai moita xente como Papigil, tan valiosa como el. Mais o noso amigo foi ademais un xogador de equipo, unha persoa sempre disposta a xuntar folgos e da-la cheda a prol dunha Galicia mellor. De non ser así, a súa vida e traxectoria terían o interese do caso singular. Mais o noso compañeiro foi, sobre todo, un bo e xeneroso galego. Un traballador sen vaidade. Un tipo intelixente de fino humor. Un galego practicante. Un home ó axexo de si mesmo, co gallo de aprender continuamente e, ó facelo, axudarnos ós demais a ser mellores. Cada quen ó seu xeito. Como sintetizar a esencia e traxectoria dunha persoa e non fallar á verdade?  

Unha grande árbore caeu no bosque. Se fixo ruído ou non, depende de nos. De si habitamos ou non a mesma fraga, mesta e verde. Mais dende logo que caeu porque estaba en pe, ergueito e elegante sobre o chan de Galicia.

Até sempre, amigo. Para nos, a túa lembranza atrona.  

 

Miguel Losada

Secretario da SAGA, Compañeiro do Fuso da Moura.

Ángel Gilberto Papigil, Papi, un dos grandes divulgadores galegos